Bleuenn Le Friec: "Cando se toca a arpa, caen todas as barreiras"

Esta é a historia dunha muller pegada a unha arpa. Con ela leva xa 32 anos da súa vida. Moitos deles en Galicia, onde esta francesa de orixe bretón atopou o seu segundo país. De feito, Bleuenn Le Friec exprésase en galego como se nacese aquí
Bleuenn Le Friec, coa súa arpa. A. DOISNEL
photo_camera Bleuenn Le Friec, coa súa arpa. A. DOISNEL

Esta é a historia dunha muller pegada a unha arpa. Con ela leva xa 32 anos da súa vida. Moitos deles en Galicia, onde esta francesa de orixe bretón atopou o seu segundo país. De feito, Bleuenn Le Friec exprésase en galego como se nacese aquí.

Que fai unha francesa de Bretaña en Galicia?
Levo dezaoito anos en España. Viñen a San Sebastián a estudar arpa no conservatorio Musikene. Despois, estiven unha etapa en Alemaña e a casualidade quixo que viñese tocar coa Orquestra Sinfónica a Galicia, onde levo xa dez anos asentada. Gustoume e  decidín quedar.

Considérase xa que é máis galega que bretoa?
Levo en Galicia case a metade da miña vida. Resúltame difícil definirme. Síntome moi acollida e integrada pero sigo a ser francesa aquí. En cambio, cando vou ao meu país síntome de fóra. Estou a cabalo entre as dúas identidades. Pregúntome moitas veces de onde me sinto e non sei que contestar. O que si sei é que a miña vida agora está aquí. Intento falar galego porque esquecín o bretón. As linguas poden morrer dentro dunha mesma se non se usan! Pero falo galego porque é outra maneira máis de entender a identidade deste país.

Custoulle aprender esta lingua?
Non. Cando estiven en Donostia intentei aprender euskera. No ambiente no que me movo, fálase bastante galego. Axudoume tamén o que estudei para sacar o Celga, que sabía falar ben o castelán e que lin moito en galego.

Como empezou a tocar a arpa?
Empecei con 6 anos. Quería tocar o acordeón pero non quedaban prazas. Non sei como elixín a arpa pero miña nai fíxome caso aínda que na miña familia non eran músicos.

Colabora con distintas orquestras sinfónicas e con Carlos Núñez e dá clase tamén no Conservatorio Superior de Música da Coruña e na Escola Municipal de Santiago. A estas alturas da vida, cre vostede que se pode vivir da arpa?
Si, aínda que non hai unha fórmula escrita. Tes que buscar o camiño, impulsar proxectos e xuntarte con xente diferente. Todo isto é moi estimulante aínda que dá inseguridade a nivel laboral.

Que idea ten a xente, polo xeral, deste instrumento?
Cada vez é máis coñecido, aínda que senten curiosidade e distancia hacia el. A arpa clásica pode parecer un pouco pedante pero o seu son chega moito á xente. Cando se empeza a tocar, caen todas as barreiras.

Pensou algunha vez en tocar outros instrumentos, quizais máis accesibles e manexables?
Pensei, pero non o fixen. Soño con tocar un instrumento de vento —quizais, un trombón ou unha trompeta— nunha banda de Galicia, facendo un pasarrúas e levando o instrumento na mochila. O que máis me pesa da arpa é o transporte.

Que lle aporta a arpa a nivel persoal? É parte do seu ser?
Si, é parte de min. Síntome representada por ela.

Xa para rematar, parecémonos en algo os galegos aos bretóns?
A paisaxe e a relación co mar e a terra que hai en Galicia é similar á que hai na Bretaña, igual que o xeito de ser e de vivir. Tamén o clima é moi parecido. Galicia e Bretaña comparten, ademais, o orgullo pola súa cultura e unha identidade comunitaria forte.

Comentarios