martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

O cesureño Xavier Senín é nomeado académico correspondente da RAG

O filólogo e tradutor de Pontecesures Xavier Senín.
O filólogo e tradutor de Pontecesures Xavier Senín.
Figura destacada da tradución, verteu á nosa lingua máis de 150 títulos, entre eles os álbums de Astérix e Obélix. Formou parte do equipo que traducíu ao galego O Quixote, de Cervantes
 

O pleno da Real Academia Galega (RAG) vén de nomear a Xavier Senín (Pontecesures, 1949) membro correspondente da institución. Fíxoo na sesión celebrada este sábado á mañá na Coruña. "O filólogo é unha das figuras máis destacadas na tradución ao galego, con máis de 150 volumes publicados en numerosas editoriais", indica a RAG. Entre eles destaca unha morea de títulos de gran popularidade entre o público infantil e xuvenil, como os álbums de Astérix, e clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. No caso da obra de Cervantes, foi membro do equipo de tradución da edición saída do prelo de Xuntanza Editorial no ano 1990. Exerceu ademais un apoio decidido ao libro galego como subdirector xeral do Libro e Promoción Cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2006.

Sobre a súa biografía, a RAG lembra que o novo académico correspondente licenciouse en 1975 en Filosofía e Letras, Sección de Filoloxía Moderna, Subsección de francés pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1976 comezou a exercer como docente de secundaria e foi catedrático de instituto da materia de Francés dende 1981, aínda que sempre lle prestou atención ao galego tamén dende a didáctica. Foi docente dos primeiros cursos de lingua galega tras a recuperación da democracia; coordinador dos libros de texto desta materia de EXB de SM e autor de Lingua Galega 1º de BUP e Galego 2º de BUP de Xerais.

"Como tradutor, Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas", indica a Academia. Foi ademais impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985; e redactor responsable da edición galega d"O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001. Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, "sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001)".

Verteu ao galego a primeira e única novela en castelán da súa amiga María Victoria Moreno, Alcores de Donalvar (1969), publicada baixo o título Onde o aire non era brisa (2009). Precisamente, sobre a escritora e mestra afincada en Pontevedra, co gallo do Día das Letras Galegas que se lle dedicou en 2018, escribiu canda Isabel Soto María Victoria Moreno. Sementadora de futuro.

O cesureño Xavier Senín é nomeado académico correspondente da RAG
Comentarios