Case espida e transparente

Unha exposición de Gálix e do Concello de Pontevedra, coordinada por María Lado, réndelle homenaxe a Fina Casalderrey no ano no que foi candidata aos premios Astrid Lindgren e Hans Christian Andersen ► A mostra permanecerá na Praza de Ourense ata o 18 de maio
Fina Casalderrey, no centro da imaxe, durante a inauguración da exposición na súa honra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Fina Casalderrey, no centro da imaxe, durante a inauguración da exposición na súa honra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Cinco cubos repasan a vida e a obra da escritora pontevedresa Fina Casalderrey, dende este xoves, na Praza de Ourense, no que é unha mostra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e do Concello de Pontevedra concibida en homenaxe á autora de Xeve no ano no que foi a candidata española aos dous premios máis importantes da literatura infantil e xuvenil a nivel internacional: o Astrid Lindgren e o Hans Christian Andersen. "Todas as cousas que teñen lugar en Pontevedra fanme unhas cóxegas especiais por dentro", recoñeceu a homenaxeada. "Vila e río transitan polas miñas veas e polos meus mundos oníricos. Esta declaración de amor quedou gravada en pedra hai un ano [na homenaxe Escritora na súa Terra, da Asociación de Escritores en Lingua Galega] e o que se grava en pedra é difícil de borrar".

Ducias de persoas asistiron á inauguración da exposición Medrando entre historias, que coordinou a poeta e actriz María Lado. "Deixáchesme case espida. Quedei transparente", díxolle Casalderrey sobre o seu traballo, que partiu en boa medida da recompilación de declaracións e de textos da propia escritora. "É importante que as autoras se conten coas súas propias palabras", explicou Lado sobre esta decisión.

Entre outros, acudiron ao acto do xoves o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, os dous amigos persoais de Fina Casalderrey. Precisamente en calidade de amigos, segundo ela mesma indicou, estaban alí. "Teño que darlles as grazas aos que me axudaron a medrar entre historias", dixo, ao tempo que tamén mencionou a algunhas das persoas que estaban detrás desta iniciativa, como a escritora e coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, Eva Mejuto, ou o presidente de Gálix, David Cortizo. "Quizais esta homenaxe sexa pequena en medios, pero é moi grande en cariño", indicou Cortizo, que lembrou precisamente o impacto que tivo nel, como rapaz de Alba, saber que unha veciña de Xeve gañara o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (en 1996).

Rebumbio

"Este rebumbio partiu todo de Gálix", lembrou a escritora facendo referencia a que foi a asociación galega a que presentou a súa candidatura na Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), que despois a acabaría escollendo para presentala como candidata española aos galardóns internacionais. "Acabei como abandeirada do Estado Español escribindo en galego, como o foi tamén Agustín Fernández Paz, escribindo tamén en galego, e xunto a outros grandes nomes como Jordi Sierra i Fabra, Ana María Matute ou Bernardo Atxaga".

A autora quixo estender a súa homenaxe a todas persoas que escriben no idioma propio. "Para non sentir vertixe, preciso tomar esta homenaxe como algo colectivo, para todos os que escriben en galego dende aquel Memorias dun neno labrego, hoxe traducido a 60 idiomas. Despois del viñeron moitos máis". A todos eles encomendou o futuro da lingua e da literatura galegas. "Estes premios chegarán algún día. Non serán para min, pero temos xente abondo".

Fina Casalderrey desexou ademais que as súas candidaturas serviran para reforzar o prestixio do galego. "Porque dende Galicia podemos ser universais. Oxalá que os que non se animan a falar a nosa lingua, porque aínda teñen prexuízos, o fagan. Perfecto non a falamos ningún pero, como dicía Manuel María, o idioma é a chave coa que abrimos o mundo. Benditos neofalantes".

A cidade que levita

Especialmente agarimosa foi a escritora co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, do que afirmou que ela aprezaba un compromiso fondo coa lingua e coa cultura galegas. Lembrou iniciativas municipais postas en marcha polo actual Goberno municipal como o Salón do Libro ou a Festa dos Libros e outros eventos, como competicións deportivas, que axudaron a situar a Pontevedra a nivel internacional. "Grazas por facer levitar Pontevedra como facía Torrente Ballester con Castroforte de Baralla".

O alcalde devolveulle amplamente os eloxios. Lembrou que só polo feito de ser unha autora con máis de 60 títulos publicados e máis de 30 premios de distinta índole recibidos xa tiña merecida a homenaxe. "Todo iso xa xustifica esta exposición en Pontevedra". Contou ademais que coincidía con ela na súa orixe rural ("Eu nacín en Vilalonga nun lugar de tres casas") e nese "convencemento de que dende Galicia podemos ser universais porque non somos máis ca ninguén, pero tampouco menos".

O alcalde tamén explicou que, para el, Fina Casalderrey forma parte desa veciñanza que axuda a situar Pontevedra no mundo. "É unha muller que fai cidade. Porque facer cidade non é só colocar farolas e esas cousas, tamén se fai con xente como Fina", dixo Lores. "Eres un exemplo para todos nós. Querémoste moitísimo e estamos orgullosos de ti".

Comentarios