jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

Un cómic recolle a vida da represaliada Josefina Arruti para achegar a Memoria Histórica á mocidade

Xaquín Moreda e Kiko da Silva, este martes durante a presentación do cómic sobre a vida de Josefina Arruti. CONCELLO
Xaquín Moreda e Kiko da Silva, este martes durante a presentación do cómic sobre a vida de Josefina Arruti. CONCELLO
Este traballo leva por título Os berros da bicicleta e foi realizado por Kiko da Silva

O concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra, Xaquín Moreda, presentou este martes un cómic sobre a vida de Josefina Arruti Viaño, esposa do alcalde republicano Bibiano Fernández Osorio-Tafall, que pretende ser "un antídoto contra o rexurdimento do fascismo" e achegar aos mozos a Memoria Histórica.

Este traballo leva por título Os berros da bicicleta e foi realizado por Kiko da Silva, responsable do guión, e por Pablo Prado, autor dos debuxos. Terá unha tirada de mil exemplares e será distribuído nas bibliotecas e nos centros educativos pontevedreses. Ademais será presentado este domingo na programación do Culturgal.

Segundo explicou Xaquín Moreda, dentro do programa municipal A Memoria das Mulleres recórrese ao formato do cómic para "achegar á mocidade a historia da cidade con perspectiva de xénero a través das linguaxes da xente nova", do mesmo xeito que se fixo como outras iniciativas como os talleres de rap realizados en centros educativos no pasado curso ou o mural da Señora Lola, realizado polo pintor Yoseba Muruzábal diante de Estadio de Pasarón.

O concelleiro tamén indicou que a elección da figura de Josefina Arruti como protagonista débese a que a súa vida "simboliza a magnitude do drama que tiveron que soportar as mulleres no franquismo, unhas veces por ideoloxía e outras simplemente por parentesco con homes perseguidos". Josefina Arruti foi esposa do alcalde republicano de Pontevedra, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, e por este motivo estivo encarcerada durante 18 meses e case dous anos máis sometida a arresto domiciliario, xunto cos seus tres fillos pequenos, na actual rúa de Benito Corbal.

Dentro do programa A Memoria das Mulleres tamén está previsto que o vindeiro venres se instale un panel explicativo coa vida de Josefina Arruti na avenida que leva o seu nome.

Kiko da Silva explicou que o cómic requiriu un traballo de documentación exhaustivo durante dous anos "buscando datos que moitas veces nin sequera a familia sabía claramente como eran". A historia non está contada de maneira lineal, senón que está estruturada en formato epistolar, con saltos no tempo. "A memoria e o cómic van da man porque funcionan da mesma maneira, porque non lembramos toda a nosa historia senón que o que lembramos son retrincos", dixo Kiko da Silva.

O libro inclúe chiscadelas á Pontevedra dos anos 30, a feitos históricos como o asasinato de Alexandre Bóveda, instantáneas do álbum familiar da propia Josefina ou correspondencia dela co seu esposo que se conserva no Arquivo do Museo de Pontevedra. A filla e os dous fillos de Josefina Arruti, María del Carmen, José Ángel e Manuel, xa coñecen o cómic debido a que colaboraron na corrección de datos e, segundo indicaron Xaquín Moreda e Kiko da Silva, están satisfeitos co resultado e moi agradecidos por rescatar a memoria da súa nai con rigor.

Un cómic recolle a vida da represaliada Josefina Arruti para...
Comentarios
ç