Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

Bueu únese ao programa Cinemas de Galicia para potenciar filmes galegos

Presentación da iniciativa no Concello de Bueu
Presentación da iniciativa no Concello de Bueu
A programación incluirá unha ducia de películas e comeza mañá coa proxección de 'Mimosas', de Oliver Laxe, no Centro Social do Mar

Incrementar tanto o número de pantallas da comunidade como as opcións de distribución dos filmes galegos máis recentes é a finalidade da participación do Concello de Bueu, o Cineclub buenense e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no programa Cinemas de Galicia. A iniciativa foi presentada este xoves polo presidente da Agadic, Jacobo Sutil; o rexedor do municipio, Félix Juncal, e o secretario do Cineclub de Bueu, Xoán Pastoriza.

Neste programa participan nove concellos e pretende "levar a vilas pequenas filmes galegos e internacionais", segundo explicou Xoán Pastoriza, idea que tamén apuntou o director da Agadic, quen recoñeceu que "se trata dun programa que contribúe á difusión do noso cine, ao tempo que recupera o hábito da pantalla grande e nos ensina o lugar dos nosos filmes no ámbito internacional".

Na súa intervención, Félix Juncal salientou que "os cineclubs son os responsables de manter erguida a bandeira do cine en Bueu" e que este proxecto está coordinado cos Sábados de Teatro, iniciativa posta en marcha polo Goberno local. Juncal apuntou que Cinemas de Galicia é un proxecto ambicioso, no que se proxectará unha ducia de películas, e que se realiza mediante un convenio de colaboración entre ambas administracións, que suma arredor de 5.000 euros.

A programación comezará o sábado coa proxección de Mimosas, filme dirixido por Oliver Laxe, que recibiu o Premio Semana da Crítica do Festival de Cannes en 2016, e o Premio Especial do Xurado e o de Mellor Son no Festival de Sevilla. Laxe propón unha epopea sobre a sacralización dun mundo no que aínda existe unha busca da vontade divina, para falar, en última instancia, do poder transformador da fe.

A proxección do filme contará coa participación do produtor Felipe Lage e poderase ver no Centro Social do Mar ás 21.00 horas, cun prezo de entrada de 3 euros. Ese mesmo día, ás 19.00 horas, o Cineclub celebrará a súa asemblea extraordinaria, na que se informará aos socios sobre o programa.

A seguinte película proxectarase o sábado 6 de maio. Os espectadores e espectadoras terán a posibilidade de ver Cen anos de perdón, dirixida por Daniel Calparsolo. Trátase dun filme de denuncia no que se empregan esquemas clásicos do cine de roubos e atracos para poñer de manifesto a corrupción e unha pirámide de intereses que se irá desmoronando e pon de manifesto a degradación moral e social.

O 19 de maio será a quenda de Os días afogados de César Souto e Luís Avilés, unha proposta documental que conta como afectou a construción, en 1992, do embalse de Lindoso, en Portugal, ás aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque. Cando todo estaba a piques de perderse, os habitantes destes lugares colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a rexistrar todo o que acontecía.

O filme reflicte a tensión entre o existencial e o político, entre o tempo pasado e o presente, para explicar a realidade.

Nesta proxección vaise contar coa directora da Mostra Internacional de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego, Ana Estévez.

Bueu únese ao programa Cinemas de Galicia para potenciar filmes...