O recoñecemento do ser humano como ser temporal inicia a Semana Galega de Filosofía

Unha intervención da profesora e investigadora Fina Birulés sobre o pensamento de Hannah Arendt inaugura o 40º aniversario do congreso da Aula Castelao
O presidente da Aula Castela, Alexandre Cendón, durante a inauguración da XL Semana Galega de Filosofía. RAFA FARIÑA
photo_camera O presidente da Aula Castela, Alexandre Cendón, durante a inauguración da XL Semana Galega de Filosofía. RAFA FARIÑA

Quince palestras, a celebrar de aquí ao venres en sesións de mañá, tarde e noite, compoñen a programación da XL Semana Galega de Filosofía que quedou inaugurada este luns, no Teatro Principal de Pontevedra. O pensamento de Hannah Arendt protagonizou a lección inaugural, que correu a cargo da profesora e investigadora Fina Birulés. Ao longo de toda a semana poderanse escoitar intervencións como as do neurocientífico Xurxo Mariño, a poeta Yolanda Castaño ou o activista Franco Bifo Berardi, entre outros, arredor do tema deste ano, Filosofía e tempo.

"No mundo da temporalidade estamos todas e todos nós, lonxe da eternidade, como seres xa que logo temporais e expostos ao cambio. Esa temporalidade defínenos", dixo o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, na inauguración do congreso. "Somos seres temporais e nese constante tránsito do pasado ao posible e indeterminado futuro pasamos as nosas vidas, de maneira persoal e colectiva".

A Aula Castelao de Filosofía ten historia. Unha historia coñecida, de compromiso coa filosofía, pero tamén coa xustiza, coa transformación social, coa liberdade e con Galicia

Cendón tamén quixo poñer en valor o traballo da Aula Castelao no 40º aniversario da Semana Galega de Filosofía en Pontevedra. "Fomos quen de reflexionar sobre o noso tempo, sempre de maneira crítica, deixando constancia do seu decorrer e tamén dos distintos acontecementos, do cambio", sinalou. "A Aula Castelao de Filosofía ten historia. Unha historia coñecida, de compromiso coa filosofía, pero tamén coa xustiza, coa transformación social, coa liberdade e con Galicia".

A maiores, o presidente da Aula Castelao adiantou algunhas das cuestións que os diferentes pensadores tratarán ao longo dos próximos días. As máis delas teñen que ver con características propias da contemporaneidade, como a vida acelerada marcada pola imposición da produtividade permanente ou a crise medioambiental. "Vivimos un tempo acelerado, no que os acontecementos teñen que se suceder de maneira máis amoreada e condensada, como se tivesemos que vivir instalados nun estado de choque permanente, sen capacidade de reflexión, de pensamento crítico", dixo. "Vivimos nun tempo produtivo, porque seica o noso tempo ten que estar ao servizo da lóxica da rendibilidade económica, incluído o tempo de lecer e descanso fóra do mundo laboral", engadiu. "E vivimos nun tempo de vulnerabilidade, de crise ecolóxica que ameaza con deixarnos sen a nosa temporalidade, a nosa vida", expuxo.

Fina Birulés impartindo a lección inaugural da Semana de Filosofía. RAFA FARIÑA
Fina Birulés impartindo a lección inaugural da Semana de Filosofía. RAFA FARIÑA

O discurso inaugural da Semana Galega de Filosofía serviulle a Cendón para insistir no compromiso da Aula Castelao co idioma galego. "A Aula Castelao de Filosofía sempre defendeu a nosa lingua, pulando para que estivese presente en todos os ámbitos da nosa sociedade: nomeadamente no ensino, pero tamén na filosofía", dixo. "A lingua, todas as linguas, son mundos de vida senlleiros, que partillan as súas e os seus falantes, modos de entender, significar e dotar de sentido a realidade de xeito diferente, por iso entendemos que a diversidade lingüística e cultural debe ser preservada, como recoñecemento e respecto a eses mundos".

Cendón estivo acompañado na xornada inaugural por representantes das tres institucións que apoian a celebración desta actividade: a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e a tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde. Os tres se felicitaron polos 40 anos que leva celebrándose a Semana Galega de Filosofía e pola pegada que hoxe ten en Galicia. 

"Para a cidade de Pontevedra e para as distintas administracións involucradas, incluso con perspectivas políticas diferentes, é importante que siga celebrándose este congreso. Nun tempo de tanto ruído mediático temos que favorecer os puntos de encontro", sinalou Rafa Domínguez.

Para min, para o Concello de Pontevedra, para a mesma cidade de Pontevedra é e será sempre unha honra poder inaugurar a Semana Galega de Filosofía, unha cita necesaria", comentou pola súa banda Eva Villaverde. "Quero agradecerlle á Aula Castelao a súa implicación para que hoxe poidamos estar aquí. Fostes quen de continuar un traballo exquisito ao longo dos anos, e non todo o mundo sabe e entende o difícil que é manter unha programación destas características no tempo".

Axenda: Alicia H. Puleo pechará os relatorios do martes
A filósofa feminista Alicia H. Puleo pechará este martes (20.00 horas) cos relatorios da Semana Galega de Filosofía. A súa palestra leva por título Filosofía e ecofeminismo en tempos de hybris.  Antes ca ela pasarán polo escenario do Teatro Principal o profesor Xesús Vázquez (que substitúe a Ana Carrasco, baixa de última hora a causa dun problema de saúde), coa comunicación A noción de tempo na Historia da Filosofía (10.00 horas) e o historiador Anselmo López Carreira, que falará de Tempo, historia, nación (17.00 horas). Todas as conferencias son de carácter aberto e gratuíto. A Semana Galega de Filosofía continúa en Pontevedra ata o venres, 5 de abril. 

Comentarios