Carlos Valle e Amigos do Museo reivindican un padroado na reapertura da sala de investigación

A Deputación devólvelle á institución museística a potestade sobre o préstamo e consulta dos seus arquivos. "Pechar este espazo ao público foi unha decisión política tomada ás costas de todo o equipo técnico", di o director
Carlos Valle (esquerda) e Xosé Leal na sala de investigación
photo_camera Carlos Valle (esquerda) e Xosé Leal na sala de investigación

A Deputación Provincial estuda como devolverlle ao Museo de Pontevedra o seu carácter de organismo autónomo. Recoñeceuno este xoves o deputado de Cultura, Xosé Leal, na reapertura ao público da sala de investigación do Edificio Fernández López, pechada polo anterior Goberno provincial no que foi unha das decisións máis controvertidas da deputada Ana Isabel Vázquez. Preguntado pola posibilidade de recuperación do padroado que existía ata 2011, Leal explicou que se está a traballar nese sentido."Estamos pendentes de cuestións técnicas para ver que fórmula nos resulta máis acaída. É un tema que está na axenda deste Goberno. Irémolo vendo segundo vaia avanzando o mandato". 

O mesmo acto de reapertura da sala serviu para que o director do Museo Provincial, Carlos Valle, pedise oficialmente a recuperación do organismo, unha petición á que se sumou a asociación Amigos do Museo, a través do seu secretario, Ernesto Váquez-Rey. "Evidentemente pídoo. Pedino e pídoo", sinalou Valle. "Unha institución desta envergadura precisa esa independencia que lle outorga un padroado, chámese así, chámese organismo autónomo ou doutra maneira". Vázquez-Rey lembrou que en 2011 Amigos do Museo xa propuxera un xeito de recuperalo. "Aínda non eramos nin asociación, só plataforma, pero xa propuxeramos daquela uns estatutos e un regulamento para mantelo ao dicírsenos que a lexislación non permitía renovar o padroado que naquela altura existía". 

A reivindicación do papel do padroado do Museo fíxose na reapertura da sala de investigación do centro museístico, coa que a institución recupera a potestade sobre o préstamo e consulta dos fondos dos seus arquivos gráfico e documental, tras unha polémica iniciativa da anterior deputada de Cultura que aspiraba a crear un único gran arquivo provincial.

RESOLUCIÓN. "O peche desta sala foi unha decisión política tomada ás costas tanto da dirección do Museo como da práctica totalidade do equipo técnico", explicou Carlos Valle. "Soubémolo por unha resolución presidencial e, dende o primeiro momento, xa explicamos que a integración de arquivos que se formulaba non só non tiña sentido senón que ademais non se axustaba á lexislación vixente, é dicir, dende un punto de vista formal era irrealizable. Malia esas indicacións, non se corrixiu a situación, creando problemas de todo tipo, fundamentalmente para os usuarios". 

Leal, que veu manifestando que atendería as demandas dos investigadores dende que tomou posesión do cargo, dixo onte que se reabría "un espazo que nunca debeu ser pechado". Da mesma maneira se manifestou Vázquez-Rey. "Hoxe é un día histórico, un día de celebración". 

O arquivo do Museo, do que forman parte importantes materiais de figuras como Castelao, Filgueira Valverde ou Sánchez Cantón, abrirá de luns a venres, de 08.30 a 14.30 horas. 


Comentarios