Bunbury dará un concerto en Pontevedra o 12 de agosto

A actuación forma parte da súa xira de despedida ▶ Será de pago na explanada do Recinto Feiral un día antes do inicio das Festas da Peregrina
Bunbury. ARCHIVO
photo_camera Bunbury. ARCHIVO

A xira de despedida dos escenarios de Enrique Bunbury pasará por Pontevedra. Segundo desvelou o artista este mércores, ao dar a coñecer as datas definitivas de El último tour, o 12 de agosto actuará en Pontevedra. É a única data que agora mesmo ten pechada en Galicia.

O Concello de Pontevedra confirmou que efectivamente Bunbury actuaría na cidade no verán. Ao tempo tamén fixo público que o seu sería un concerto de pago, que se celebraría na explanada do Recinto Feiral xusto o día antes do comezo da programación das Festas da Peregrina. As entradas poñeranse á venda a través da web do artista: enriquebunbury.com.

Deste xeito, o cantante volve á cidade xusto catro anos despois de ter actuado na Praza de España, en agosto de 2018, aí si dentro da programación das festas de agosto. Daquela ofreceu un concerto, no escenario central dos festexos do verán, que ateigou a praza e as súas inmediacións.

O artista anunciou hai uns poucos días, a través dun comunicado, que se retiraba dos escenarios debido aos problemas de gorxa que vén arrastrando dende hai anos

Este ano regresará a Pontevedra despois de anunciar que se retira. Fíxoo hai uns poucos días a través dun comunicado no que sinalaba que "los conciertos que quedan pendientes de aquí a septiembre de 2022 en Estados Unidos y España serán los últimos que realice". O motivo, segundo contaba el mesmo, eran os problemas de gorxa que viña arrastrando desde hai anos. Si que anunciaba que seguiría publicando discos.

Nacido en Zaragoza en 1967, Enrique Bunbury é un dos artistas españois máis relevantes da súa xeración. Despois de militar en distintas bandas durante a súa adolescencia, en 1984 foi un dos fundadores do grupo de rock Héroes del Silencio, banda fundamental da escena estatal de finais dos anos 80 e dos anos 90.

Tras a disolución do grupo iniciou unha carreira en solitario que o levou a experimentar con diferentes sons. Debutou con Radical sonora en 1997, no que se achegaba á música electrónica e á psicodelia. Despois tamén abandonaría este camiño interesándose máis intensamente pola fusión e pola música mestiza, e mantendo unha forte conexión con Latinoamérica. Ten publicados dez álbums en solitario. O último deles, en 2020, foi Posible.

Comentarios