lunes. 23.09.2019 |
El tiempo
lunes. 23.09.2019
El tiempo

XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN ►ACTOR E CÓMICO

Touriñán: "Carlos Blanco é moi amable e xeneroso, por iso repetimos. É un mestre"

Xosé Antonio Touriñán. MARCOS MARTÍNEZ
Xosé Antonio Touriñán. MARCOS MARTÍNEZ

Comezou a interpretar ao coñecer a marcos pereiro xogando ao balonmán. Daquela trataba de abrirse paso na defensa, agora pretende facelo en españa unha vez consolidado en Galicia.

Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) está en período "de descanso". "Soamente" fai varias funcións á semana nunha peza teatral, ‘Unha noite na praia’. O mércores pola mañá marchou a Ézaro para gravar o vídeo promocional dunha proba internacional de ciclismo. "Gravamos algo de coña todos os anos, desde hai seis ou sete". A obra que representará este venres no Gustavo Freire de Lugo —as entradas están esgotadas— tamén ten a súa superficie de comedia sobre un fondo máis grave. Touriñán interpreta a Manuel, un galego que traballa nun chiringuito de praia, e Carlos Blanco un turista sueco, que coinciden nun solpor. Klaus e Manuel comezan a falar, e comparten anécdotas e recordos. Pouco a pouco van saíndo os medos, os soños e as inseguridades. Finalmente, son segredos e confesións que, se cadra, tería sido mellor non ter confesado. 

‘Unha noite na praia’ é unha das súas primeiras incursións en teatro de texto. 
Eu xa fixera ‘Amigos ata a morte’ e ‘Somos criminais’, aínda que ‘Somos criminais’ era monólogo, ‘stand up comedy’ e sketch ficcionado. Pero si é certo que dende que empecei no instituto Laboral de Culleredo non volvera facer tan seguido ese tipo de teatro. 

Personaxes
"Carlos Blanco leva un traballazo gordo porque ten máis texto e ten que interpretalo con acento sueco"


O Laboral de Culleredo chamábase Crucero Baleares cando vostede estudaba nel. 
Si, é o nome dun barco, pero non sei o motivo de poñer o seu nome ao instituto. Non foi cousa do franquismo, puxéronllo despois, na democracia. 

Volvamos a este texto teatral, que nos desviamos nunha anécdota. Escolleuno porque buscaba un rexistro novo? 
Levaba un tempo falando con Javier Veiga de facer esa obra. Estreárase en México fará un par de anos e agora foi a estrea deste lado do océano, en Europa. Unha parte importante na decisión de facela foi poñerte onde non estás habituado a estar.

Prefire o teatro aos escenarios audiovisuais. 
O directo, xogar sen rede,... disfruto tanto no monólogo como no teatro. Valoro ese risco. Non poder dicir: "Para! Volvemos empezar", e repetir a frase. 

Público
"A función de obras como 'Unha noite na praia' é entreter ao público e que repita"

Vostede montou ‘Unha noite na praia’ con Javier Veiga. Chamaron a Carlos Blanco. Cedeulle o papel brillante de Klaus (o clown) e conformouse con Manolo (o augusto), o contrapunto serio, a réplica.
Pensei en Carlos como primeira opción para Klaus. É maior ca min e ten máis experiencia. Buscaba unha persoa máis madura e pasárao moi ben con Carlos en ‘Somos criminais’. Eu collín o personaxe de Manolo por descarte. Estou afeito a facer ese tipo de personaxe, que é menos atractivo. O pobre de Manolo... Carlos fai un traballazo porque leva o texto gordo e ten que interpretalo con acento sueco. Aí fun un pouco vago. 

Carlos Blanco agradece de vostede que lle dea seguridade no escenario. 
Xa me ten dito que, se esquece algo de texto, sabe que vou estar aí. Eu traballo tranquilo. Cada día teño nervios antes do espectáculo, pero contróloos. Eu son Mauro Silva, o que está pendente de todo por atrás para que o dianteiro, que é Carlos, poida xogar tranquilo e lucirse. 

O actor e cómico Xosé Antonio Touriñán MARCOS MARTÍNEZDespois da afluencia lograda con ‘Somos criminais’ non temeron que un espectáculo que ten unha clave diferente podería notarse na billeteira e mesmo en que o público rise con chistes que non son e non ría cos que son? 
A maioría dos espectadores non esperaba iso. É unha comedia, pero ten moitas voltas. Hai unha parte do público que se sorprendeu, pero disfrutou igual. En ‘Somos criminais’ están Carlos Blanco e Touriñán e son eles, a xente compra iso. Aquí son dous personaxes e aos cinco minutos os espectadores esqueceron que son Carlos Blanco e Touriñán. 

Que fan neses primeiros cinco minutos de cambiar a visión na platea? 
Diría que son menos, que son dous. Dous minutos nos que non se fala. ‘Unha noite na praia’ está sendo un éxito de público. 

Ese público non vai ver teatro, senón un espectáculo de humor con Blanco e Touriñán. 
É un público que foi por primeira vez ao teatro, agora xa é a terceira ou a cuarta. 

Refírese ao público que foi velo en ‘Amigos ata a morte’, onde estaba vostede de protagonista? 
Aprenderon o xogo, as normas. É un público gañado para o teatro. A función de obras como esta é entretelo e que repita. 

Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán; Xosé Antonio Touriñán, Carlos Blanco. Vostedes son dous grandes da escena galega xuntos en ‘Somos criminais’. Había risco de anularse. 
Tiñamos ganas de traballar xuntos. Eu sabía que ía ir ben, pero non tanto. Vendemos todas as entradas antes de pasar por billeteira. 

Como solventaron o choque de egocentrias? 
Eu a min xa me coñezo... 

...hai anos. 
Si, hai anos. É fácil traballar comigo e hai que ter moito ego para que sexa difícil. Carlos Blanco foi moi amable e xeneroso. Non houbo choque. Por iso repetimos, É un mestre.

En que momento decidiron o proxecto común? 
Falámolo cando coincidimos en ‘Fariña’. Dixemos: "Temos que facer algo xuntos cando acabemos isto". E fixémolo. 

Abandonou ‘Land Rober’ dun día para outro sen despedirse no programa nin extenderse nas explicacións. 
Foi por cansanzo. Estaba saturado. Andaba en Madrid durante a semana gravando ‘Justo antes de Cristo’ e viña facer ‘Land Rober’ e as dúas funcións de venres e sábado de ‘Somos criminais’. O domingo pasaba pola casa para dar un bico aos pequenos, que teño dous; cambiaba unha maleta por outra, e volvía marchar. 

Non parece ese o motivo principal. Segue sen parar dende entón.
Aínda que non se crea. Soamente estou no teatro con ‘Unha noite na praia’. 

Tivo diferenzas con Roberto Vilar, o director de ‘Land Rober’? 
Non houbo diferenzas con eles. Houbo un desgaste ao final. El quería que seguise e eu non podía. Cando estaba en Ma- drid non sentía que se me botase en falta en ‘Land Rober’, non se mencionaba o meu nome. Cando estás saturado todo che parece peor. 

En Madrid non sentía a cercanía de ‘Land Rober’? 
Cansei de certas cousas. Nunca o dixera, pero houbo diferenzas profesionais coa dirección da Televisión de Galicia. Eles pensaban dunha maneira e eu pensaba doutra. 

Non sei por onde vai. Debe explicarmo mellor. 
Era sobre certos proxectos que ía facer e que se paran cando é o de ‘Fariña’ sen dar explicacións. Son proxectos nos que investira tempo e cartos. A Televisión de Galicia é a miña casa. Traballei con tres directores e nunca tiven ningún problema. Espero volver traballar nela. 

Cartel de Unha noite na praia, con Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán

"Vin que Tosar e Luis Zahera triunfaron co seu acento galego"

 


Tras converterse nunha celebridade en Galicia, Xosé Touriñán vén de lograr unha progresión importante coa súa inclusión en dúas series. É Agorastocles na serie de Movistar+ ‘Justo antes de Cristo’ e  Rafa en ‘Pequeñas coincidencias’, de Amazon. ‘Justo antes de Cristo’ narra as aventuras dun patricio romano nunha lexión enviada á afastada e hostil fronte de Tracia. Agorastocles é un escravo que dubida entre a súa obriga de agradar ao seu propietario e tratar de que se comporte dun xeito razoable. 

En ‘Pequeñas coincidencias’ hai dous descoñecidos buscando a media laranxa. Un crítico gastronómico goza a máximo da vida de solteiro ata que chega á casa o irmán divorciado e unha muller que se bota un noivo distinto aos poucos. 

Hai dous trampolíns no seu salto de Madrid. O seu papel en ‘Fariña’ e o monólogo que fixo en ‘El Club de la Comedia’.
Seguramente foron eses dous e tamén ‘Land Rober’. Os de cásting andan buscando e localízante. 

Para entrar pola serie ‘Fariña’ pasou diferentes cástings esixentes. Por que esa teima en que o collesen? 
Polo de sempre. Estaba buscando estímulos, estar onde nunca estiven para saber se vales ou non. Entras nesta profesión para ser quen non es, para ser alguén o máis distinto a ti. ‘Fariña’ é un regalo que me fixo Carlos Sedes, o director. El proponme ese cásting, ese personaxe. 

O meu amigo Mediante dicía que, cando aparecía vostede como Paquito Charlín na pantalla, se escarallaba. 
Xa mo ten comentado moita xente, que se rían ao verme. É lóxico porque ten un punto cómico. 
Na humillación á que o sometía o pai. 
Si, claro. Era patético. 

Non é limitante para un actor que a xente o vexa soamente para a comedia? 
Non. Está ben que me compren para a comedia e que vexan isto. Son convencións. Estou contento co resultado. 

Despois de décadas obrigando aos actores periféricos a disimular o acento para ser contratados en series e películas, a tendencia é a contraria. Vostede usa o seu acento natural tanto en ‘Fariña’ como en ‘Justo antes de Cristo’ ou en ‘Pequeñas coincidencias’.
Houbo un paso adiante cos acentos. A idea cando empezamos a traballar en ‘Justo antes de Cristo’ era neutralizalos, pero, cando empezamos a gravar, deixáronos ir. Hai un andaluz co seu acentazo e un asturiano que ten o seu. É lóxico. Nunha lexión había un de Grecia, outro da Hispania, etc. Iso suma e dá vida, fai a ficción máis real. Pode ser un cirurxián que estudou en Santiago e vai exercer a Madrid. Os acentos danlle cor á historia. Ao primeiro dicían que Agorastocles e o seu amo se criaran xuntos e non era lóxico que tivesen acentos distintos, pero pedíronme que seguise co meu. 

En ‘Pequenas coincidencias’ si que fai de galego. 
‘Pequenas coincidencias’ é unha comedia romántica moi británica. 

De rapaz coñece rapaza.
 De rapaz coñece rapaza. Fago de Rafa, un amigo do protagonista. Javier Veiga, que é o creador, empeñouse en que Rafa tivese un bar, que fose o típico galego que pon un bar. 

Se algún día lle piden que camufle o seu acento vai traballar incómodo? 
Terei que facelo se é necesario pola historia. Suporá máis traballo para min. Venme ben usar o acento galego porque é máis natural. Vin que Luis Tosar e Luis Zahera foron capaces de triunfar, aínda que a eles xa se lles nota menos.


 

Touriñán: "Carlos Blanco é moi amable e xeneroso, por iso...
Comentarios