A cantautora pontevedresa Cora Velasco dará, o venres 14 de outubro, un concerto no Teatro Principal. É a primeira actuación do ciclo Músicas para recrear, que promoven a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Concellería de Universidades co obxectivo de "promover un achegamento do público a múltiples estilos e tendencias musicais". Despois do pop de Cora Velasco será a vez do grupo de percusión Kalani, o 21 de novembro, e do da música tradición de Os Xesteira, o 19 de decembro. Todos os concertos terán lugar no Teatro Principal ás 21.00 horas. A entrada é libre e gratuíta ata completar cabida.
Segundo o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, en palabras recollidas no diario dixital da Universidade de Vigo (Duvi), nesta programación búscase "ir cambiando de estilos" coa intención de dar forma a unha programación cultural diversa. Segundo Torres, desta vez apostouse, para empezar, por unha artista pontevedresa como Cora Velasco, "actriz e música, e unha persoa moi involucrada no tecido cultural da cidade".

Coñecida nun primeiro momento como Cora Sayers, pseudónimo baixo o que ofreceu máis de 200 concertos, realizou dúas xiras por dez países europeos e editou tres gravacións, Velasco decidiu dar un xiro á súa carreira en 2018, cando comezou a traballar co seu propio nome. Nese momento publicou Sortilegios, un disco que presentou en directo en festivais como O Son do Camiño, o Portamérica ou o Festival da Luz.
Kalani Percusión "é un grupo de artistas xurdido da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis", explica o Duvi.
Finalmente, o ciclo pecharase coa actuación de Os Xesteira, "a formación que integran o gaiteiro Xaquín Xesteira, un dos fundadores de Treixadura, ademais de profesor da Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional, e os seus fillos Anxo e Roi, ao acordeón e o bombardino, respectivamente".