A cita é con Dany Moure

Moucho abrirá o festival Galegote cun concerto en homenaxe ao que fora o seu líder, o músico pontevedrés falecido o pasado verán
Jacobo de Cabo, Javier Prado e Carlos Pereiro (de esquerda a dereita) nunha rúa de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Jacobo de Cabo, Javier Prado e Carlos Pereiro (de esquerda a dereita) nunha rúa de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Dany Moure non faltaba nunca no festival Galegote. "Era o primeiro en estar alí coa súa cervexa". Non faltará tampouco este ano. Un dos seus grupos, Moucho, será o encargado de abrir os concertos do 27 de abril (Tabula Rasa, 12.30 horas, entrada libre). Farao na súa lembranza. "A cita é con el".

Ás voces estará Javier Prado (que tamén ten o seu propio proxecto de blues en galego, Cadelo Lunático) e aos teclados, Jacobo de Cabo. Eles dous formaban o grupo con Dany Moure (Pontevedra, 1979-2023). Uniráselle nesta homenaxe Carlos Pereiro. "Por manter o formato trío". Aínda que, en realidade, o proxecto naceu como dúo un pouco antes da pandemia. "Dany tiña uns temas coa guitarra acústica e un día díxome: ímoslle dar algo de caña meténdolle o teclado". Despois entrou Prado. "Todo por el. Porque eu nin sequera tocaba o baixo. E agora xa o toco tamén noutro grupo. Sempre diciamos que os tres eramos do gueto do barrio de San Antoniño e se ve que os astros se aliñaron para reunirnos". 

Tiña unha facilidade pasmosa para conectar á xente. En Pontevedra, na escena musical, xogou un papel incrible nese sentido

Moucho acabou gravando un EP homónimo de catro cancións en 2022. "O pequeno gran logro do grupo, o noso mellor momento, cando mellor o pasamos. Estamos moi orgullosos de que iso quede aí porque son cancións con moita alma. Foi o último e o máis orixinal de Dany".

O que contan sobre a xénese da banda dá conta do activismo de Dany Moure, un aspecto que todos os que o coñecían destacan tanto como o seu talento musical. "Tiña unha facilidade pasmosa para conectar á xente. En Pontevedra, na escena musical, xogou un papel incrible nese sentido", conta Jacobo de Cabo. "É que aínda agora, en canto nos xuntamos, sempre acaba saínda el".

De aí tamén a importante pegada que deixou o músico. De feito, o concerto do Galegote só é a primeira homenaxe pública que recibirá Dany Moure en Pontevedra. Despois, o 4 de maio, terá lugar toda unha xornada completa de música na súa memoria. Detrás está o colectivo creado para velar polo seu legado, Nothing but the Blues, que puxo en marcha unha campaña de crowdfunding para poder sufragar os gastos dese pequeno evento. Nunha semana, o obxectivo cumprírase e a xente seguía chamando para preguntar polo proxecto. "Intentamos reducilo aos máis achegados e andabamos polos 50 músicos. Iso xa dá conta tamén do impacto de Dany".

Á parte, a memoria de Dany Moure tamén segue presente todos os meses, cando no Diaño se reúne outra das súas bandas, os Odiosos 5 para as súas jam sessions (a próxima é o 20 de abril, ás 21.30 horas). Javier Prado forma parte dela. "Tamén me puxen eu ás voces. Ao final, sen chegar á excelencia augardenteira de Dany, ándolle cerca na tonalidade. Aí o que facemos é un blues máis tradicional en inglés", explica. "Este proxecto representa o espírito puro de Dany Moure: xuntar á xente nun bar para tocar e para facer amigos".

Para Carlos Pereiro o do Galegote tamén vai ser un concerto especial. "É que eu creo que os vin sempre no festival. E ademais nese mesmo lugar, o Tabula, ese sitio inesperado para atopar un concerto. Aí empezaba o Galegote e empezaba Dany. Para min ten certa poesía acabar aí honrando a un colega como era Dany, un compositor moi a reivindicar, dunha calidade que creo que moitas veces pasou desapercibida e que era capaz de mesturar estilos moi diferentes sen complexo ningún. Era un tipo único no mellor dos sentidos".

Ortiga volverá ao Surfing the Lérez
Unha foto promocional de Ortiga.
Unha foto promocional de Ortiga.
O festival Surfing the Lérez, que se celebrará os días 14 e 15 de xuño na Illa das Esculturas de Pontevedra, vén de confirmar a Ortiga no seu cartel. O líder do proxecto, Chicho do Funk (Manuel González), está profundamente vinculado ao evento, no que ten actuado en diferentes ocasións tanto con Ortiga como con Boyanka Kostova ou con Los Rastreadores. O cartel definitivo do Surfing the Lérez presentarase oficialmente nos próximos días.

Comentarios