Pepe Cacabelos: "Nunca imaxinei que podía chegar a publicar un disco"

O cambadés publica o seu primeiro álbum, Soy ▶ Preséntao en formato acústico o domingo na Festa da Ostra de Cambados ▶ O artista, de 46 anos, debuta con este traballo, producido por Alis e no que contou coa colaboración de músicos como Basilio Martí ou Anxo Xesteira
O cantante e compositor Pepe Cacabelos. DAVID FREIRE
photo_camera O cantante e compositor cambadés Pepe Cacabelos. DAVID FREIRE

Toca a guitarra dende rapaz. "Aprendín de xeito autodidacta, porque sempre me gustou a música. Nunha época na que tiven un pub, facía alí jam sessions cos amigos. Caralladas, lle chamabamos. Porque nunca o tomamos moi en serio», conta. "Pero sempre tiven dentro esa inquedanza por compoñer. Non tiña nin idea de como se facía e parecíame súper complicado, pero aí estaba. Cando coñecín a Jorge Drexler pregunteille directamente como podía aprender. Contestoume: le poesía". 

Pepe Cacabelos (Cambados, 1975), en realidade José Luis Núñez Cacabelos, de nome artístico simplemente Cacabelos, vén de publicar o seu primeiro disco aos 46 anos. Titúlase Soy e está dispoñible en todas as plataformas de reprodución de música dende o 11 de marzo. "Este traballo sae sen absolutamente ningunha pretensión. Nin me preocupa a idade que teño nin moito menos a idea de triunfar. Dígoo de corazón. Isto fágoo por riscar un soño da lista e de que o día de mañá, estando a morrer, non me poña a pensar, 'ah, tiña que ter sacado un disco, a ver se o fago na seguinte vida'. Porque non hai seguinte vida, así que hai que facer o que se poida nesta", explica.

"Seguramente se sacas un disco con 20 ou 25 anos queres petalo. Pero a estas alturas non é a miña intención. Simplemente quería facelo. Agora, que lle guste a canta máis xente mellor. E nada máis". É consciente de que, a maiores, o seu pop melódico xoga a contramán en pleno auxe do trap e da fusión das músicas urbanas con todo tipo de sons. "Fago pop ochenteiro, si. É o que escoitei toda a vida. Non podo facer outra cousa".

Cando coñecín a Jorge Drexler pregunteille directamente como podía aprender a compoñer. Contestoume: le poesía.

Cacabelos tocará os seus temas por primeira vez, en formato acústco, o domingo 17 de abril na Festa da Ostra de Cambados (Rúa Real, 13.00 horas, acceso libre e gratuíto). Máis adiante, o 28 de maio, estará no Mamounia do Grove. A idea é ir sumando máis datas ao longo do verán, cando teña unha banda formada. "Niso estou".

AVENTURA. Na aventura discográfica do cambadés xogou un papel fundamental o produtor de Baeza (Xaén), tamén compositor e músico, Pachi García Alis. "Somos amigos dende críos e el foi quen máis me animou a compoñer. Fíxenlle caso e empecei a escribir cousas. Aproveitei unha temporada que estiven vivindo na Coruña, na que baixaba moito á praia e alí escribía notas e versos. De repente xunteime con cinco temas". Isto foi xusto antes da pandemia, en xaneiro de 2020. Envioullos a Alis, "cunha vergoña tremenda, con moito medo por ver que lle parecían", e devolveullos xa producidos. "Cando os oín, alucinei. Non tiña nin idea de que podían chegar a soar así. Conseguiu darlles unha dimensión que non esperaba".

Este traballo sae sen absolutamente ningunha pretensión. Nin me preocupa a idade que teño nin moito menos a idea de triunfar. Dígoo de corazón.

A idea era publicar un EP con esas cinco cancións. "Pero chegou a pandemia e o confinamento e pensei que para que. Non lle vin sentido. Como dicía un amigo meu, era como disparar unha bala ao aire. A única bala que tiña". Decidiu agardar. Seguiu compoñendo e saíron tres temas máis. Xa tiña un disco. "Todo isto foi unha experiencia flipante. Nunca na vida imaxinei que acabaría sacando un disco".

Cacabelos recoñece en Drexler unha referencia. Outra, fundamental e importantísima, é Pachi García Alis. "O meu irmán, un dos mellores compositores que hai neste país sen ningún xénero de dúbidas". E outra é Antonio Vega. "Tiven a enorme sorte de poder traelo a Cambados cando tiven unha produtora de concertos. De aí saíu unha grande e desgrazadamente curta amizade. Pero seguín mantendo amizade cos músicos da súa banda. De feito, nun dos temas do disco, ‘Me gustas’, participa o seu teclista, Basilio Martí. Para min é un orgullo impresionante que estea no meu disco".

Outro músico que colabora no traballo é Anxo Xesteira. "Temos unha comparsa en Cambados e facemos moitas cousas xuntos. É o máis novo de todos e o que nos ensina a todos os demais. Somos moi amigos e entrou no disco case por casualidade. Atopeino un día estando con Alis na praia do Terrón, cando estabamos gravando os tres últimos temas do disco. Presenteinos e expliqueille que era un acordeonista incrible. Contestoume que molaba meter un acordeón nunha canción, así que llo pedín a Anxo. Cando lle mandei a Alis o que fixera, só me respondeu: Pero este tío é un fenómeno!".

Fago pop ochenteiro, si. É o que escoitei toda a vida. Non podo facer outra cousa.

O tema no que Anxo Xesteira toca o acordeón é Soy, que é o que lle dá título ao álbum. Do seu videoclip e fotografía, como do que foi o segundo adianto do álbum, Se veía venir, encargáronse o pontevedrés Emi Ramírez e o estradense Álex Mosteiro. "Son dous rapaces alucinantes. Se sigo facendo cousas, estou seguro de que seguirei contando con eles".

Se as persoas que o rodearon son importantes no disco de Cacabelos, tamén o son os espazos nos que se move. Soy gravouse en San Vicente do Mar e Se veía venir, en Los Tres Monos de Aguete. "San Vicente é un sitio que me encanta. Aínda que eu son moi de Cambados, eh. De feito, gardo ese espazo, o de Cambados, para o videoclip máis especial. Dei moitas voltas na vida, pero sempre acabei volvendo a Cambados. Hai algún sitio alí, como a Torre de San Sadurniño, onde me podo tirar horas e horas e horas", comenta o artista.

"Pero San Vicente é como unha segunda casa. Adoro ese sitio. O Grove, en xeral. Así que cando pensamos nun sitio para o videoclip, enseguida se nos viñeron á cabeza A Lanzada e Raeiros. Empezamos a discurrir que facer e como a min me gusta moito esa idea de colocar mobiliario en sitios inesperados, acabamos chantando o sofá no medio da praia para o videoclip". Esa imaxe acabou sendo tamén a portada do disco.

Comentarios