Cando os nenos e nenas de Cotobade decidiron loitar pola lingua galega

Alumnos do IES de Tenorio constituiron unha Sociedade da Lingua en honor a Antonio Fraguas e para animar aos pais e nais a seguir falándolle galego aos máis cativos

photo_camera O mestre Carlos Morgade, con catro alumnos promotores da iniciativa: Antón Barros, Ángela Soto, Emma Belmonte e Anxo Pazos. IES COTOBADE

Os actos do Día das Letras galegas aínda latexan polo territorio galego, con representacións pendentes da obra musical "Amantes da terra", ou mesmo con actos de difusión entre as comunidades galegas no extranxeiro, pero en Cotobade, berce do homenaxeado Antonio Fraguas, un grupo de rapaces decidiu que a pegada desta data ten que ser aínda máis duradeira.

Así, os alumnos que traballan no equipo de Normalización Linguística do IES de Tenorio adicaron parte do seu tempo libre do mes de maio á constitución dunha "Sociedade da Lingua", que se pretende pór en marcha para que funcione do mesmo xeito que funcionou a que propuxo Antonio Fraguas nos seus anos mozos, ao chegar ao Instituto a Pontevedra e descobrir que apenas había alumnos galegofalantes naquela institución educativa da cidade.

Con este acto celebrado en maio, que estivo acompañado de outros como a inauguración dun gran mural, ou a celebración dun festival das letras, os alumnos e alumnas quixeron chamar a atención sobre un declive que está a sufrir a língua entre as novas promocións que, tal e como sinala o coordinador da actividade, Carlos Morgade, se nota en especial na última década, coa achega de cada vez menos alumnos que usan o galego como primeira lingua nun ámbito no que tradicionalmente eran maioría as familias e tamén os alumnos galegofalantes.

Para contrarrestar dun xeito activo ese feito, os cativos organizaron a posta en escea dunha Sociedade da Lingua simbólica na que participaron, ademais do alumnado, personalidades como a académica Fina Casalderrey, o representante do Museo do Pobo Galego Antón santamarina ou o representante da Fundación Fraguas Fuco Sanxiao. Neste evento, no que tamén participou o presidente en funcións de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, todos manifestaron o seu compromiso por compartir e promover o uso do galego do mesmo xeito que no seu día o fixo o célebre etnógrafo e investigador de Loureiro.

ABANDONO. O abandono do galego como primeira lingua para criar os fillos é un feito constatable nas terras cotobadesas. Segundo explica Carlos Morgade, profesor coordinador do Equipo de Normalización, "na última década, nos centros educativos de Cotobade pasamos dunha situación na que a maioría do alumnado usaba o galego de xeito habitual á actual, na que os alumnos que falan cos seus pais no idioma do país son unha minoría", explica o docente, que pensa que "xa son moitas as familias que lles negan aos seus fillos e fillas o dereito a coñecer e usar a lingua do país da boca dos seus pais, obrigándoos a aprendela nos centros escolares, como se fose unha lingua estranxeira".

Os mestres reflexionan sobre as consecuencias deste cambio: "Sexan cales sexan as razóns polas que os pais deixaron de criar aos fillos en galego, consideran que o cambio non lles axuda nada aos rapaces. Segundo as leis educativas galegas, o alumnado ten que saber expresarse oralmente e por escrito en galego e castelán". Engaden ademais que a situación social é propicia tamén para as persoas bilingües, porque o galego e o castelán están presentes en todos os ámbitos en Galicia. "Os rapaces que falan cos seus pais en galego son os únicos verdadeiramente bilingües, porque son os que teñen máis fluidez nas dúas linguas. Os demais teñen máis dificultades, porque se ven na obriga de aprendelo fóra da casa: na escola ou cos amigos. Deste xeito, sempre será unha lingua adquirida, como o son o francés ou o inglés".

Morgade sinala a inxustiza que supón que "as familias que lles negan aos seus fillos e fillas o dereito a coñecer e usar a lingua do país da boca dos seus pais, os obriguen a aprendela nos centros escolares, como se fose unha lingua estranxeira" e sen percibir como beneficioso ou importante o feito de ter un idioma propio.

A acción simbólica serviu para difundir o orgullo dos alumnos, precisamente, por defender a actitude contraria a esa e para propor uns obxectivos mínimos para centros escolares e entidades adheridas cos que se leven adiante iniciativas de promoción e recuperación da lingua galega entre os cativos e as cativas.

En curto:
Os compromisos dos asinantes da Sociedade da Lingua cotobadesa
Primeiro: Promover que os pais e nais cotobadeses, de toda a comarca e de Galicia enteira empreguen o galego como primeira lingua cos seus fillos e fillas, porque isto non lles suporá ningún problema nas súas vidas e ademais facilitaralles o coñecemento doutras linguas.
Segundo: Traballar en todas as agrupacións e colectivos de Cotobade para que a lingua galega sexa a súa lingua propia de uso, e sobre todo entre os máis novos, por ser conforme coas raíces e a cultura propia da Terra de Cotobade.
Terceiro: Convidar aos centros educativos de toda Galicia a levar adiante iniciativas semellantes a esta, para promover o emprego da lingua galega con todos os nenos e nenas desde o seu nacemento, para que sexa para eles a súa primeira lingua e a sintan como propia.
Cuarto: Nomear a Antonio Fraguas Fraguas como padroeiro desta iniciativa, para que poidamos levala adiante seguindo o seu exemplo e os seus consellos.

 

Comentarios