Carlos Fernández, CEO de Filmax

"Os cines resistiron e resistirán"

O 'xefe' da produtora Filmax, Carlos Fernández, estivo este mércores en Pontevedra participando no encontro con creadores organizado polo Clúster Audiovisual Galego. Busca, como o cento de profesionais que acudiron ao 'pitching', novas ideas que desenvolver. E lanza un reto aos estudantes de Comunicación Audiovisual: faltan 'showrunners' en España

O CEO de Filmax, Carlos Fernández, no Pazo da Cultura. GONZALO GARCÍAA televisión vive un momento doce. A importancia que foron gañando as series, tanto nas distintas cadeas como nas plataformas, fixo que as produtoras do audiovisual en España comezaran a destinar recursos ao que se considerou, durante moito tempo, un formato moi por debaixo da calidade e do prestixio do cine. Unha das primeiras que deu o salto internacional foi Polseres vermelles, que gañou un premio Emmy e que se acabou vendendo en distintas partes do mundo. Carlos Fernández (A Fonsagrada, Lugo, 1962), director executivo (nas súas siglas en inglés CEO) de Filmax, fala desta serie da televisión catalá, do ano 2011, como un precedente do interese que están espertando hoxe as ficcións españolas. Produtor executivo da saga REC, Tapas ou Pérez: el ratoncito de tus sueños, Fernández foi un dos profesionais que participaron este mércores no 12º pitching do Clúster Audiovisual Galego, que se celebrou en Pontevedra.

Que é un pitching?
Un pitching é un punto de encontro entre xente que ten algo que contar, que ten un proxecto audiovisual que quere desenvolver, e xente que lle pode axudar a facelo. Ou o que é o mesmo: é un punto de conexión entre creadores ou produtores e outros produtores ou distribuidores. Normalmente nun pitching preséntanse proxectos non acabados coa intención de que a conexión que se produza con outro produtor ou cunha canle os faga medrar e se poidan mover.

E que vén buscando aquí Filmax?
A min persoalmente, como galego que son, calquera cousa que se faga aquí xa me atrae. Filmax vén a iso que che dicía, a coñecer proxectos que están nunha fase inicial e a ver se hai algún que lle encaixe para axudar a desenvolvelo e a que medre.

Vostede móvese entre dous polos de creación audiovisual importantes en España: Galicia e Cataluña.
É certo. As nosas raíces son galegas. Aquí mantemos unha estrutura, unha produtora coa que traballamos coa Televisión de Galicia e coa que estamos a realizar agora mesmo unha película de animación, A turuleca. E, por outro lado, a nosa central está en Barcelona. Pero teño que dicir que o obxectivo de Filmax pasa por interrelacionarse con outras produtoras, sobre todo na vertente da distribución. Un exemplo: para 2019 e 2020 temos 15 proxectos, a maior parte doutras produtoras, que nós distribuiremos.

Así que insisten na produción de animación dende Galicia, como xa intentaran hai 15 anos.
Si, aí estamos. Non se pode dicir que non sexamos persistentes. Apostaramos forte pola animación no seu día. Despois sufrimos moito por culpa dela e acabamos conxelando esa factoría. Agora, dunha forma tímida, pero decidida, estamos retomando proxectos. Imos paso a paso. Temos moitas ganas e ilusión. Ogallá teña continuidade.

"O que se necesitan son ideas, contidos. Hai que apostar polos guionistas e polas historias. Todo o demais vén detrás"

Nesta xornada hai proxectos de cine, pero tamén de televisión. As series son o produto estrela do audiovisual hoxe en día?
Nós estivemos moitos anos intentando entrar na televisión. Resultounos difícil. Afortunadamente, con Polseres vermelles cambiou a situación. Incorporamos un equipo moi potente de desenvolvemento e comezamos a producir de forma máis continua. O sector está evolucionando moito. Isto é así. Hai que pensar, cada vez máis, que facemos contidos para diferentes pantallas. Antes só era o cine. Hoxe é o cine, a televisión, o teléfono, o iPad... O que se necesita son contidos. Pero é certo, a televisión está captando moitísimo talento.

Cambiou a relación dos directores ou dos actores tamén co medio? Antes parecía que os grandes nomes do cine se resistían a facer series.
E non só aquí. Nos Estados Unidos, traballar na televisión era unha segunda liña. Hoxe non é así. Entendíase que as series eran proxectos pequenos, de orzamentos reducidos... Hoxe tampouco é así. Cando se fala dunha serie, fálase de traballar con moitos recursos. E no caso dos norteamericanos, por exemplo, un capítulo é moito máis custoso que calquera película das nosas.

As series españolas acaban de pasar pola Mipcom de Cannes, unha das feiras máis importantes do mundo sobre contidos para televisión, con certo éxito. Pódeselle plantar cara dende aquí aos xigantes estadounidenses?
Dicir que se lle pode facer fronte é de valentes (ri). A realidade é que en España hai moitísimo talento e que os produtos españois están circulando internacionalmente.

Dende o ano 2008 sucédense as salas de cine que pechan. Parecían condenadas a desaparecer en poucos anos. Pero aí seguen.
Os cines resistiron e probablemente resistirán. O que pasa é que a selección de películas que chegan a eles cada vez é menor. Ás salas só chegan as grandes producións e títulos de gran calidade. Tamén é verdade que se teñen que reconverter e adaptarse ao espectador. Nós, en Barcelona, nun Multiplex que temos alí, acabamos de abrir unha sala 4DX. A xente, cando lle das a oportunidade de vivir unha nova experiencia, apúntase. Canto van durar? Non o sei. Pero tocaranos ser creativos.

En Pontevedra hai unha Facultade de Comunicación Audiovisual. Cales diría que son os maiores retos aos que se van enfrontar os seus alumnos no sector?
Pensando nese cambio no mercado que supuxo a entrada de Movistar, Netflix e Amazon, eu creo que, se hai ideas, vai haber moitas oportunidades para traballar. O que fan faltan son historias. Hai que apostar polo desenvolvemento dos proxectos, polos guionistas. Todo o demais vén detrás. En España ten que desenvolverse moito máis o perfil do showrrunner, unha persoa que teña unha idea e a visión xeral para levala a cabo controlando todo o contido. É un talento escaso, pero fundamental á hora de falar de televisión. Despois, no ámbito do cine, sería fundamental que houbese unha estabilidade nas normas. A nivel de axudas públicas ou fiscais, as condicións cambian permanentemente e iso impide unha certa estabilidade. Finalmente, o problema de base co que nos atopamos é que contamos cuns recursos públicos moi limitados. Non nos podemos comparar nin lixeiramente con Francia, por exemplo. Politicamente tiña que estar claro se se fai ou non unha aposta decisiva por un sector cultural e industrial como é o audiovisual.

Comentarios