No caso de pasar un verán na Toxa

A libreira pontevedresa Mercedes Corbillón debuta na literatura co álbum ilustrado Verano en A Toxa, de El Patito Editorial, que ilustrou Maru Godàs ▶ A obra presentarase o 2 de novembro na librería Cronopios nun encontro coa xornalista Susana Pedreira
Detalle do libro 'Verano en A Toxa'. GONZALO GARCÍA
photo_camera Detalle do libro 'Verano en A Toxa'. GONZALO GARCÍA

Colle o teléfono en Venecia Mercedes Corbillón. "Viñen para escribir", explica. A libreira pontevedresa está traballando na que será a súa primeira novela. Mentres tanto saíu á rúa o seu debut literario, o álbum Verano en A Toxa, que ilustra Maru Godàs e publica El Patito Editorial. Presentarao o mércores 2 de novembro na súa librería, Cronopios, acompañada pola xornalista de Onda Cero Susana Pedreira.

"Verano en A Toxa sae a partir dun encargo de El Patito Editorial para un proxecto que ten sobre as illas", explica a autora. Refírese á colección Illadas, que comezou coa publicación do título Sendas de Ons, escrito por Anxos Sumai e ilustrado por Pablo Rosendo. "O encargo chegou a través da editora Gemma Sesar, que me propuxo que escribira o texto da segunda entrega da colección, que se lle dedicaría á Illa da Toxa".

A pandemia cruzouse no medio dos plans da editora e a cousa acabou alongándose máis do que agardaban. "O primeiro verán que pasei alí foi o do 2020, verán totalmente pandémico. Creo que iso influíu moito en que me quedara un texto como o que me quedou, bastante melancólico e cheo de choiva. Ao ano seguinte regresamos e pasamos outra semana alí para concluír o traballo".

A narradora ben podería ser eu pasando uns días na Toxa, contemplando a paisaxe e relacionándoo coa memoria e coas cousas que van pasando

Mercedes Corbillón conta que Verano en A Toxa está a camiño entre un libro de viaxes e un libro de autoficción. "Con isto último refírome a que a narradora ben podería ser eu pasando uns días na Toxa, contemplando a paisaxe e relacionándoo coa memoria e coas cousas que lle van pasando", explica. "É un deses libros de viaxes nos que hai unha presenza importante do narrador, aínda que tamén hai cousas absolutamente ficcionadas". Hai ademais información específica sobre a illa. "Inclúense cousas que a narradora vai lendo sobre a Toxa, pinceladas históricas que vai recompilando... Pero non é un ensaio, senón un caderno de viaxe no que cabe todo: algúns datos sobre o sitio ao que se viaxa, pero tamén a perspectiva persoal do autor".

A libreira pontevedresa tamén aclara que o papel que xogan os ilustradores nesta colección é exactamente o mesmo que os escritores. "Para nada son cadernos de viaxes nos que as ilustracións están ao servizo do texto, senón que se trata de reunir a alguén que escribe sobre un lugar con alguén que debuxa ese mesmo lugar".

No seu caso si que coincidiu que viaxou xunto a Maru Godàs, "que fixo un traballo brillantísimo", ata a Toxa. "Iso levou a que nalgunhas cousas cadraramos, aínda que no punto de partida do proxecto as súas imaxes non tiñan por que ter nada que ver co meu texto, porque o concepto da colección é o de reunir en cada obra dúas visións artísticas sobre un lugar, que poden ser totalmente diferentes. No noso caso, tanto a portada como a contraportada están relacionadas co que narra a protagonista".

Como creo que son bastante mellor lectora que escritora, estou convencida de que nunca chegarei a asinar algo á altura do que me gusta ler

Mercedes Corbillón, que probara como editora a lanzar o poemario Bajo la lluvia no pesan las historias, de Carmen Quinteiro, lánzase agora a probar fortuna como autora. "Aínda que xa levo tempo publicando na prensa [incluído no Diario de Pontevedra], algo que me tomo moi en serio porque considero que é un espazo no que tamén se escribe literatura". Tamén participou no volume colectivo Oito olladas sobre a folga feminina do 8 de marzo. "Pero libro como tal, no que aparezo como autora, este é o primeiro. E faime moi feliz porque o proxecto é marabilloso e o libro fermosísimo. Aínda que, como creo que son bastante mellor lectora que escritora, estou convencida de que nunca chegarei a asinar algo á altura do que me gusta ler".

Outra cousa será o que pase coa súa primeira novela. "Tanto Verano en A Toxa como a novela nacen das ofertas que me fan dúas editoras: Gemma Sesar de El Patito Editorial, por unha banda, e Miryam Galaz, editora de Espasa, por outra", explica. "Sinto que non podo deixar pasar propostas como estas. No caso da novela, teño que intentalo, polo menos. A ver se consigo acabala"

Comentarios