Carlos Núñez enche de música celta o Pazo da Cultura de Pontevedra

O artista subiu ao escenario coa agrupación Airiños de San Xulián, de Marín, e coa pianista Isabel Pérez Dobarro
Imaxe do concerto deste sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe do concerto de onte no Pazo da Cultura. GONZALO GARCÍA

Volve á Boa Vila no Nadal. Carlos Núñez, que protagonizara o concerto central de Culturgal 2018, volveu este sábado ao Pazo da Cultura de Pontevedra para ofrecer un concerto da súa tradicional xira de Nadal.

Convertido nun referente internacional da música celta, subiu ao escenario acompañado da agrupación de música tradicional Airiños de San Xulián, de Marín. Ademais, participou tamén no concerto a pianista Isabel Pérez Dobarro.

Na cita púsoxe de relevo a visión do artista sobre as músicas celtas como amables e inclusivas pero tamén históricas, profundas e merecedoras de respecto, algo que se puxo de relevo coa interpretación dealgunhas das composicións celtas de Beethoven, a poucos meses de que se cumpla o seu 250 aniversario.

O artista levou ao Pazo da Cultura sorpresas, facendo viaxar aos espectadores por diferentes países de cultura celta, como Irlanda, Escocia ou Bretaña, pero tamén por parte do mundo hispano, que forma parte do universo celta.

O carisma, a enerxía e o espírito pioneiro de Carlos Núñez fixérono traspasar os límites habituais dos seus instrumentos, algo que volveu demostrar no concerto de onte no Pazo da Cultura. O seu talento está avalado por numerosos recoñecementos musicais como un Grammy (e outras dúas nominacións) ou un Premio Ondas.

Comentarios