Arantza Portabales: "Calquera cousa que escribamos está lonxe da verdadeira dor, da real"

A escritora asina este mediodía en Pontevedra exemplares de 'A vida secreta de Úrsula Bas'
A escritora Arantza Portabales. DP
photo_camera A escritora Arantza Portabales. DP

A súa editorial en castelán, Lumen, di que Arantza Portabales (Donosti, 1973) é "a nova dama da novela negra española". A autora dálle a razón continuando á historia dos investigadores Santi Abad e Ana Barroso (que creara en ‘Beleza Vermella’) na súa nova obra, A vida secreta de Úrsula Bas (Galaxia, 2021). Este sábado, ás 12.00 horas, estará asinando exemplares na librería Cronopios.

Quen é Úrsula Bas?

Úrsula Bas é unha escritora de moita sona, que un día sae da casa e desaparece. A partir de aí comezaremos a percorrer xunto aos investigadores as rúas de Compostela na súa procura. De Compostela e de toda a xeografía galega, mesmo de Pontevedra, que ten un papel moi relevante na historia. Mentres tanto, esa muller estará metida nun soto, secuestrada por unha persoa que coñece ben e que sabe que a quere matar.

É moi difícil ler a novela e non poñerlle a súa cara a Úrsula Bas. Ten moitas cousas en común con ela?

Úrsula Bas ten moito de min efectivamente, pero ten moito de todos nós. É unha muller que está nun momento vital moi reflexivo. Pásalle algo que creo que nos pasa un pouco a todos: foi perdendo a capacidade de sorpresa segundo foi madurando e, ao atopar algo que lla fixo recuperar, recuperou con ela a paixón pola vida. O que pasa é que esa paixón ten un prezo. Nesta novela hai dous sentimentos que cobran moita forza: o medo e a culpa. A culpa é algo que planea por enriba de todos os meus personaxes porque é un sentimento central na vida, nas cousas que facemos e nas consecuencias que teñen para nós e para os demais.

Recupera aos seus investigadores de Beleza Vermella, Abad e Barroso, pero nun punto moi diferente ao da outra novela.

Necesitaba poñer distancia entre as dúas historias. Quería que evolucionasen e madurasen comigo. Escollín o máximo legal que pode durar unha baixa para acadar esa distancia. Ana Barroso é agora subinspectora de Policía e está moito máis centrada profesionalmente. E Santi Abad decidiu tomar as rendas da súa vida e enfrontar un problema que o consumía en ‘Beleza Vermella’, pero ante o que non facía nada. Os personaxes medraron e teñen máis matices.

Dicía antes que Pontevedra é importante nesta historia. Calquera veciño de cidade que lea que aquí se fala dun caso dunha dependenta de Zara desaparecida vai pensar nun caso real recente. Ata que punto se inspirou na realidade?

A verdade é que non me mergullei para nada no caso ao que te refires, o de Sonia Iglesias. Nin sequera sei a que se adicaba.

Era dependenta nunha tenda de Massimo Dutti.

Pois o máis probable é que ese dato quedara no meu subconsciente porque non me dou conta de coñecelo. Eu o que penso é que a literatura tamén ten que servir para denunciar a dor enorme que supón para unha familia, non só perder a un ser querido, senón non saber que foi del. A incerteza que rodea todas estas desaparicións é un castigo elevado a enésima potencia. De verdade que agardo que esa reminiscencia do caso de Sonia Iglesias que hai na novela sexa entendido pola familia tal e como a concibín: con enorme respecto e co maior agarimo. Insisto, gustaríame que se entendese como o unha verdadeira denuncia do seu sufrimento. Na historia todo isto é continxente. E só cabe lembrar que isto só é literatura e calquera cousa que escribamos está lonxe da verdadeira dor, da real.

Agardo que a reminiscencia do caso de Sonia Iglesias se entenda tal e como o concibín: con enorme respecto e agarimo

En Beleza Vermella rendíalle unha pequena homenaxe á artista marinense Celeste Garrido. Aquí faino de novo, con outra amiga persoal: a xornalista de Onda Cero Pontevedra Susana Pedreira.

Si. Pedinlle permiso, por suposto. Quedei prendada dun texto seu que quería usar e tiña claro que a radio tería un papel relevante. Ocorréuseme facelo con ela. Era perfecta. Gústanme moito estas cousas. Aparecen varios personaxes por aí que tamén existen.

A escritora Carmen Mola dixera sobre Beleza Vermella: "Arantza Portabales consegue que o lector sospeite de todos". Dígame a verdade: a vostede o que lle gusta é torturar un pouco ao que a le.

Non é certo. A min gústame que o lector o pase ben. E o lector de novela negra quere exactamente iso. É un lector moi esixente, que le moito, que ten moi claros os códigos e que goza coa tensión. E iso é o que eu trato de facer.

Está especialmente cómoda no xénero? Vai haber máis?

Estou contestando a esta pregunta dun xeito moi gráfico: hai xusto un ano preparaba a xira de promoción de Beleza vermella en Italia, na Toscana, nos Alpes... Nunca fun. De que serve planificar o futuro se non sabes que pode pasar á volta da esquina? Pois igual unha pandemia mundial. Así que... quen sabe?

Comentarios