O Campus de Pontevedra convida a ver a Galifunk Brass, Lontreira e Ailá no Principal

O ciclo de concertos, con entrada libre, comeza o mércores 20 de setembro
Os pontevedreses Galifunk Brass nunha imaxe promocional.
photo_camera Os pontevedreses Galifunk Brass nunha imaxe promocional.

O Campus Universitario de Pontevedra propón, como parte da súa programación cultural aberta á cidadanía, tres concertos de entrada libre e gratuíta para os primeiros meses do curso. Serán os de Galifunk Brass (20 de setembro), Lontreira (25 de outubro) e Ailá (15 de novembro). Os tres terán lugar (21.00 horas) no Teatro Principal

As actuacións forman parte do ciclo Músicas para reCREAr, que a Vicerreitoría promove en colaboración co Concello de Pontevedra co propóstico de "propór un achegamento a múltiples estilos e tendencias musicais", segundo informa o Diario Dixital da Universidade de Vigo (Duvi). "Enmarcan no obxectivo da Universidade de impulsar unha programación para a toda a cidadanía e insírense á súa vez na aposta pola cultura do proxecto de especialización Campus Crea", en palabras do director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, recollidas no mesmo diario dixital.

Fotografía promocional de Lontreira.
Fotografía promocional de Lontreira.

A pogramación musical abrirase o mércores da semana que vén co concerto da agrupación pontevedresa inspirada nas brass band americanas (bandas de vento e metal) Galifunk Brass. "Trátase dunha formación impulsada hai catro anos por un grupo de músicos profesionais que, inspirándose nas brass band americanas, deron forma a un variado repertorio, no que inclúen versións propias de temas de estilo disco, funky ou R&B", sinala o Duvi. Teñen actuado nas Festas da Peregrina, na Festa da Dorna en Ribeira (A Coruña) ou en festivais como o Revenidas.

En outubro será a vez de Lontreira, trío formado por Adriana Cores (da Illa de Arousa), Héctor Rodríguez (de Moaña) e Iván Barral (de Meis) que combina os sons electrónicos con diferentes estilos musicais. O ano pasado proclamáronse gañadores do concurso da Radio Televisión de Galicia Canción do verán, co tema Flor de Toxo. Hai uns meses publicaron seu primeiro disco, Apnea, que presentan como "un conxunto de sons e culturas do mundo". Esta será a terceira vez que actúen este ano en Pontevedra tras pasar polo ciclo de concertos do Día da Arte e polo festival Surfing the Lérez. Na última edición dos premios da música galega Martín Códax foron finalistas na categoría de grupo emerxente.

Finalmente, en novembro Ailá subirá ao escenario do Teatro Principal. Trátase dunha formación que se presenta como "unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música tradicional galega, pero cunha visión sen fronteiras, mesturada con aromas, ritmos e cores doutros lugares e culturas", lembra o Duvi. Integrada por Ángela Carou (voz e percusión), Manuele Prado (voz, percusión e gaita), Abel Gañete (fliscorno e trompeta) e Xan Pampín (acordeón e bombo), publicou recentemente o disco Sansonlimón, no que presentan, segundo explican, "un repertorio pensado para cantar e bailar", na súa aposta por achegar "unha nova sonoridade" ao repertorio tradicional. A agrupación formouse nas noites de festa do mítico local compostelán A Casa das Crechas

Volven a aula de música tradicional e obradoiro de baile
Segundo informou a Vicerreitoría, esta semana ademais ábrese a inscrición para a segunda edición de Como bailar nun serán, "un obradoiro de iniciación ao baile galego impartido pola mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo Leilía", explica o Duvi. Haberá un primeiro prazo reservado á comunidade universitaria; un segundo para as persoas participantes na anterior edición e un terceiro, a partir do 18 de setembro, para o público xeral. O obradoiro comeza o 28 de setembro. Haberá un grupo de de iniciación e outro de continuación. A maiores, a semana que vén a Aula Permanente de Música Tradicional Galega, coordinada polo gaiteiro Suso Vaamonde, comezará de novo a súa actividade tras cubrir todas as súas prazas.