Carolina Sertal, xornalista

"Facer memoria é unha cuestión de xustiza"

Vén de debutar como autora cun libro sobre a memoria de Cesantes. Presentouno en San Simón. E agora prepara un poemario.

Carolina Sertal (Redondela, 1989), co seu libro, no Carabela. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carolina Sertal (Redondela, 1989), co seu libro, no Carabela. GONZALO GARCÍA

O seu primeiro libro é un ensaio sobre a memoria do século XX de Cesantes. Como naceu A memoria dun pobo?
Este libro xorde dun proxecto do obradoiro de estudos locais Fernando Monroy e dun documental que se estaba a filmar sobre a memoria da veciñanza da parroquia de Cesantes, en Redondela. A raíz dunha subvención para este traballo, o obradoiro tivo a idea de completalo cun libro que recollera todas esas memorias. Foi entón que Fernando Collazo, que é o director do documental, me propuxo que o fixera eu. Para min foi un privilexio e un orgullo poder recuperar todas estas voces. Máis, desa parroquia, na que eu pasei tantas fins de semana da miña infancia.

Cantos testemuños recolleron?
Como eu me incorporei co proxecto xa comezado, non puiden falar directamente con todas as testemuñas. En total entrevistáronse 24 persoas. Nos últimos casos, participei na entrevista. Para escribir o relato dos primeiros, baseeime nas gravacións que se fixeran para o documental. Despois, intentei achegarme a cada unha das historias de xeito diferente. Nalgúns casos empreguei a terceira persoa; noutros, a primeira; para un dos relatos usei a fórmula dun diario de a bordo; para outro, a dun diálogo...

O resultado é un libro-DVD, que se presentou na Illa de San Simón.
Exacto. E que pode conseguirse nas librerías de Redondela.

Foi complicado que a veciñanza fixera memoria? Tiña ganas de compartir a súa historia ou era reticente a facelo?
Non, para nós non foi complicado. Tamén é verdade que o obradoiro é unha asociación de Cesantes que coñece a todo o mundo. Iso facilitounos moito as cousas. Aínda que si que é certo que, por exemplo, cando fomos entrevistar a Amador, un veciño de case 100 anos, supervivinte dun naufraxio da Segunda Guerra Mundial, se botou a chorar. Dicíanos que a súa fora unha vida de cine e que había nela demasiadas cousas difíciles para andalas lembrando. Non quería facelo. Finalmente conseguimos convencelo. Hai outro caso, o dunha muller á que lle asasinaron o marido, no que a entrevista se converteu nun lamento continuo. "Aquilo foi horrible". "Maldita guerra". "Aquilo é mellor nin falalo". Repetía isto case como un mantra. Aínda hoxe se nota a tremenda dor dos veciños.

Máis de 80 anos despois?
Por suposto que si. Porque en moitos casos estamos falando de experiencias terribles, que marcaron ás familias por completo. A primeira historia que recollemos no libro, por exemplo, a de Tomás Matilde, é a historia dun home que foi torturado polos falanxistas en varias ocascións, chegando a deixalo por morto incluso nunha ocasión, e que durante 40 anos mantivo intacta a intención de vingarse dos homes que delataron e que mataron ao seu pai e á súa nai, cheo de rancor. Mentres durou a ditadura tiña que cruzarse con esa xente cada día. En canto puido fíxose cunha pistola e ía directo a matalos, cando se cruzou cun irmán, garda civil, que o fixo cambiar de opinión. Impresionaba moitísimo velo falar de todo isto hoxe, cunha calma absoluta, cunha enteireza que me quedou moi gravada.

Nunca se fixera algo parecido en Cesantes?
Xa se tiñan feito outros proxectos de memoria histórica por parte do obradoiro. Por exemplo, a recuperación da telleira. Pero recompilando testemuños de veciños, non. Este foi o primeiro.

Que importancia lle dá vostede a que se realicen este tipo de iniciativas? Hai quen defende que é mellor esquecer.
Para min, que se fagan este tipo de traballos sobre a memoria é simplemente unha cuestión de xustiza. Como veciña de Redondela sorprendeume a cantidade de historias que tiña ao lado da miña casa e que endexamais escoitara. E impresiona. Porque nalgúns casos estamos a falar de auténticas barbaries, de grandísimas traxedias. É necesario que se coñeza esta parte da historia. Imprescindible. Porque, se non se recolle esta memoria, chegará un momento en que desaparecerá. E será como se nada disto pasara. Non se pode permitir. Claro que é necesario sacar adiante estes proxectos. A desmemoria é o que lle interesa a certa parte da poboación. En Galicia non houbo guerra. Só houbo represión. Unha represión brutal. E a xente calou. E cala. Porque o medo segue estando aí. Téñeno tan metido dentro que aínda hoxe está presente.

Entre outras, o libro recolle a historia do único veciño de Cesantes que foi asasinado.
Unha historia terrible tamén e da que case non hai datos. Apenas existe o testemuño da muller e a información que sobre este home, conserva o proxecto Nomes e Voces (www.nomesevoces.net). Este veciño era camareiro no Hotel Moderno de Vigo. Foi prendido e levado ao cárcere que hoxe ocupa o Marco. Ata que un día o sacaron, xunto a outros seis presos, para pegarlle un tiro na estrada nacional que vén a Pontevedra. De calquera maneira, hai que destacar que o libro non só recolle a memoria da guerra e da posguerra senón tamén a memoria das mulleres ou dos oficios tradicionais, entre outras cousas.

Van vir máis libros despois de Memorias dun pobo?
Pois estou traballando xa no que serán as memorias do pintor Ángel Barros, que foi restaurador no Museo do Louvre, en París. E tamén no que será o meu primeiro poemario, que naceu tras recibir o Premio de Poesía da Deputación polo poema Anguria.

Comentarios