"Cando a novela está acabada vén o medo a facer o ridículo e non atopar quen a publique"

Miguel Anxo Fernández participa no club de lectura do IES A Xunqueira I, unha iniciativa que atrae a case un cento de estudantes

O docente e escritor, coa súa primeira novela, xunto aos alumnos que participan no club de lectura. J. CERVERA-MERCADILLO - Miguel Anxo Fernández
photo_camera O docente e escritor, coa súa primeira novela, xunto aos alumnos que participan no club de lectura. J. CERVERA-MERCADILLO

"A imaxinación filtra a realidade e convértea nunha historia", afirmou este luns Miguel Anxo Fernández. O docente e escritor participou nunha reunión do club de lectura A esmorga, do IES A Xunqueira I, onde lles contou aos estudantes as peripecias que rodean á súa primeira novela, Un nicho para Marilyn (Premio Manuel García Barros 2002), coa que empeza a saga protagonizada polo detective norteamericano de orixe galega Frank Soutelo. "Cando a novela está rematada vén o medo a facer o ridículo e a non atopar quen a publique", confesou.

Falou ante un grupo de case 40 rapaces de 1º de Bacharelato, que leron este libro no primeiro trimestre. Na elección da obra, en galego, tivo que ver o profesor de Xeografía e Historia e coordinador do Equipo de Normalización Lingüística, Manuel Reboredo. "Normalmente temos un grupo por nivel para o club de lectura, aínda que este ano en 1º de Bacharelato son case 40, polo que no segundo trimestre faremos dous grupos". Agora uns lerán Matar a un ruiseñor, de Harper Lee, e os outros As murallas de Berxida, de Fernando Cerezales.

POR GRUPOS. En Secundaria hai diferenzas segundo os cursos, apunta o coordinador do club, Laureano Aragunde, profesor de Lingua Galega. En 1º da ESO son dez. Leron Aire negro, de Agustín Fernández Paz, e agora tocaralles Kafka y la muñeca viajera. En 2º son preto de 30; leron Mentira, de Care Santos, e O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro. O deste trimestre é Rebeldes, de Susan Hinton. En 3º hai dous grupos, de dez e once rapaces. Despois de ler A lección de August e O único que queda é o amor, abordan a historia de Hipatia, la maestra, unha elección da profesora de Matemáticas. En 4º da ESO non se formou grupo.

Aragunde admite que o principal obxectivo do club é "espertar o gusto pola lectura", aínda que os alumnos tamén perseguen subir a nota en materias vinculadas con esta iniciativa. "Hai moitos rapaces aos que lles gusta ler. Por moito que se diga que len pouco, hainos que veñen co hábito da casa. Isto depende moito das familias", apunta.

De feito, ademais da lectura e da reunión final, tamén fan encontros semanais e deben presentar resumos, ilustracións ou presentacións da obra elixida. No terceiro trimestre farán unha lectura conxunta co alumnado de 6º de Primaria dos colexios adscritos.

Comentarios