A editorial Guiverny presentou no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a reedición da revista Vagalume, que se publicou entre 1975 e 1978 co obxectivo de brindar ao público infantil e xuvenil a posibilidade de ler en galego e achegar material aos profesionais da educación.
O que fora director da publicación, o historiador pontevedrés Xosé Fortes; a directora da editorial, Belén Fortes; e o escritor Alfonso Pexegueiro e o Premio Nacional de Arquitectura César Portela, ambos os dous membros do Consello de Redacción de Vagalume, deron a coñecer a iniciativa co gallo da celebración do 50 aniversario da revista.
A fama da publicación vén dada polo contexto histórico e literario no que naceu, xa que foi das primeiras publicacións monolingüísticas da súa época e a única dirixida á cativada. O seu principal obxectivo era a divulgación da historia e da cultura galega, ademais da transmisión xeracional da lingua para contribuír á desaparición dos complexos que existían en torno ao galego.
Na presentación, púxose de manifesto que algúns dos espazos máis importantes de Vagalume estaban ocupados pola sección "O galeno na escola", na que se facía una reivindicación da lingua nas aulas, posto que naquel momento non tiña cabida na escola. "Eu tiña nove anos e no colexio non existía o galego nin se falaba", contou no acto de presentación a directora da Editorial Guiverny, Belén Fortes, que tamén fixo fincapé noutra sección da publicación: 'A nosa historia', na que se explicaba a xeografía galega ou a vida mariñeira aos lectores máis pequenos.
O motivo do peche da publicación foi o grande esforzo económico que supoñía e a falta de apoio institucional. Naquel momento a impresión dunha revista tiña un custo moi elevado e a financiación apoiábase principalmente nas subscricións de 500 pesetas anuais, dado que non contaban con publicidade.
Na parte gráfica destaca a participación de Siro López con debuxos sorprendentes, ou Manuel Moldes, recoñecido pintor pontevedrés. Por outra banda, contábase con ilustracións feitas polos nenos dos colexios suscritos. "Chegaban enormes cantidades de debuxos ás oficinas cada día", destacou a responsable da editorial, Belén Fortes.
Xosé Fortes botou man das palabras de Picasso ("tardei moitos anos en pintar como os pintores do renacemento e levoume toda a vida aprender a pintar coma os nenos), para explicar que quixeron que os nenos fosen os protagonistas porque "a través dos seus debuxos contan a súa percepción do mundo".
Tendo en conta que na época non había unha normativa para o galego, a redacción contaba coa colaboración de Carlos Casares para a revisión dos textos, e así, dispoñer dunha norma.
Da mesma forma, recibían achegas de escritores como Alfredo Conde, Pura Vázquez e o propio Alfonso Pexegueiro, quen onte destacou que Vagalume "poida que sexa a única revista de Europa na que os protagonistas son os nenos".
"Os galegos temos tres elementos: o territorio, a lingua e o sentido do humor, a retranca. Estes dous últimos foron os que me inspiraron para embarcarme en Vagalume", manifestou César Portela.