ENTREVISTA XX

Clara do Roxo: "Dos erros apréndese moito porque doen"

Filla de emigrantes en Venezuela, afincouse en Vigo e dende aí vén desenvolvendo a súa carreira como escritora e mestra de escritores. Acaba de publicar un conto co Museo de Pontevedra.
Clara do Roxo (Caracas, 1962). RAFA FARIÑA
photo_camera Clara do Roxo (Caracas, 1962). RAFA FARIÑA

Acaba de presentar o conto Mar e a pantasma das treboadas (Museo de Pontevedra, 2023). 
Así é. A idea é que despois desta obra, o Museo de Pontevedra continúe esta colección de libros dirixidos ao público infantil e xuvenil. A historia do conto vén de vello. Tíñaa escrita hai moito tempo e o protagonista era un neno, porque eu sempre escribín para o meu fillo Roque, que agora ten 21 anos. Era pequeniño e estaba pensado para presentar a un certame da Deputación que esixía que estivese ambientado no Museo. Pero non me deu tempo a telo listo e quedou aí. Moito máis tarde retomeino, amplieino moitísimo e cambiei o protagonista. Pasou a ser unha nena porque me decatei de que era un conto moi masculinizado, cun coprotagonista masculino, moitos pintores homes... A entrada da nena cambiou o conto por completo. Cando o tiven listo, escribinlle ao Servizo de Publicacións do Museo e contestáronme de inmediato. Puxéronmo todo facilísimo. Tanto o daquela director, Xosé Manuel Rey, que fora profesor meu de Arqueoloxía...

Porque vostede está licenciada en Xeografía e Historia. 
Exacto. Formeime en Historia e despois fixen un mestrado en narración e escritura creativa. E tanto Rey como todo o persoal do Museo, Ángela Comesaña especialmente, portáronse de xeito extraordinario. Non puideron involucrarse máis no proxecto que, finalmente, se converteu na primeira publicación non divulgativa do Museo de Pontevedra, a súa primeira publicación de ficción. Como dixo alguén o outro día: a literatura entra con nós no Museo de Pontevedra. E é bonito.

Non son unha autora de contos brancos. Non ignoro as problemáticas da vida real cando escribo para nenos e nenas

Esta historia fala dunha amizade entre unha nena, Mar, e un personaxe mitolóxico moi importante en Pontevedra, Teucro.
Importantísimo. Tanto como que a lenda di que foi o fundador da cidade. Para min, que son unha lectora recorrente da ‘Ilíada’, Teucro é un personaxe moi interesante, case un antiheroe. Porque el vai á guerra de Troia moi avisado polo seu pai de que teña conta do seu irmán Áyax, que é bastante pendenciero. Ao final mátao Héitor. Teucro trata de vingalo pero non é quen porque Zeus intervén e outras cousas. Cando remata a guerra e volve á casa, o seu pai destérrao e el vaga polo mundo adiante e, segundo di a lenda, chega a esta costa e funda Pontevedra. Eu non quería ao heroe de sempre, quería un con luces e sombras. Teucro é perfecto. E así foi que argallei esta historia nun museo tan especial para min como é o de Pontevedra, un museo que tanto visitei. Moitas das súas pezas forman parte do meu imaxinario persoal. 

Por un lado o volume achega a rapazada á figura de Teucro e por outro convídaa a coñecer o Museo de Pontevedra
Claro. Tratábase de facerlle o Museo máis atractivo. Porque son institucións que, de primeiras, non atopan interesantes e pensan que son algo aburrido. Pero se lles contas unha historia ambientada no Museo e lle falas, eu que sei, do tesouro de Caldas ou da historia da Xeración Doente... convértelo en algo moito máis atractivo.

Non estou disposta a publicar de calquera maneira. Preferiría non publicar a facelo dunha maneira coa que non estivese conforme

Para vostede, como autora, é diferente enfrontar unha historia infantil e unha historia para lectores adultos?
Si, que é moi diferente escribir para a rapazada ou para público adulto. De calquera maneira, eu tampouco son unha autora de contos brancos. Quero dicir que non ignoro as problemáticas da vida real cando escribo para nenos e nenas. Neste conto non eliminei a guerra, nin a morte, nin a soidade, nin a traición, nin a culpa... Sempre trato de meter cuestións que lle permitan aos nenos e nenas achegarse á realidade e á vida. Non fago ‘Teo va a la escuela’. Dígoo co máximo respecto. Simplemente non vai por aí a miña escrita.  

Neste caso traballou co ilustrador Xavier Magalhães. Foi a súa unha relación tensa ou fluída?
Fluidísima. Pero é que eu tiven unha mala experiencia neste sentido que me levou a prometerme a min mesma que non volvería pasar algo así e que, na mesma situación, as ilustracións tiñan que vir da man de alguén que entendese ben a historia. Neste caso xogou a favor a amizade que mantemos nós os dous dende hai moitos anos. Non estou disposta a publicar de calquera maneira. Preferiría non publicar a facelo dunha maneira coa que non estivese conforme. De feito, o meu próximo libro vai ser de novo cunha ilustradora amiga de total confianza, Francesca López da Silva.

Vostede é ademais profesora de obradoiros de escrita. Pódese aprender a escribir ben? 
Pódese aprender a escribir ben. Claro que si. A maior parte das veces o alumnado entra nos cursos dicíndonos que queren escribir, que necesitan escribir. O primeiro que lles digo é que busquen a esencia do que queren contar e que aprendan a corrixirse. Achégolle as galeradas de autores como García Márquez ou Juan Rulfo para que vexan as correccións que eles se fixeron a si mesmos. Ninguén, nin o máis grande, naceu aprendido. Así que primeiro: hai que deixar o ego fóra e despois aprender a desbotar as cousas que non achegan nada á túa escrita. Hai que aprender a tachar e a tachar. Así que humildade.

Deixar o ego fóra? Aparentemente o sistema literario está pragado de enormes egos.
O ego hai que eliminalo. A min chámanme a profe do boli vermello. Penso que dos erros se aprende moito porque doen. Hai que marcalos.

Comentarios