Carvalho Calero o Novoneyra: la Real Academia decide sobre las Letras 2010

A Real Academia Galega ten este sábado unha difícil elección entre as mans: poñerlle nome propio ao Día das Letras do 2010. Hai nomes que levan anos soando en todas as quinielas, pero que non gozaron aínda da mediática xornada de homenaxe que cada ano lembra a un escritor galego falecido que fixo méritos pola defensa do país, da súa cultura e das súas xentes.

Entre os candidatos, os poetas Fiz Vergara Vilariño e Eusebio Lorenzo Baleirón, o 'vello profesor' Filgueira Valverde ou o polifacético escritor, poeta e político Valetín Paz Andrade. Outra posibilidade que cobrou forza nos últimos tempos foi a do militar liberal Antonio Fernández Morales, quen publicou 'Ensaios poéticos en dialecto berciano' (1861), obra que contén máis de seis mil versos en galego e que se erixe coma un dos piares do rexurdimento literario do país no século XIX. E queda un nome, que soa con forza entre a mocidade pero que nunca entra nas quinielas, tampouco esta vez, que non acaba de callar nos círculos oficiais: o do poeta monfortino Lois Pereiro.

Sen embargo, non é ningunha destas a candidatura que chega con máis forza. O apoio institucional brindado polas concellerías de Cultura de Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense e A Coruña ao intelectual Ricardo Carvalho Calero cando se cumpre un século do seu nacemento e vinte anos da súa morte fixo que a posibilidade de devolverlle por un día o recoñecemento que lle corresponde se fixese máis forte.

Co pensador ferrolán compite outra figura que soubo facer arte coa palabra: Uxío Novoneyra, o Poeta --con maiúsculo-- do Courel. O vindeiro 30 de outubro cumpriranse dez anos do seu pasamento, e a asociación Amigos de Uxío Novoneyra leva dous recollendo sinaturas para que o traballo do lucense non caia no esquecemento.

O pasado mes de abril entregáronlle ao presidente da Real Academia máis de mil sinaturas, entre as que se atopaban a do tamén escritor Agustín Fernández Paz --"Chegaría un único verso para apoiar a candidatura ('Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!')"--, e a do cantautor Miro Casavella --"Imprescindibel o nomeamento de uxio pra as letras galegas do 2010 e o gran poeta de galiza e da sua natureza natureza. Galicia, será a miña xeneración quen te salve, irei un dia do Caurel a Compostela por terra liberada..."--. Unha 'mensaxe subliminal' do apoio social co que conta a candidatura do poeta.

Comentarios