Cancións inspiradas en feitos reais

O cantautor de Marín Seso Durán ofrece un concerto pola memoria no Pazo da Deputación, dentro das actividades de reparación histórica dun espazo que acolleu consellos de guerra

Seso Durán durante o concerto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Seso Durán durante o concerto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Benito Pastoriza Fariña e Mercedes Magdalena García son algunhas das persoas reais que inspiraron cancións do disco Son da memoria, do cantautor Xosé Manuel Seso Durán (Marín, 1969). O músico protagonizou este martes un concerto pola memoria, organizado pola Deputación no Pazo Provincial, dentro das actividades de reparación histórica que a institución vén desenvolvendo sobre un espazo que acolleu xuízos e consellos de guerra durante a Guerra Civil.

Nove músicos acompañaron a Durán, que explica que o proxecto de Son da memoria pechou un círculo, dalgunha maneira, con este concerto. "Había tres ou catro sitios nos que eu quería presentar este repertorio concreto", explica o artista, que militou ao longo da súa traxectoria, entre outros, en grupos como Liorna. "Un era, por exemplo, a Illa de San Simón. Alí estivemos no Festival Sinsal. Outro era o Fuerte de San Cristóbal, en Pamplona, que foi tamén unha prisión e que acolleu a moitos presos galegos enviados dende San Simón, como o meu tío avó, Benito Pastoriza. E, finalmente, o Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra, escenario de tantas condenas". O músico continúa de xira co disco. Proximamente presentarao en Radio 3.

Detalle do público asistente. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Concierto Seso Durán
Detalle do público asistente. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os temas de Durán escoitáronse o martes nun concerto que relacionaba o compromiso da institución provincial coa memoria histórica co eixe temático da programación cultural de 2019, Ano da Música.

"Este disco está composto, enteiro, de arriba a abaixo, pensando na represión fascista e no terror franquista. Os temas están centrados especialmente no que aconteceu nas comarcas de Pontevedra, do Morrazo e de Vigo", explica o cantautor marinense. "Eu crieime en Cantodarea. Marcáronme moitísimo as historias das vítimas, dos superviventes. Unha desas persoas era Manuela Cortegoso, viúva de Amancio Iglesias, presidente do Sindicato Mariñeiro de Marín, fusilado no 36. Con lembrar a cara desta muller teño suficiente para entender a dor e o sufrimento que xerou o golpe de Estado".

Comentarios