As cidades de Juan Fernando de Laiglesia

O escultor e primeiro decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra recupera a exposición que deseñou hai xusto dous anos para o Espazo Nemonon, Postbabel ▶ A mostra rende homenaxe a urbes ideais imaxinadas por Tomás Moro ou Da Vinci
 
O escultor Juan Fernando de la Iglesia no Espazo Nemonon. DAVID FREIRE
photo_camera O escultor Juan Fernando de la Iglesia no Espazo Nemonon. DAVID FREIRE

 A partir de pezas nas que reflexiona sobre as cidades, a luz artificial e os animais, Juan Fernando de Laiglesia (Madrid, 1946) construíu unha exposición titulada Postbabel, feita ex profeso para o Espazo Nemonon de Pontevedra.

Aí se tiña que ter inaugurado hai xusto dous anos, cando irrumpiu a pandemia. Dende entón levaba agardando poder instalarse. Finalmente este venres (18 de marzo) quedará inaugurada (20.00 horas, acceso libre ata completar cabida). Permanecerá aberta ao público ata o 13 de abril

"Postbabel é unha reflexión sobre os asentamentos humanos. Nesta época de migracións, de destrución de cidades, de colectividades que se moven dun sitio a outro, temos necesidade de saber onde estamos", explica sobre a exposición De Laiglesia, escultor e profesor emérito da Universidade de Vigo, primeiro decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. 

Conformada por 22 pezas, na súa maioría dentro de maquetas, a mostra de Nemonon concíbese como unha reflexión sobre cinco asentamentos humanos en diferentes momentos da historia, incluída unha Torre de Babel, que realizarán os asistentes á inauguración.

"Construirémola entre todos e despois será destruída. Cada persoa que participe na inauguración levará unha das pezas para a súa casa coa intención de, cando se publique o catálogo, usando as fotos que existan, volvela reconstruír", explica o escultor.

Esta é unha reflexión sobre os asentamentos humanos. Nesta época de migracións, de destrución de cidades, de colectividades que se moven dun sitio a outro, temos necesidade de saber onde estamos

A maiores, a exposición recreará outras catro urbes. A primeira é Cybertopia, unha cidade do futuro deseñada polo arquitecto ruso Egor Orlov, que gañou un premio eVolo Skyscraper Competition en 2015 "mesturando o analóxico e o dixital".

A segunda é a academia de Balnibarbi, que aparece na novela As viaxes de Gulliver, de Jonathan Swift. "Era un lugar  dedicado ao traballo dos investigadores sobre cousas absurdas como recoller o sol dos pementos para almacenalo para a calefacción do inverno ou abrandar a mármore para facer almofadas".

A terceira é a Illa da Utopía de Tomás Moro, "un modelo de convivencia ideal no que todo o mundo tiña dereito a habitación, todo o mundo tiña que traballar a terra, a eutanasia e o divorcio estaban permitidos, etc.". Finalmente está a città ideale de Leonardo Da Vinci, "unha proposta nacida a partir da peste que asolou Milán". "Era unha cidade hixiénica estruturada en varios niveis", explica De Laiglesia.

TRIÁNGULO. A exposición do escultor está concibida como un triángulo na que un dos ángulos, o das cidades, se conecta e complementa con outros dous nos que reflexiona sobre os animais e as lámpadas.

"Os animais son persoas non humanas. Debemos aprender a convivir con eles dun xeito máis harmónico", conta o creador. "Sobre a luz, a reflexión pasa polo que supuxo para as persoas a súa existencia artificial. Ter luz pola noite duplicou a nosa existencia". 

Hai 30 anos en Belas Artes tiñamos unha escaseza absoluta de todo, pero unha ilusión multiplicada. Aquela foi unha xeración de auténticos heroes

Con Postbabel, De Laiglesia volve a Pontevedra, unha cidade na que expuxo tamén hai 30 anos, cando era decano de Belas Artes. "Era un ambiente moi diferente. Lembro perfectamente como daquela se criticaban as maneiras da escultura contemporánea".

Tamén lembra como era aquela facultade recén nacida. "Trinta anos son unha xeración e nunha xeración cambia todo. Daquela tiñamos unha escaseza absoluta de todo, pero unha ilusión multiplicada. Naqueles primeiros anos sucederon moitas cousas. Foi unha xeración de auténticos heroes. E falabamos todos de arte", conta De Laiglesia, que destaca daquela época como todo o profesorado que inaugurou a facultade estaba doutorado e como as conexións que rapidamente se estableceron co ámbito académico estranxeiro supuxeron un importante empurrón para o centro.

"Todo iso estaba no noso primeiro ADN. Trinta anos despois todo cambiou. Hoxe a Facultade de Belas Artes é unha facultade con moitos máis medios. E hoxe a ilusión dos novos creadores trasladouse ao ámbito dixital. Naquel tempo aínda eramos analóxicos".

Comentarios