Este cómic apaga lumes

Alfonso Barreiro Fon publica Cósmico, o bombeiro galáctico, o cómic co que gañou o III Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético ▶ A historia, dirixida á cativada, está protagonizada por un bombeiro que viaxa polo universo loitando contra os incendios

Afonso Barreiro 'Fon' co seu cómic. VANESSA MACÍAS MARCOS
photo_camera Afonso Barreiro 'Fon' co seu cómic. VANESSA MACÍAS MARCOS

"Caderno de lume, son o suboficial Cósmico, do corpo de bombeiros galácticos. O meu destino é un pequeno planeta primitivo. Trátase do terceiro planeta do Sistema Solar. Este planeta ten o maior índice de incendios rexistrados do universo nun planeta habitado por vida intelixente, así que moi intelixentes non serán".

Así comeza Cósmico, o bombeiro galáctico (Xerais, 2022), o cuarto cómic de Alfonso Barreiro Fon (Noia, 1980). A obra, que vén de chegar ás librerías, foi a gañadora do III Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que convocan anualmente a escola de cómic de Pontevedra e a editorial Xerais.

O director da escola e debuxante, Kiko da Silva, formou parte do xurado que premiou a obra de Fon. "Este recoñecemento naceu coa intención de contribuír a que existise máis banda deseñada infantil e xuvenil. Porque nos últimos tempos foi aumentando o número de lectores a partir do uso da nomenclatura novela gráfica e iso fixo que as editoriais se fosen esquecendo un pouco do cómic infantil e xuvenil, cando os primeiros lectores son moi importantes", conta Da Silva, que explica que dous aspectos da obra de Fon foron fundamentais á hora de concederlle o galardón. "Por un lado: a temática. Parecíanos moi axeitada. Crear un heroe contra os incendios nunha comunidade como a galega axuda a sensibilizar ás novas xeracións co coidado da contorna", sinala o director de O Garaxe Hermético. "E, por outro lado, está o modo de facelo, que non resultaba pedagóxica. O cómic de Fon é divertido e remite a clásicos como poden ser o Superlópez, de Jan, ou o Dragon Ball, de Akira Toriyama". 

Fon
O obxectivo principal é que as crianzas se divirtan, pero sempre intentando meterlles unha mensaxe, porque, ao final, estamos formando ás persoas do futuro

Estilo tori-jan é precisamente como lle chama, en broma, Kiko da Silva ao de Fon, unindo os nomes dos dous debuxantes que máis o influíron. "Faime moita graza. E si, os dous son influencias claras desta obra ".

Fon, que acabou os seus estudos en O Garaxe Hermético en 2014 e que agora é mestre desa escola, conta que levaba tempo querendo facer algunha cousa para primeiros lectores sobre a importancia de previr os incendios. "En realidade, a miña carreira está enfocada maioritariamente á cativada, que sinto que está un pouco olvidada". Este é o seu cuarto título en solitario, ocupándose de guión e debuxo, tras Curuxa. A voz de Azazel (Retranca, 2016), Troglo&Dita (Galaxia, 2019) e Gazafellos (Aira Editorial, 2021). "O obxectivo principal é que as crianzas pasen un bo anaco, que se divirtan, pero sempre intentando meterlles unha pequena mensaxe, porque, ao final, estamos formando ás persoas do futuro. Pensando niso foi que cheguei ao tema dos incendios".

Kiko da Silva 
Crear un heroe contra os incendios nunha comunidade como a galega axuda a sensibilizar ás novas xeracións 

Que Galicia sufra lumes de xeito recorrente foi clave para que o autor elixise tratar esta cuestión. "De feito, foi sacar o cómic, a comezos de xullo, e xa estabamos metidos de cheo noutra vaga de incendios forestais, que deixaron debastado, por exemplo, máis da metade do Courel", conta. "Pero é que isto é un problema que vai máis alá de Galicia, que afecta a Portugal e a moitos outros espazos. É un mal terrible. Verán tras verán estamos no mesmo".

Neste caso, a mensaxe ecoloxista e de responsabilidade ante o planeta forma parte dunha historia de acción e aventuras protagonizada por un extraterrestre especializado en apagar lumes que chega á Terra. "É habitual tratar de meter unha lección nun cómic infantil e acabar resultando pedante", explica o autor. "Pero aquí toda esa mensaxe está filtrada a través dun bombeiro espacial e dunha historia chea de trasnadas. O lector non sente que se lle está facendo tragar unha lección, senón que está coñecendo as aventuras dun heroe galáctico. A min gustaríame que a rapazada lera o cómic porque lle parece entretido, pero que despois quedase pensando nel, no que pasa e no que lle ensina".