jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

"O camiño do medio é o que a min me interesa"

O artista de Ponteareas Santi Araújo. ERNIE RECORDS
O artista de Ponteareas Santi Araújo. ERNIE RECORDS
Santi Araújo publica este xoves ‘Miña Rula/Non Teñas Medo’, o terceiro single do seu novo álbum, que publicará co selo de Ponte Caldelas Ernie Records ▶ O tema, o primeiro que grava en galego, foi composto en Pontevedra ▶ Nel está acompañado por Leonor Watling

A primeira canción en galego que grava Santi Araújo (Ponteareas, 1983) é Miña Rula/ Non Teñas Medo. É o terceiro single que se extrae do que será o seu próximo disco, Suelta / Muerde, que publicará co selo de Ponte Caldelas Ernie Records cara finais de febreiro. "Neste disco todo é un xogo de dualidades. Eu cada vez estou máis centrado na búsqueda do camiño do medio. Ese é o camiño que me interesa". Polo de pronto este xoves viu a luz esta canción, que interpreta xunto á cantante e actriz Leonor Watling (Marlango).

"Foi durante unha temporada que pasei en México cando entendín aquilo que dicía Castelao de que non eras galego de todo ata que emigrabas", conta o cantante e compositor. "Ao volver a Pontevedra [o artista viviu durante seis anos na cidade] ía todas as semanas ao Museo a ver as cousas de Castelao. Coincidiu coa morte de Narf. Todo se xuntou e saíronme varias cancións en galego. A única que se materializou é esta".

Miña Rula/ Non Teñas Medo é un arrolo que, segundo conta o seu autor, foi medrando co tempo. "Eu sempre digo que unha canción é como un pitiño feo. Igual hai quen de repente ten algo na cabeza e xa pensa ‘buah, esto es un melocotonazo’. A min pásame o contrario: eu o que sinto é que é un pito feo, pero que se o coidas, o alimentas e lle dás agarimo, se cres nel en definitiva, pode chegar a haber algo". Foi o que pasou con este tema, que naceu de xeito casual, mentres llo cantaba á súa parella daquel entón no sofá, case como un xogo. "É unha canción tan pequeniña e tan fráxil, que pedía a berros que se desestimase, pero acabou medrando e converténdose noutra cousa".

A colaboración con Leonor Watling, que aquí canta por primeira vez en galego, chegou a través dos seus músicos, que tamén traballan con Araújo. "A primeira persoa que me veu á cabeza para interpretar este tema foi ela. Comenteillo aos músicos e dixéronme que seguro que lle encantaría. Foi así. E dende que lle escribín todo foron facilidades".

Non é a única sorpresa que agocha o tema. No videoclip hai tamén un cameo inesperado de Xoel López.  "Tratamos de que todos os videoclips sumasen algo ás cancións. Gústame moito xogar á contra. Así que buscamos algo de humor e crear certas tensións". 

disco. Tras o traballo que sacou con La Familia en 2011 e ‘Catedral’ en 2018, Santi Araújo dá un novo paso na súa carreira con ‘Suelta/ Muerde’, que publicará nuns días. "Creo que aquí hai un maior abano sonoro, unha maior exploración. É máis arriscado. Aínda que soe a clixé, eu escoito de todo. E neste disco hai efectivamente de todo: mambo, bolero, bossa nova, folk, electrónica... todo empastado por min. Hai que esquecerse das etiquetas".

En canto ás letras, o de Ponteareas segue apostando por espirse intimamente en cada unha delas. "Podería pensar: a quen lle interesa toda esta merda? Pero cada vez teño menos problemas en estar cantando ‘siempre lo mismo’. Case aspiro a refinar iso ao máximo e que se converta nunha misión de vida". E engade: "Cando me poño a escribir cancións recoñezo que é un proceso do máis egoísta, no que quero facer algo que me faga sentir ben. Pero é que logo iso pode ser universal porque todos en maior ou menor medida pasamos polas mesmas cousas". 

O seu manager, Josiño Carballo, ten confesado que ten unha espiña cravada con Santi Araújo porque cre que non ten o recoñecemento que merece. Sen embargo, el di estar cómodo á marxe da notoriedade. "Dicindo que non, moitas veces estás dicindo que si. Interésame ter tempo e liberdade para ler, para pasear... Son superegoísta nese sentido e non o cambio por 500.000 ‘likes’. Interesáme máis seguir traballando en crer en min mesmo que en buscar o recoñecemento fóra", sinala. Mentres tanto, segue compatibilizando os seus proxectos musicais co seu traballo no eido da comunicación e coa escritura da que será a súa primeira novela. No verán conta con poder presentar o disco en directo. "A min dáme moita tranquilidade non ter que petalo. Porque hai moitas cousas que non querería facer ou que non sei se sería capaz de facer. Por todo se paga unha peaxe e eu non sei se estou disposto a pagala. Non teño claro se sería máis feliz ou viviría mellor se acadase un maior recoñecemento".

"O camiño do medio é o que a min me interesa"
Comentarios