Camilo Franco: "A cultura é para divertirse e Culturgal é para divertirse"

Unha feira pensada, por enriba de todo, para o público. Con Pontevedra e unha fin de semana como referencias espacial e temporal, pero que se estenda no tempo e, sobre todo, no espazo, por todo o territorio. Son dous dos eixes principais do proxecto que ten na cabeza Camilo Franco para Culturgal, o evento que rebautizou como "Feira das Culturas Galegas". 
O director de Culturgal, Camilo Franco, nunha rúa de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O director de Culturgal, Camilo Franco, nunha rúa de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Ata que se inaugura, nunca acaba de estar todo pechado. Así tamén se asegura a frescura. O traballo importante está feito, pero quedan cousiñas pequenas dentro do que supón a organización dun evento tan grande coma este, con tantas actividades, tantos espazos e tanta xente implicada". Ata o mesmo 1 de decembro, que se inaugurará no Recinto Feiral de Pontevedra, a programación da Feira das Culturas Galegas, Culturgal, está aberta. Dío o seu novo director, o xornalista, escritor, crítico e xestor cultural Camilo Franco (Ourense, 1963), que tamén dirixe a Semana do Libro de Compostela (Selic) e que chegou ao cargo trala renuncia de Eva Alonso, logo dunha única edición á fronte. Á convocatoria aberta para substituíla, por parte da asociación que está detrás da feira, presentáronse oito candidaturas da que saíu escollida a de Franco.

Vai compatibilizar a dirección da Selic e de Culturgal?
Vouno tratar. Non por nada, pero un ten que pagar facturas e para iso necesito as dúas cousas. A min persoalmente gustaríame non ter que compatibilizar, pero é o que hai. Por outro lado, o argumento de traballo non é exactamente o mesmo nunha e noutra. E incluso se poderían aproveitar determinadas sinerxias. 

Poderían establecerse conexións entre os eventos?
Haberaas, eu creo que si. Ás veces hai que vencer determinadas resistencias implícitas con respecto á combinación de elementos entre cousas que suceden en cidades diferentes, pero é que ten que haber máis implicación doutros festivais galegos en Culturgal e máis implicación de Culturgal cos festivais.

A feira tiña unha certa liña descendente. Resentiuse da suma de crises económicas e da pandemia. Quedou seriamente tocada. Agora toca remontar

É vostede un xornalista que se pasou á xestión cultural. 
Non é que me pasara, é que me fixeron pasar. Vai soar a queixa, pero foi así: deixei, ou deixáronme, no periódico no que traballaba e non recibín ningunha outra oferta seria do ámbito do xornalismo. Chegoume algunha mileurista, literalmente mileurista, como as que recibe un recén chegado á profesión. Iso fíxome entender que non ía atopar nunca máis traballo do meu. Tiven un paso intenso, pero accidentado, polo mundo da comunicación política, que tamén quedou aí. Así que non foi tanto unha decisión propia como algo ao que me vin forzado. Quero dicir que non era que estivese canso de facer xornalismo cultural e quixese probar outra cousa, senón que foi algo que veu dado pola necesidade de chegar a unha idade e ter unha xubilación.

Como atopou a feira?
Atopeina.

Na última edición sufriu unha perda importante de afluencia de público. 
Temos que recoñecer entre todos que a feira tiña unha certa liña descendente e chegou a un punto no que se situou nun lugar que xa non se parece ao que tiña anos atrás. A feira, como todas as actividades presenciais, resentiuse da suma de crises económicas e da pandemia. Quedou seriamente tocada. Agora toca remontar. Non ten que volver ser o que foi, porque non tería sentido, pero debe marcar as súas propias metas. Para min esas metas pasan por ser o evento referente do mundo cultural galego.

A idea de que a cultura sexa gratis é moi ben intencionada, pero causa o efecto contrario ao buscado: non pon a cultura en valor senón ao revés. Esténdese a sensación de que o que non custa cartos non ten valor.

Culturgal chegou a ter un orzamento de 400.000 euros en 2008. Hoxe a Xunta achega arredor de 65.000 e o Concello arredor de 30.000 euros. Tamén hai achegas das deputacións de Pontevedra e de Ourense...
Podemos dicir que o orzamento anda pola metade desa cifra que mencionaches.

É unha cifra moi inferior á que teñen outros eventos de características semellantes no resto do Estado (Feira de Durango, Mercat de Música Viva de Vic, etc.). Ten o orzamento que debería ter Culturgal? Pode sosterse no tempo?
A pregunta debería ser se Culturgal pode ser o que debe ser con este orzamento. A feira resistiu moitos anos con recursos similares aos que ten hoxe. Entrou así neste espírito de resistencia tan común no mundo cultural galego. Pasou a xogar á defensiva. Aguantar. Intentamos manter, intentamos manter... Pero a ciencia económica di que, cando te limitas a manter, xa perdes. Hai que intentar gañar un chisquiño máis de cada vez. Cabería facer aquí unha reflexión colectiva por parte de Culturgal e das institucións que manteñen a feira: pódese medrar ou non? Se non se pode medrar, habería que repensar o modelo. A miña opinión é que pode medrar. E a miña opinión é que precisa dun maior orzamento efectivamente para poder representar mellor a cultura galega. Porque a oferta cultural galega medrou: hai máis música, hai máis literatura, hai máis circo, hai máis cine... Iso debería traducirse en que Culturgal medrase. Que habería que facer? Primeiro, trazar uns obxectivos, concordar en que todo o que valla a pena ten que estar aquí. E despois, trazar un plan económico para desenvolver os obxectivos. E aquí engado que Culturgal ten que empezar a deixar de organizarse edición a edición. Malamente se poden facer proxectos de futuro sen futuro. E despois hai que buscar novas complicidades. O mundo dos recursos está moi pelexado e é imprescindible seguir buscando cómplices.

Pontevedra é un enclave estupendo para acoller Culturgal, pero Culturgal non se pode cinguir só a Pontevedra.

Debe cobrar entrada Culturgal? Nos primeiros anos non o fixo e cando a implantou houbo críticas que argumentaban que un xa ía á feira a facer gasto en cultura mercando libros, etc.
Eu penso que debe cobrar entrada. Este ano baixámola un 25%, por certo. Será de 3 euros. Hai dúas semanas houbo unha feira de coches, no mesmo recinto, e cobrábase polo acceso. Pero eu contestaría que un non vai a Culturgal a mercar libros, aínda que efectivamente hainos á venda, un vai a Culturgal a gozar dunha programación cultural continua. É dicir: ti pagas 3 euros e vas poder ver a película O corno, Cunha de Ouro no Festival de San Sebastián, e un concerto de Ailá. Por exemplo. E vas ter, ademais, un menú do día de prezo asequible por se queres pasar a xornada completa e escoitar a Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa, ou a Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía. Todo no mesmo sitio. Por 3 euros, insisto. Por outro lado, aquí tamén cabería unha reflexión por a onde nos levou e a onde nos levará a cultura de balde en Galicia. Aquelas cousas que regalas, no fondo, non están perdendo valor? A miña opinión é que o público debe pagar algo. A idea de que sexa gratis é moi ben intencionada, pero sospeito que causa o efecto contrario ao buscado: non pon a cultura en valor senón ao revés. Esténdese a sensación de que o que non custa cartos non ten valor. Por certo: pagamos 11 euros por unha entrada para ver a última de Marvel. E iso tamén é consumo cultural.

Sobre se Culturgal debía dirixirse principalmente ao público ou ao sector profesional veuse falando dende o inicio da feira. Vostede xa dixo que a súa aposta é polo público.
É que non hai outra. A prioridade das actividades culturais sempre debe ser o público. O teu público. Non o do que paga 90 euros por ir ver a Rosalía á Coruña. Ese é un público. O noso probablemente é outro. Igualmente creo que os debates profesionais debe facelos a profesión nos espazos que corresponden. Como fan, que che diría eu, os cirurxiáns nos seus respectivos congresos. Para iso están. 

Non somos unha sección da FNAC ou de El Corte Inglés. Entre Leilía e Dios Ke Te Crew hai un mundo. Ese rótulo de ‘cultura galega’, cando xogabamos á defensiva, podía ser útil. Pero hoxe non podemos seguir xogando á defensiva porque perdemos.

É Pontevedra a cidade adecuada para acoller Culturgal? Este é outro debate que se arrastra dende o nacemento da feira.
Pontevedra pode sela. O que non pode ser é que Culturgal se conciba como un evento de Pontevedra. Póñoche un exemplo: o festival O Son do Camiño sucede en Santiago, pero non é de Santiago. Pontevedra é un enclave estupendo para acoller Culturgal, pero Culturgal non se pode cinguir só a Pontevedra. Porque é cultura de país. A nosa aspiración é ir a Vigo, ir a Ourense, ir a Lugo... A nosa aspiración é dar incluso un paso máis e ir ás vilas. Podería haber perfectamente un Culturgal en Lalín, en Ribeira ou en Monforte. Dígoo convencindo porque penso que Galicia ten unha débeda cultural coas súas vilas.  

Unha das súas primeiras decisións foi a de cambiarlle o nome ao evento: de Feira das Industrias Culturais de Galicia pasou a Feira das Culturas Galegas. 
Isto ten que ver co que vimos falando. Por un lado, hai moitos prexuízos no mundo da cultura coa palabra ‘industrial’, unha palabra moi elemental do capitalismo. Industria e cultura son cousas contrarias en canto a funcionamento e en canto a utilidade. Facer referencia á ‘industria’ tivo certo sentido no seu momento, pero hoxe ninguén dubida da profesionalidade do sector cultural galego. Sobra. Necesitamos explicarnos doutra maneira. Por outro, trátase de romper un pouco con esta idea uniforme da ‘cultura galega’. Non somos unha sección da FNAC ou de El Corte Inglés. Entre Leilía e Dios Ke Te Crew hai un mundo. Ese rótulo de ‘cultura galega’, cando xogabamos á defensiva, podía ser útil. Pero hoxe non podemos seguir xogando á defensiva porque perdemos. A cultura norteamericana non se presenta así. Esa etiqueta limítanos, redúcenos, apreta as estremas. A realidade é que hai moitas culturas galegas.

Convenza ao público para baixar á feira esta fin de semana.
A cultura é para divertirse e Culturgal é para divertirse. Esa é ambición desta feira. Dende o punto de vista económico, non vai haber nada, nin antes nin despois, tan rendible para un espectador. Terá teatro infantil, obradoiros, música en directo, banda deseñada en vivo, encontros con artistas e creadores, cine, videoxogos... Sen contar coa posibilidade de que che asine algunha obra algún dos arredor de 130 autores que virán ou de ver unha proposta que estreará a Cidade da Cultura á semana seguinte. E, sobre todo, vas ter a posibilidade de ver cousas que o ano que vén van protagonizar o mundo cultural galego. Non vas atopar nada máis barato e máis divertido esta fin de semana que vir a Culturgal. 

Comentarios