martes. 24.09.2019 |
El tiempo
martes. 24.09.2019
El tiempo

Cinexpo estreará este venres 'Elisa y Marcela' en Pontevedra

As actrices Greta Fernández (esquerda) e Natalia de Molina nunha imaxe promocional do filme
As actrices Greta Fernández (esquerda) e Natalia de Molina nunha imaxe promocional do filme

A película de Isabel Coixet, realizada para Netflix e producida por Zenit TV co apoio da Xunta, poderase ver en seis salas galegas

Elisa y Marcela poderase ver en Pontevedra. A película de Isabel Coixet para a plataforma de contidos audiovisual Netflix, producida pola compañía compostelá Zenit TV, chegará esta fin de semana a seis salas de cine, "despois de ter desenvolvido maioritariamente a súa rodaxe en localizacións galegas e de xerar máis de 1,5 millóns de euros na contratación de equipos e profesionais do noso sector audiovisual", informa a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) nunha nota de prensa.

As salas que proxectarán a película dende este venres son Numax, en Santiago de Compostela; Multicines Norte, en Vigo; Cantones, na Coruña; Cines Xunqueira, en Cee; Cines Pontevella, en Ourense, e Cinexpo, en Pontevedra. Os horarios nesta última poden consultarse na web galicine.es, onde tamén están á venda as entradas on-line.

Segundo datos facilitados por Zenit, a produtora asumiu con este filme un proxecto que supera os 1,6 millóns de euros. A Agadic contribuíu cunha achega de 240.000. "A filmación supuxo trece xornadas de rodaxe en Galicia, das 23 desenvolvidas, o que equivale a máis do 56% do período de gravación", explica a Xunta. "Durante este tempo, contratáronse máis de 200 persoas entre persoal artístico, técnico e de figuración en 191 convocatorias de traballo".

As secuencias rodadas en Galicia rexistráronse en paraxes repartidas nas provincias de Ourense (Boborás, Pazos de Arenteiro, Moldes e Celanova) e da Coruña (San Xulián de Bastabales, praia da Aguieira e montes de Portosín e mais Luaña).

O filme de Coixet está baseada na historia de amor real entre dúas mulleres que conseguiron casar na Coruña de 1901 (no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España), facéndose pasar unha delas por un home. Está protagonizado polas actrices Natalia de Molina e Greta Fernández. Xunto a elas, completan o reparto nove actrices e actores galegos: María Pujalte, Tamar Novás, Sara Casasnovas, Roberto Leal, Manuel Lourenzo, Luisa Merelas, Mariana Carballal, Elena Seijo e Cova Verdiñas.

TVG. Despois de terse presentado na pasada Berlinale, a estrea de Elisa y Marcela terá lugar en seis cines galegos. Ademais haberá pases en Madrid, Barcelona e Málaga.Pola súa banda, a platafoma dixital Netflix estrearáa o 7 de xuño e para o vindeiro ano 2020 poderase ver en distintas canles autonómicas, incluída a Televisión de Galicia (TVG). Tamén se pasará por TV3, Canal Sur, Aragón TV, Castilla-La Mancha TV e Televisión de Canarias.

A directora catalá Isabel Coixet, gañadora de cinco premios Goya, elixiu o branco e negro para adaptar ao cine a historia de amor entre as mestras Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas. A cineasta coñeceu o caso da man de Felipe de Gabriel, que en 2008 publicou o libro Elisa e Marcela - Alén dos homes documentando a historia das dúas mulleres.

Cinexpo estreará este venres 'Elisa y Marcela' en Pontevedra
Comentarios