Medio cento de propostas preséntanse ao certame Novos Valores do Museo

 A exposición coas obras que seleccione o xurado ocupará un espazo do Edificio Castelao entre o 7 de xullo e o 11 de setembro
Peza dunha exposición de Novos Valores. RAFA FARIÑA
photo_camera Peza dunha exposición de Novos Valores. RAFA FARIÑA

O certame de artes plásticas Novos Valores recibiu 49 propostas. Así o vén de facer público a Deputación de Pontevedra, que convoca anualmente estes premios a través do Museo. "Trátase da cifra máis alta de aspirantes dende que se modificaron as bases do concurso restrinxindo a idade máxima de participación aos 35 anos", sinala a institución convocante. Tanto en 2021 como en 2020 (que foi cando se cambiaron as bases) recibíranse 38 solicitudes.

A Deputación lembra que o prazo de solicitude quedou xa pechado e que agora os servizos técnicos están supervisando que toda a documentación presentada polos aspirantes sexa correcta. "As persoas que reúnan os requisitos da convocatoria recibirán un correo electrónico no que se lle indicará a validación da súa participación e o código asignado á súa obra, que garanta o seu anonimato".

O xurado seleccionará un máximo de 25 propostas para a mostra do verán e de entre elas escollerá as catro gañadoras de cadansúa bolsa 7.500 euros para ampliación de estudos

Despois, os admitidos ao certame deberán presentar un estudio pormenorizado do seu traballo (fotografías, ficha técnica, descrición, etc.). Nunha segunda fase será cando se convoque ao xurado para examinar, valorar e seleccionar ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, segundo lembra a Deputación. Con esas pezas será coas que se conformará a mostra Novos Valores 2022, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 7 de xullo ao 11 de setembro de 2022.

"Nunha última fase, coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo ao xurado para que, unha vez examine e valore as pezas, propoña os catro traballos merecedores de ser premiados coa súa correspondente bolsa de ampliación de estudos". Cada unha delas está valorada en 7.500 euros

"Os galardóns de Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas nas modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras", lembra a Deputación. "Este labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis vénse realizando de maneira histórica, estando xa documentadas na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX, e con continuidade e vixencia plena na actualidade".

Comentarios