Castelao na colección de Roberto Taboada

O Concello de Pontevedra distribuirá por centros escolares un volume con fotografías, debuxos, documentos e outros materiais que conserva o expolítico pontevedrés sobre o autor de Rianxo

'Castelao alén mar' é unha publicación da Concellería de Educación de Pontevedra que reúne fotografías, obras de arte, correspondencia e debuxos relacionados coa estancia do autor de Rianxo en América: dende a súa visita a Cuba en 1938 ata o que foi o seu exilio en Arxentina, entre 1941 e 1960, e o paso por México en 1945 e Uruguai en 1963.

Todo o material forma parte da colección particular do expolítico pontevedrés Roberto Taboada, que conta que toda esta documentación foi recompilada por el mesmo ao longo dos últimos 40 anos, pero garda para el a súa procedencia e como a foi conseguindo.

"Pontevedra ama a Castelao do mesmo xeito que Castelao amou a Pontevedra", escribe o concelleiro de Educación, o socialista Tino Fernández, nun prefacio da obra, no que lembra como recentemente o Museo adquiriu o álbum Nós, como se lle bautizou oficialmente co nome do autor do Sempre en Galiza ao ata agora coñecido como Sexto Edificio e como se substituíu no rueiro o nome do rei emérito Xoán Carlos I polo da súa muller, Virxinia Pereira. "Nesta publicación (...), Roberto convídanos a desfrutar dun impresionante catálogo de cartas, debuxos, telegramas, libros, revistas, xornais, fotos e outros documentos que forman parte da súa propia colección privada".

Outro investigador, Lino J. Pazos, é o autor dos textos do volume e a persoa que lle axudou a ordenar o material e seleccionar o que se incluíu no libro. "Neste inventario poderemos ver unha mínima parte destes fondos, dos cales escollín os que representan a mellor realidade da colección", explica Pazos no propio volume.

"Todos eles orixinados en América, entre os que destaca, ao meu entender, a correspondencia mantida con varios persoeiros do momento como Rodolfo Prada, con motivo do seu nomeamento como ministro do Goberno de Giral en 1946".

Artigos de prensa publicados en Buenos Aires, en México ou na Habana tamén forman parte tamén deste catálogo, que está dividido en cinco capítulos: Obra imprescindible, Correspondencia, Castelao ilustrador de libros infantís e xuvenís, República e Prensa e revistas.

No primeiro dos apartados destacan, entre outras cousas, o exemplar de "Cincuenta hombres por dos pesos", que foi como a editorial Emecé traduciu en 1940 o orixinal Cincoenta homes por dez reás, unha colección de láminas impresas por primeira vez na Coruña en 1925. Deste capítulo primeiro tamén forman parte unha edición numerada do discurso Alba de groria ou unha impresión de ¡Meu Pontevedra! por parte do Centro pontevedrés de Buenos Aires en 1967.

undefined

Correspondencia. No capítulo da correspondencia figuran cartas orixinais enviadas ou recibidas por Castelao a amigos e colaboradores como Arturo Cuadrado, Emilio Pita ou Manuel Vázquez. Aquí tamén se atopa un telegrama asinado por Rafael Dieste e distintas fotos autografadas tanto do propio autor de Rianxo como doutras personalidades.

Un dos apartados máis interesantes do catálogo é o que se lle dedica á faceta de Castelao como ilustrador de libros infantís e xuvenís. E é que da colección de Roberto Taboada forman parte varios títulos da colección Biblioteca Billiken, que publicou a editoral Atlántida de Bos Aires.

Segundo se explica na obra, esta foi unha colección impulsada polos exiliados galegos. Outro galego, Federico Ribas, era, de feito, o seu director de arte.

Entre 1941 e 1944, Castelao fai os debuxos de, polo menos, unha ducia de libros desta colección, entre eles, Los negros en América, de Elsa Brunelli; Amadís de Gaula, versión de Garci-Ordóñez de Montalvo e E. Pérez Mariluz; Grandes figuras de Grecia, de Plutarco, en versión de Arturo Serrano Plaja; Aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain, e Cuentos, de Oscar Wilde.

O cuarto capítulo do volume está centrado na relación de Castelao coa República. Componse de notas manuscritas do propio Castelao sobre as súas intervencións no Consello de Ministros do Goberno de Galicia no exilio, fotografías da súa estancia en Cuba e telegramas de distinto tipo a distintos políticos.

Finalmente, Castelao alén mar remata cunha recompilación de artigos que distintos medios de comunicación lle dedicaron no exilio. Da colección de Taboada forman parte exemplares do xornal Galicia, publicado en Bos Aires, A Nosa Terra, El Orensano e Opinión Gallega.

Lino Pazos: "Aquí hai dende cousas que apenas se difundiron ata outras descoñecidas de todo"

O encargado de axudar a Roberto Taboada a ordenar e clasificar todo o material da súa colección é o investigador Lino J. Pazos. El tamén é o autor dos textos do volume que publicou o Concello de Pontevedra.

"A colección de Roberto é espectacular. Hai dende cousas que apenas de difundiron ou se coñecen moi pouco a outras absolutamente descoñecidas, eu diría que inéditas", explica Pazos, que neste caso se centrou en recompilar material relacionado con Castelao, sobre todo, da súa etapa en América.

"Trátase de obras, documentos e fotografías que Roberto Taboada foi reunindo ao longos dos últimos 40 anos", di. "O obxectivo final é montar con elas unha exposición para que o público xeral poida coñecer de primeira man todo isto".

Do conxunto dos contidos, Pazos resalta unha serie de cartas manuscritas de Castelao ou o telegrama do presidente da República no exilio (entre 1945 e 1947), José Giral, pedíndolle ao de Rianxo que acepte formar parte do goberno en «representación galleguista".

Igualmente tamén destaca, "polo seu especial interese en canto ao pouco difundidas que están", as ilustracións que realizou para a colección de literatura infantil e xuvenil Biblioteca Billiken da editorial Atlántida de Bos Aires.

Á espera de poder montar unha exposición 
A aspiración tanto de Roberto Taboada como de Lino J. Pazos é a de montar unha exposición con todo o material sobre Castelao do que dispón o exconcelleiro.

Así se explica directamente no prólogo do volume: "As pezas desta colección foron recollidas ao longo dos últimos 40 anos e, unha vez catalogadas, formarán parte dunha exposición, á espera de situar no espazo e no tempo, pero que non tardará moito en ser unha realidade".

Taboada e Pazos xa estiveran detrás dunha gran mostra que ocupou o Pazo da Cultura na primavera de 2019, ‘Entre dúas augas. Pontevedra 1930- 1940’, organizada polo Arquivo Municipal e coordinada polos dous investigadores en colaboración co arquiveiro daquel entón, Enrique Sotelo.

Comentarios