sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Cando o narcotráfico pasou a ser 'Cousa Nosa'

Grabación del documental 'A Cousa Nosa'. PABLO BARRÓN
Grabación del documental 'A Cousa Nosa'. PABLO BARRÓN
Os xornalistas María Aparicio, Daniel Arribas e Hugo Palomar estrean na rede unha reportaxe sobre o tráfico de drogas en Galicia que contou coa colaboración de Diario de Pontevedra

O éxito da serie Fariña (Atresmedia), que adaptaba o ensaio do mesmo título de Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico galego, pillou a María Aparicio, Daniel Arribas e Hugo Palomar rematando os estudos de Periodismo y Comunicación Audiovisual na Universidad Rey Juan Carlos en Madrid. Ela, de Rianxo, "acostumada a escoitarlle á familia historias de como se vían as descargas na ría de Arousa", convenceu aos seus dous compañeiros, de Madrid, do interese que podía ter facer unha reportaxe audiovisual sobre o tema como traballo de fin de grao. Titulárono A Cousa Nosa. En arredor de media hora inclúe testemuños de Laureano Oubiña, do mencionado Nacho Carretero e do xuíz Vázquez Taín, ademais de declaracións obtidas durante un café de redacción de Diario de Pontevedra. Dende esta semana pode verse de xeito gratuíto na plataforma de internet Dailymotion.

"Os tres fixemos a carreira xuntos e os tres queriamos acabala xuntos", conta María Aparicio. "Eu sempre estiven interesada na historia do narcotráfico en Galicia. Así que tratei de que os meus compañeiros, que son de Madrid, se interesaran tamén no tema e, por sorte, conseguino. Todo sucedeu á altura do boom de Fariña". O seu traballo recibiu a nota máxima e foi proposto para obter unha matrícula de honra. "Agora compartímolo nas redes para ver como vai, mais despois gustaríanos movelo, quizais por algunha televisión ou plataforma".

LAUREANO OUBIÑA. A análise do narcotráfico en Galicia que propón A Cousa Nosa conta coa figura de Laureano Oubiña, condenado por tráfico de tabaco e haxix, como fío condutor. "Dende o principio a nosa máxima aposta foi por contar con Oubiña. Xusto o verán pasado, cando fixemos o traballo, el volvía estar de actualidade intentando vender o seu libro. Pensamos que quizais, aínda sendo estudantes, conseguiriamos que falase con nós. E si, efectivamente fíxoo. Non foi moi difícil. Sorprendeunos". Sen embargo, unha vez que recibiu o documental, segundo din, xa non respondeu.

Oubiña, presentado como ex-narcotraficante, é o fío condutor, pero o documental conta con testemuños de xornalistas especializados como Perfecto Conde, Benito Leiro, o xa citado Nacho Carretero ou Víctor Méndez, de Diario de Pontevedra, así como do xuíz José Antonio Vázquez Taín; do xefe da Brigada Central de Estupefacientes, Antonio Martínez Duarte; do presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro; do xefe de vixilancia aduaneira de Vilagarcía Ambrosio Fontes; do fiscal antidroga de Pontevedra Pablo Varela; do fillo do arrepentido Ricardo Portabales; da testemuña protexida da Operación Nécora Manuel Fernández Padín, e do actor Carlos Blanco (orixinario de Vilagarcía e que deu vida a Oubiña na serie Fariña). Tamén inclúe imaxes e observacións do mayor da policía colombiana José Raúl Vera, obtidas durante un café de redacción de Diario de Pontevedra.

"Nós non somos especialistas neste tema, así que pensamos dende o principio que tiñamos que recorrer a eles para que contasen a historia", explica María Aparicio, que recoñece que realizar o traballo foi moi interesante a nivel persoal. "Decatámonos de cousas que están por detrás do narcotráfico, directamente relacionadas con como se vive esta realidade en Galicia. A mesma figura de Oubiña vimos que concentra unha especie de mestura entre respecto e odio que reflicte moi ben a relación contraditoria de Galicia e dos galegos co narcotráfico, por un lado admiración e por outro desprezo".

Cando o narcotráfico pasou a ser 'Cousa Nosa'
Comentarios