Cedofeita celebrará o seu 25º aniversario cun volume adicado á historia de Lérez

A asociación cultural organizará unha semana de actividades durante o mes de maio
Pilar Comesaña, Estévez Solla, Xaime Iglesias, Fernández Lores e Alberto Oubiña, no Concello. DAVID FREIRE
photo_camera Pilar Comesaña, Estévez Solla, Xaime Iglesias, Fernández Lores e Alberto Oubiña, no Concello. DAVID FREIRE

A asociación cultural Cedofeita cumpre 25 anos e ten previsto celebralo cunha programación especial de actividades e con dúas publicacións: unha delas, máis sinxela, sobre as festas da súa parroquia e outra, máis importante, sobre a historia de Lérez. Anunciárono este mércores o presidente do colectivo, Xaime Iglesias, e o seu secretario, José Luis Estévez Solla, que mantiveron unha xuntanza co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e cos concelleiros Pilar Comesaña (parroquia de Lérez) e Alberto Oubiña (Normalización Lingüística) para estudar a colaboración do Goberno local neste aniversario.

"Mantemos unha programación cultural permanente cunha media de asistencia de entre 30 e 40 persoas", contaron os responsables da asociación. "Esta implicación da veciñanza é a que nos anima a seguir".

Cedofeita, que supera na actualidade os 150 socios, confirmou que comezará este venres a súa programación de actividades para este ano cun concerto dunha coral dentro do seu ciclo Venres culturais, que teñen lugar os últimos venres de cada mes. "A maiores, nos últimos días de maio celebraremos unha semana cultural de actividades específicas para festexar o aniversario. Incluirá música, conferencias e teatro, entre outras cousas".

O proxecto máis destacado desta conmemoración dos 25 anos de vida de Cedofeita é a saída á rúa de dúas publicacións: a centrada nas festas, que complementa dalgunha maneira unha exposición que se realizou con anterioridade sobre este tema, e a da historia de Lérez, de maior envergadura. "Trataremos de que abranga dende a prehistoria ata a actualidade. Recompilaría todos os artigos que se viñeron publicando na nosa revista sobre este tema máis algunha colaboración a maiores que pediremos para que non queden ocos", contou Xaime Iglesias. "Ademais, gustaríanos acabala cun pequeno apéndice de persoeiros da parroquia onde estean, por exemplo Valentín Paz Andrade, Leandro del Río, Antonio Odriozola ou o médico Manuel Ballina".

O CASTELO. A asociación Cedofeita toma o seu nome dunha antiga contrución da parroquia: un castelo de orixe medieval (século X), que se presume que era de carácter defensivo. No volume sobre a historia da parroquia terá un capítulo central.

A este respecto, o alcalde asegurou que esta publicación que prepara a asociación "botará luz sobre temas nos que hai un baleiro histórico" e citou como exemplo o estudo e investigacion sobre o castelo de Cedofeira. Lores asegurou que "Cedofeita forma parte da historia de Pontevedra e, dalgún xeito, vén a unir a época romana coa época de esplendor medieval". Segundo dixo, traballar sobre este período "é un tema que non afecta só á parroquia de Lérez senón que afecta tamén a toda a cidade de Pontevedra".

Comentarios