A cidade homenaxeará á poeta Xela Arias tamén cun certame musical

Diríxese tanto a músicos como bandas de Pontevedra ou que acrediten ter un compoñente da cidade
Xela Arias EUROPA PRESS
photo_camera Xela Arias EUROPA PRESS

A Concellaría de Normalización Lingüística, que dirixe Alberto Oubiña, homenaxeará á poeta á que se lle dedica o Día das Letras Galegas neste 2021, Xela Arias, cun certame musical. O obxectivo enmárcase na filosofía de difundir a obra da poeta homenaxeada en convivencia con outra disciplina artística como é a música. Deste xeito, ademais de promover a obra poética de Xela Arias tamén se incentiva a creación musical en lingua galega na escena pontevedresa.No concurso, denominado X Xela, poderán participar tanto músicos e músicas como bandas de calquera xénero ou estilo, de Pontevedra ou que acrediten ter un compoñente de Pontevedra. As bandas participantes deben musicar, con composicións orixinais, un poema de Xela Arias, admitíndose como única lingua de interpretación o galego.Para inscribirse, os grupos participantes deberán remitir o tema composto en formato audio (MP3, MP4) xunto cos datos da banda, nome e compoñentes, os datos de contacto e fotocopia do DNI ou volante de empadroamento que certifique a residencia de polo menos un dos compoñentes en Pontevedra ao correo [email protected]. O prazo de presentación remata o 7 de maio de 2021.

De entre todos os temas recibidos, un xurado composto por profesionais do sector cultural seleccionará os grupos finalistas e finalmente establecerá tres gañadores cos seguintes premios: 1.000 euros para o primeiro premio; 500 euros para segundo; e 250 euros para o terceiro. O Concello organizará un acto público o Día das Letras Galegas, que estará presentado polas regueifeiras Alba María e Lupe Balanco, e no que entregará os galardóns.

Comentarios