Bob Pop falará da súa serie 'Maricón perdido' na mostra de cinema Ambienta de Pontevedra

O ciclo de proxeccións terá lugar entre o 12 e o 16 de xuño e incluirá tamén un concerto de Mondra
O guionista, escritor e crítico Bob Pop. EUROPA PRESS
photo_camera O guionista, escritor e crítico Bob Pop. EUROPA PRESS

O colaborador de programas de televisión, escritor e guionista Bob Pop participará este ano na Mostra Internacional de Cinema LGTBIQA+ de Pontevedra, Ambienta, que se celebrará entre o 12 e o 16 de xuño na Praza da Pedreira. Segundo anunciou este mércores a concelleira de Festas, Carme da Silva, Bob Pop presentará a súa serie Maricón perdido, o día 14 (21.30 horas), antes de que se proxecte o primeiro episodio deste proxecto que desenvolveu xunto a Alejandro Marín.

"Do que se trata é de axudar a construír e visibilizar referentes LGTBI+", explicou Carme da Silva ao respecto do convite a Bob Pop. A concelleira tamén indicou que a decisión de realizar esta programación na Pedreira ten que ver "co dereito á diversidade no espazo público".

Ademais de darlle cabida a series na súa programación, Ambienta apostará tamén por outros formatos audiovisuais. Así, por exemplo, o luns 12 (22.00 horas) de xuño haberá un concerto do cantareiro e bailador Mondra, que mestura música tradicional e electrónica. Despois proxectarase o seu videoclip Aghrúuu. A continuación poderá verse a película Blue Jean, de Georgia Oakley, Premio do Público no Festival de Venecia.

A mostra inclúe tamén a estrea en Galicia de Anhell69, do colombiano Theo Montoya, que foi premiada nos festivais de Mar de Plata e de Xixón. Proxectarase, en colaboración co Cineclub Pontevedra, o martes 13 de xuño. O xoves 15 poderase ver o documental Flee, multipremiado filme de animación de Jonas Poher Rasmussen recoñecido no Festival de Sundance e que conseguiu ser finalista ata en tres categorías nos Premios Oscar. Este pase realizarase en colaboración co colectivo Avante LGTB+.

Ambienta rematará o venres 16 de xuño (21.00 horas) cunha sesión de clausura a cargo de 7 notas, 7 cores, seguida da proxección da curta Moitos moito, de Alma Alonso, e unha selección de curtametraxes realizada polo FIC Bueu, que inclúe o pase de Lique, de Anita Pico; L'Amie de l'été, de Maxime Hermet; Siebzähni, de Nicole Beutler, e Desviación típica, de Paco Ruiz.

O acceso a todas as actividades é de balde. As proxeccións audiovisuais comezarán sempre ás 22.30 horas. No caso de chuvia, as actividades do luns (12), mércores (14) e venres (16) pasarán ao Pazo da Pedreira e as proxeccións suspenderanse. A información completa pode consultarse na páxina web de Ambienta

Comentarios