Carvalho Calero para nenos

A editorial pontevedresa Lela Edicións publica un pequeno cómic sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas con guión de Polo Correo do Vento e debuxos de Miguel Pérez Ramudo

Cómic sobre Carvalho Calero - Interior"Quen se astreva, seguindo ou non seguindo o método de Carvalho Calero, ten que recoñecer nil un precursor, un xoven mestre". A frase de Ramón Otero Pedrayo, que formou parte da resposta do escritor ao discurso de entrada de Ricardo Carvalho Calero na Real Academia Galega en 1958, pode lerse na contraportada da banda deseñada que o selo pontevedrés Lela Edicións sacará á rúa o 23 de febreiro na honra do persoeiro ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

"Estamos moi contentos con como quedou esta obra. Porque non é doado achegarse á figura de Ricardo Carvalho Calero dende a perspectiva da cativada", explica Kike Mauricio, de Polo Correo do Vento (colectivo autoral do que forma parte tamén Carlos Taboada, ao tempo, responsable de Lela Edicións xunto a Joanna Lorenzo). O que fixeron aquí os guionistas do cómic é repasar a biografía do protagonista do próximo 17 de maio deténdose nos episodios máis destacados da súa vida: as súas primeiras publicacións; o paso pola cadea tras a Guerra Civil; o desenvolvemento da súa labor como mestre no colexio Fingoi (Lugo); a redacción da gramática galega e da Historia da literatura galega contemporánea; a pertenza ao Seminario de Estudos Galegos e o seu compromiso final co reintegracionismo. "Eu, como vedes, asino agora como Carvalho Calero [no canto de Carballo Calero] no meu apelido, apostando polo reintegracionismo, sendo unha evolución natural da lingua", di no libro.

Na historia que compuxo Polo Correo do Vento, o protagonista está acompañado por un dos seus personaxes de ficción, Scórpio, que precisamente lle daba título a un libro de narrativa de 1987 con trazas autobiográficas.

"Penso que quedou un título interesante para a rapazada a partir de 10 anos", conta Mauricio sobre esta banda deseñada, o terceiro título da colección que Lela Edicións lle adica aos homenaxeados o Día das Letras Galegas, tras os de María Victoria Moreno e Antonio Fraguas. "Estamos ante un persoeiro apaixonante, un home que traballou moitísimo pola nosa cultura. Foi o primeiro catedrático en lingua galega. A súa obra Historia da literatura galega contemporánea, que realizou en 1963, é realmente un fito e un traballo de referencia. Para nós foi unha cousa moi bonita traballar sobre a súa figura".

Para a ocasión contaron coa colaboración especial dos mestres xubilados Anxo González Guerra e Vitoria Ogando (www.ogalego.eu), "que foron alumnos de Ricardo Carvalho Calero e puideron contarnos moitísimas cousas de primeira man".

ilustrador. Pero a colaboración máis importante desta obra é a que Polo Correo do Vento realizou co debuxante cambadés Miguel Pérez Ramudo, que debuta con este título. "Gustounos moito o seu traballo e decidimos incorporalo á nosa nómina de colaboradores. A verdade é que estamos nun momento no que intentamos potenciar todo o que podemos a relación e cooperación con outros autores, algo que penso que nos axuda a medrar a uns e a outros. Estamos encantados de coñecer xente nova e de traballar con ela". Con anterioridade, o colectivo autoral xa realizara obra con outros ilustradores como Tania Solla.

A intención de Polo Correo do Vento pasa por seguir incorporando obras dirixidas ao público infantil á colección de homenaxeados o Día das Letras Galegas. "Aínda que hai xente que non se mostra de acordo coa celebración do Día das Letras Galegas tal e como está realizándose, a nós parécenos unha oportunidade única para rescatar autores galegos, volver sobre eles e axudar a divulgar a súa obra entre todos os públicos", explica Mauricio. "Pensamos que é unha conmemoración que ofrece posibilidades interesantes de achegamento a estes escritores e escritoras dende as escolas, dende as editoriais, dende distintas perspectivas, etc.".

Comentarios