Pontevedra acolle a presentación do libro #xornalistasnapandemia do CPXG

O volume, unha recompilación de conversas con 29 profesionais galegos de diferentes medios, foi publicado coa colaboración da Deputación Provincial
Ejemplares del libro. CPXG
photo_camera Exemplares do libro editado polo Colexio de Xornalistas de Galicia. CEDIDA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, e o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia (CPXG), Paco Sarria, serán os encargados de presentar, o sábado 12 de marzo (12.00 horas, acceso libre), o libro #xornalistasnapandemia. No acto, que terá lugar no Pazo Provincial, tamén participará a coordinadora da publicación, a vicedecana do Colexio Belén Regueira.

O volume, que foi editado polo CPXG grazas a unha achega da Deputación Provincial de Pontevedra,  recolle 29 entrevistas con profesionais galegos da comunicación que participaron na cobertura informativa da pandemia desde Galicia, outras comunidades autónomas e outros países. A primeira delas realizóuselle o 23 de outubro de 2020 á xornalista de El Progreso María Piñeiro. A última, o 4 de xuño de 2021, a Patricia Hermida, de El Correo Gallego. Entre elas falouse dende coas corresponsais de Televisión Española Cristina Olea (Washington) e Érika Reija (Moscú) ata con Artur Galocha, actualmente no equipo de infografía de The Washington Post.

"Nas entrevistas, realizadas polo Colexio de Xornalistas durante 2020 e 2021, analízase o papel do periodismo nesta emerxencia sociosanitaria e as condicións nas que os e as profesionais desenvolveron o seu traballo nestes últimos anos", explica o CPXG. "As entrevistas difundíronse primeiramente a través da web e redes co cancelo #xornalistasnapandemia. A publicación deste libro contribuirá a seguir visibilizando o labor do xornalismo galego durante a pandemia e constitúe xa un testemuño que axudará a avaliar o traballo destes anos no futuro".  

A asistencia é gratuíta e está aberta ao público xeral, aínda que, por motivos de organización e capacidade da sala, para poder asistir recoméndase a inscrición previa en [email protected] ou no teléfono 981 93 56 70. Seguindo as normas derivadas da crise sanitaria da covid-19, o uso de máscara será obrigatorio no acto.

Comentarios