O Concello retoma a montaxe dunha grande exposición sobre a cidade de Pontevedra

A mostra, que se titulará Pontevedra, a cidade e a pegada, ocupará o Pazo da Cultura entre decembro deste ano e marzo do ano que vén ▶ Cun comisario, seis subcomisarios e a colaboración de máis dunha ducia de entidades, converterase na máis importante produción expositiva realizada pola administración local
O alcalde e a concelleira de Cultura rodeados do comisario e subcomisarios da mostra. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde e a concelleira de Cultura rodeados do comisario e subcomisarios da mostra. GONZALO GARCÍA

Pontevedra, a cidade e a pegada é o título dunha grande exposición que o Concello está preparando sobre o pasado recente da capital da provincia e a relación que vén establecemento cos seus habitantes. A mostra, que foi presentada este xoves polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, retoma un proxecto que o organismo municipal xa tratou de levar a cabo o ano pasado e mesmo chegou a presentar, pero que finalmente non saíu adiante.

Agora recupérase esta produción expositiva, a máis importante que realizou nunca esta administración local, cun comisariado múltiple (un comisario e seis subcomisarios) e a colaboración de máis dunha ducia de entidades. "Exactamente quince", concretou Fouces. 

Segundo anunciou o alcalde, a mostra ocupará o Pazo da Cultura entre o 15 de decembro e ao 22 de marzo e estará dividida en catro apartados principais: o río, a infancia, os personaxes e as figuras, e a arquitectura e o urbanismo. Lores tamén presentou o comisario da mostra, Alfredo Olmedo, e os seus seis subcomisarios: Fernando Suárez e Norberto Olmedo, Milagros Bará, NAN arquitectos (Alberto Reiriz e Vicente Pillado), Eduardo Outeiro. O equipo de traballo complétase co arquiveiro municipal, Rodrigo Silva, e con Patricia Dopico, como responsable do deseño editorial e do catálogo.

A mostra estará dividida en catro apartados principais: o río, a infancia, os personaxes e a arquitectura

"Levabamos moito tempo traballando nunha exposición que se achegara á cidade desta maneira, cunha ollada diferente", explicou Fouces. "Demos moitas voltas e despois de moitos avatares atopamos a persoa adecuada, Alfredo Olmedo, que é de Pontevedra e lle quere a Pontevedra". A concelleira contou que Olmedo, deseñador, artista plástico e profesor de Esdemga, ademais de comisario de exposicións, foi o que propuxo o equipo de traballo co que se está a desenvolver o proxecto, "no que se comezou a traballar o pasado mes de novembro". 

A concelleira tamén enumerou as entidades e institucións que colaboran na mostra e que van do Museo e os arquivos histórico provincial e municipal ao Diario de Pontevedra ou Abanca pasando por Radio Televisión Española e a ONCE. "A asociación Juan XXIII e o Club de Piragüismo terán tamén unha participación especial", apuntou Fouces, que anunciou ademais que varios particulares achegarán contidos á mostra. 

Segundo avanzou Alfredo Olmedo, Pontevedra, a cidade e a pegada estará composta por abundante material gráfico, de fotografías a planos e outros documentos. "Pero habrá también pinturas, dibujos, esculturas y maquetas". A mostra, segundo dixo, ten como fío condutor a ollada da infancia e poñerá o foco na influencia que a cidade ten nas persoas que a habitan e viceversa. "Pontevedra es una ciudad con una personalidad suficientemente marcada en este sentido", dixo, ao tempo que explicou por que era para el importante fixarse na ollada infantil. "Porque esta ciudad es bastante particular en ese sentido. A la gente le llama la atención la cantidad de niños que siempre están en la calle jugando. Es algo fascinante. Además, la infancia es el momento en el que nos definimos como personas".

Estase a preparar unha programación especial de visitas e material de promoción da mostra, para que "quede unha importante pegada dela!

Outro punto destacado da exposición será a do urbanismo e a arquitectura, que fará fincapé nos anos 60 e 70 do século pasado, especialmente interesantes para o comisario, e rematará no modelo de cidade actual.

Finalmente, Carme Fouces confirmou que esta era a produción expositiva máis importante que ten enfrontado o Concello, un aspecto que confirmaba o traballo cun equipo de comisariado de máis de media ducia de persoas así como a cantidade de institucións que estaban involucradas na iniciativa. "Pero non só vai ser importante a nivel de produción, senón tamén de posprodución", dixo. "Porque se está a preparar unha programación especial de visitas, na que estamos tendo especial coidado para que sexa inclusiva, e material de promoción da mostra, para que quede unha importante pegada dela".

"En definitiva, o que queremos é que os cidadáns se sintan identificados con esta proposta, e que aumente o orgullo de pertenza a Pontevedra", rematou o alcalde.