Calros Solla: "Cerdedo é un concello maldito"

O divulgador pontevedrés publica ‘'Así aprenderán a non ter ideas’', o título número 16 da colección '‘Cerdedo in the Voyager’'

"Unha cousa fantástica desta colección é que é unha colección maldita", di Calros Solla (Pontevedra, 1971). "Non hai nin un só dos libros na biblioteca do concello. Nin un só dos 16. Ten a súa cousa. E cadra moi ben porque, finalmente, Cerdedo tamén é un concello maldito". No ano 2002, o mestre, investigador e divulgador Calros Solla publicou o libro ‘Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral’. Nacía aí unha colección que pretendía recuperar a memoria do concello de Cerdedo, ao que o pontevedrés está fortemente vinculado. Bautizouna como ‘Cerdedo in the Voyager’. 

Este verán, coa tramitación para a fusión con Cotobade en marcha, publicou o seu título número 16, ‘Así aprenderán a non ter ideas’. "Que Cerdedo desapareza como concello non significa que conclúa a colección. Queda moito por debullar aínda", di o autor. "Probablemente chegue aos 20 títulos, pero eu tampouco quero poñerlle data de caducidade porque dependerá do que dea de si o propio territorio". 

Polo de pronto, ‘Cerdedo in the Voyager’ é unha colección única en Galicia. "E, en boa medida, iso débeselle ao editor". Morgante, un selo de Rinoceronte, publicou 13 dos 16 libros. Os tres restantes saíron dans mans de Edicións Cardeñoso, Serpe Bichoca e o Museo Liste. "Eu non contei cun editor, contei cun mecenas. Moisés Barcia é máis que un amigo, un irmán. Fomos compañeiros de facultade e de batallas. Metido a editor de éxito, entendeu que o seu selo podía acoller esta colección. A amizade entre nós ten moito que ver, pero tamén é verdade que é un produto curioso: 16 títulos sobre un concello pequeno, sumido nunha decadencia brutal, que foi historicamente moi relevante, aínda que agora desapareza". 

"Cando Cerdedo desapareza, o único que quedará do concello, do noso ADN cultural, serán estes libros e pouco máis"

Solla conta que, cando se puxo a escribir sobre Cerdedo, sospeitou dalgunha maneira o que podía pasar no concello. "No verán do ano 1977 un comité de científicos da Nasa, capitaneados por Carl Sagan, decidíu gravar, nun disco de ouro, imaxes e sons da Terra. Colocouno nunha sonda espacial, a Voyager 1, e lanzouno ao espazo. Hoxe é o obxecto deseñado por humanos que está máis afastado da Terra. A idea era lanzar unha mensaxe nunha botella, non só para dicir estamos aquí, existimos, senón para protexer unha especie de legado ante unha catástrofe nuclear. Se iso acontecese, a única testemuña da existencia da humanidade sería ese disco do Voyager", lembra o autor sobre a orixe do título escollido para a colección. "Cando Cerdedo desapareza, o único que quedará del serán estes libros. Só que no noso caso non desapareceremos por mor dunha catástrofe nuclear senón dunha inmolación caciquil. O único que quedará do noso ADN etnográfico, cultural e antropolóxico será isto e pouco máis". 

ESMORECEMENTO. Ben é certo que Calros Solla recoñece que el pensaba, nun primeiro momento, nunha desaparición de Cerdedo debido ao despoboamento. "Certo. Eu intuía un esmorecemento paseniño por mor do despoboamento. Pensaba que urxía facer traballo de campo etnográfico porque desapareciamos. Había que botarse rápido aos camiños porque os sabios da tribo desaparecía. Era necesario. A decisión da fusión, que ten moito de salvacús políticos, non é outra cousa que un paso máis no esmorecemento". 

O último título da colección está dividido en dúas partes e presentada como unha homenaxe aos homes que defenderon a República en Cerdedo. Na primeira parte, Solla repasa o ambiente de Cerdedo antes da proclamación da República. A segunda empeza a partir dese momento. "Aí temos a un Cerdedo no ano 30 que está ao pairo na Idade Medi e no que, da noite para a mañá, hai que aplicar a lexislación republicana, admitir o matrimonio civil, o divorcio, a escola laica e de balde, a secularización dos cemiterios...", indica. "Eu aquí fago fincapé na figura das persoas que fixeron posible ese soño".

Comentarios