César Antonio Molina di que Cunqueiro imprimiu estilo ''orixinal'' á poesía e narrativa

O escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina asegurou hoxe que Álvaro Cunqueiro outorgou á poesía e á narrativa un estilo "propio orixinal".

Molina pronunciou esta mañá a conferencia inaugural do congreso Mil e un Cunqueiros, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas tres universidades galegas para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981).

O ex ministro dixo de Cunqueiro que foi o escritor galego "máis importante do século vinte" e relatou as súas experiencias con Álvaro Cunqueiro, ao que coñeceu nos anos sesenta, así como as lecturas que realizou sobre a súa obra.

"Recomendoume ser notario ou rexistrador, profesións máis honrosas e seguras que a de escritor", recordou Molina que lle dixo Cunqueiro.

"Foi sempre un autor que invadiu a poesía e a narrativa intercomunicando ambos os xéneros cun estilo propio orixinal", dixo Molina de Álvaro Cunqueiro.

O ex ministro cualificou ao autor mindoniense como un home "escéptico" e agregou que Cunqueiro "comprendeu que as posibilidades de sobrevivir culturalmente era a través da imaxinación".

Ademais, destacou que, como narrador, Álvaro Cunqueiro foi bilingüe e que no campo do xornalismo utilizara fundamentalmente o castelán, mentres que cando escribía poesía escribía en galego e "era profundo e consustancial".

O ''PODER DE ATRACCIÓN'' DE CUNQUEIRO

A César Antonio Molina precedeuno no uso da palabra o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que destacou o "poder de atracción" de Álvaro Cunqueiro.

Villares sinalou que Cunqueiro "conta moitas cousas que remiten a mundos que coñecemos máis ou menos directamente", pero precisou que "convén" imprimir "universalidade a eses mundos de Cunqueiro".

Á conferencia inaugural celebrada esta mañá seguiulle a intervención de Thomas Harrington, do Trinity College de Hartford-Connecticut (EEUU), quen se referiu á figura de Álvaro Cunqueiro como tradutor.

Nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións están previstas no congreso Mil e un Cunqueiros.

As actividades arredor deste foro sobre a vida e obra do escritor galego terán carácter itinerante durante catro días por Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

O galicista John Rutherford, da Universidade de Oxford, será o encargado de clausurar o congreso, o vindeiro sábado no Auditorio de Vigo, coa conferencia titulada Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona.

Comentarios