A música en directo segue a ser protagonista da programación de verán do Concello de Pontevedra. Foino a semana pasada e continuará a selo esta. Por unha banda, Ghalos de Curral, Calle del Ruido, O Cadelo Lunático e Javier Lago foron os responsables de pechar onte o ciclo Sondeaquí, no que actuaron, ao longo dos últimos días, en tres escenarios diferentes da cidade (Xardíns da Parda, Praza de Barcelos e Praza de España), 18 grupos da escena local. Por outra, este luns comeza un novo ciclo, Música Nova, centrado en divulgar sons galegos máis contemporáneos, e o martes iníciase Noites de Jazz, a proposta de pequeno formato que substituirá neste verán pos-covid ao Festival Internacional de Jazz e Blues.
A canción de autor de MJ Pérez (21.00 horas, Xardíns de María Victoria Moreno) e a música traidicional de Fransy González con Davide Salvado (22.00 horas, Praza da Ferrería) inauguran este luns o novo ciclo da programación de verán, que repetirá os próximos días horarios e escenarios. Este martes será a vez do flameco-jazz de Ton Risco e Marcos Teira e do blues da Bakin Blues Band. Música Nova pecharase o mércores (29 de xullo) co cuarteto vocal EJAZZ e coa proposta electrónica de Laura LaMontagne & PicoAmperio. A cantautora MJ Pérez, que abre este luns a proposta, volverá a Pontevedra en agosto para participar no ciclo Con voz de muller.
Polo que se refire á programación de Noites de Jazz, que comeza este martes e se prolongará ata o 1 de agosto, está previsto que se presente este luns no Concello.