"O que nos interesa non é tanto o crime como intentar entender o que pasou"

Carlos Blanco interpreta a un dos gardas civís que investigan o sucedido coa filla de Rosario Porto e Alfonso Basterra en Santiago de Compostela en 2013. A nova serie de Netflix, El caso Asunta, que se estrea o 26 de abril, ten detrás a Ramón Campos e á produtora Bambú, que xa se encargaran de levar Fariña ao audiovisual.
O actor arousán Carlos Blanco caracterizado como o personaxe que interpreta en 'El caso Asunta', de Netflix.
photo_camera O actor arousán Carlos Blanco caracterizado como o personaxe que interpreta en 'El caso Asunta', de Netflix.

Meteuse na pel do xuíz Vázquez Taín en Códice e na do narcotraficante Laureano Oubiña en Fariña. Agora, en El caso Asunta, que Netflix estrea o 26 de abril, Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) volve formar parte do reparto dun proxecto audiovisual inspirado nun caso real, aínda que desta vez o seu personaxe é ficticio.

Quen é este home que interpreta na serie?
É un garda civil veterano. Un personaxe moi rosmón, duro, que construín deixándome guiar moitísimo polos dous directores [Carlos Sedes e Jacobo Martínez]. Creo que é tamén un personaxe pensado para darlle maior galeguidade, se cabe, á serie, porque se me permitiu mesmo empregar expresións en galego. É un home que coñece moi ben Santiago e que contrasta coa que é a súa xefa, o personaxe de María León, que é máis novata e que é andaluza. Creo que fixemos unha parella moi chula e afastada de tópicos. Hai unha relación, por un lado, case paternofilial, porque eu trato de ensinarlle cousas, e por outro, de moito respecto, porque ela é unha persoa nova, pero moi intelixente. Despois tamén é importante sinalar que todo na serie xira arredor da maternidade e da paternidade. É unha cuestión que ten moito peso e aí se encadra a relación que ten o meu personaxe e o da miña muller cunha neta que temos que coidar, como lles pasa a tantos avós, e que non nos deixa durmir. Por iso é tamén que o personaxe sempre está de mal humor. El do que ten ganas é de xubilarse para dedicarse a pescar.

Candela Peña fai un traballo brutal. O mesmo que Tristán Ulloa, que creo que está soberbio

Chegou a falar cos auténticos axentes que participaron na investigación do caso Asunta. Tomou moitas cousas deles?
Si que falei, pero nisto prefiro ser igual de discreto que cando falei co auténtico Laureano Oubiña para preparar o personaxe de Fariña. En ningún caso comentei nada do que falaramos. Quedou entre nós. Desta vez igual. Se me serviu estar con eles? Claro, sempre che serve. Como non che vai servir? O noso traballo vai moito de entender aos personaxes, de entender o que fan. Foi moi interesante falar con eles. O que atopei é xente moi vocacional. Se xa respectaba o que facían, fágoo moitísimo máis dende que me tocou encarnalos. 

Carlos Blanco xunto a María León nun momento da serie 'El caso Asunta', de Netflix.
Carlos Blanco xunto a María León nun momento da serie 'El caso Asunta', de Netflix.

É máis difícil enfrentar a interpretación de personaxes reais que a dos que son absolutamente ficticios? Ou en realidade é algo parecido?
Nisto vou ser moi galego e vouche contestar que depende. Cando me tocou facer de Oubiña ou do xuíz Taín, tiña un modelo ao que achegarme. Non se trata tampouco de imitalo, pero si de recrealo dalgunha maneira. Cando non é así, tes que crealo ti. Neste caso, o meu personaxe non existe. Non está inspirado en ningún policía real. Desta vez deixeime levar absolutamente polo que me pedían os directores: lévao por aquí, faino por este lado. Púxenme totalmente nas súas mans. 

Eu vivía en Teo a 100 metros exactos de onde apareceu esta criatura. Volver ver aquel corpiño alí estremecíate. Hai cousas que non podes disociar aínda que queiras

Estes días Candela Peña e Tristán Ulloa estiveron falando das dificultades desta produción. Como foi a súa experiencia? Foi un traballo especialmente complicado? Pensouse moito o de participar nela ou non?
Para min, participar neste proxecto foi moi interesante. O único problema que tiven foi rodar tanta noite: ás tres, ás catro da mañá. Cos anos cada vez cústame máis traballar de madrugada. Despois houbo efectivamente un par de días especialmente complicados. Un deles foi no que rodamos cando a comitiva xudicial leva ao matrimonio a facer un recoñecemento no piso. Centos de persoas rodearon o coche e empezaron a insultalos, a escupirlles... Iso gravouse con centos de extras nun día festivo para non interromper a vida da cidade. A min tocábame protexer a Rosario Porto, a Candela Peña, que fai un traballo brutal. Como Tristán Ulloa, que fai outro traballo soberbio. Tiña que sacala do coche entre un tumulto de xente que apenas me deixaba abrir a porta. Acabei facendo un sobreesforzo tremendo. Eran especialistas e eu tiña que repartir de verdade para poder sacala de alí. Acabei coas costas e cun ombreiro machacados. Outra escena moi dura, terrible, foi esa na que lle comunicamos aos pais que a filla apareceu morta. Estabamos María León e eu alí, ás tres da mañá, destemplados e desencaixados. Aínda que non queiras, volves para a casa con mal corpo e con iso na cabeza. Logo, para min, a mañá na que tivemos que descubrir o corpo tamén foi complicada. Porque eu vivía en Teo a 100 metros exactos de onde apareceu esta criatura. Volver ver aquel corpiño alí estremecíate. Hai cousas que non podes disociar aínda que queiras. 

Eu particularmente creo que Fariña é o noso Cuéntame. É unha ficción que nos conta; polo menos conta o que vivín na miña infancia

No audiovisual anglosaxón é habitual levar enseguida á ficción audiovisual calquera episodio da historia recente. Aquí fíxose con Fariña e parte do mesmo equipo volve coincidir en El caso Asunta. Que lle parecen estas adaptacións? Poden axudar a reflexionar sobre o que sucede ou iso tampouco é o seu papel?
Non sei que dicirche. Eu particularmente creo que Fariña é o noso Cuéntame. É unha ficción que nos conta; polo menos conta o que vivín na miña infancia. Esta de Asunta conéctase co chamado true crime que tan en voga está. Por que nos interesan estes crimes? Por que nos interesan os asasinos? Pois non sei por que nos resultan atractivos. Supoño que porque non os entendemos. Que pode haber na cabeza de alguén que non ten ningún problema económico para decidir desfacerse dunha filla adoptada e querida, que ademais é unha nena estudosa e aplicada, que toca o violín e fai ballet? Supoño que o que nos interesa non é tanto o crime como intentar entender que foi o que pasou. A min, polo menos, é o que me intriga. Esta serie nese sentido é moi interesante porque che expón o que pasou para que decidas ti que houbo detrás. 

Comentarios