Carlos Bardem virá á Festa dos Libros

Medio cento de autores participarán no evento, no que estarán presentes 13 librerías e que inclúe encontros, música e obradoiros

Carlos Bardem. EFE
photo_camera Carlos Bardem. EFE

Mongo blanco é a novela que Carlos Bardem, actor e membro dunha das sagas familiares ligadas ao mundo do cine máis importantes de España, presentará na Festa dos Libros de Pontevedra. A súa é unha das presenzas máis destacadas na terceira edición deste evento, que se celebrará entre o 5 e o 7 de xullo na Praza da Ferrería e no que participarán 13 librerías da cidade (Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz). Pola proposta pasarán máis de medio cento de autores, entre eles, Manuel Jabois presentando Malaherba; Diana López Varela facéndoo con Maternofobia; Manuel Rivas falando seus últimos títulos e Ledicia Costas mantendo un encontro con lectores sobre Infamia.

Segundo informou o Concello de Pontevedra, organizador xunto coas librerías desta actividade que veu a substituír a Feira do libro que anteriormente promovían na capital da provincia a Xunta e a Federación de Libreiros, a programación da Festa dos Libros incluirá ademais música en directo, coa que rematará cada unha das tres xornadas (a cargo de Rebel Spirit e Ala, do proxecto Xeración Sónica; Gdjazz 4tet, e Comando Foucellas); obradoiros e outras actividades para cativos; obradoiros para adultos (de caligrafía con pincel, de estampación térmica e de encadernación xaponesa) e unha amplísima nómina de escritores e ilustradores asinando obras ao longo de todo o día.

As propostas da Festa do Libros inclúen ademais unha unha sesión golfa de sinaturas (o sábado ás 22.00 horas, na que participarán Adolfo Caamaño, Ana Cabaleiro, Antón Lopo, Eva Mejuto, Manuel Lourenzo e Miriam Ferradáns, entre outros) e unha proposta da librería Cronopios que leva por título Cita a cegas cun libro.

O horario do evento, o venres e o sábado, será de de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 23.00 horas e o domingo, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.

Comentarios