A segunda edición de Descúbreas preséntase cun concerto conducido por Wöyza

O acto, que terá lugar este venres no Pazo Provincial, incluirá a actuación do grupo Rebel Spirit, formado dentro do programa do Concello de Pontevedra Xeración Sónica
A cantante e produtora Wöyza nunha foto promocional.
photo_camera A cantante e produtora Wöyza nunha foto promocional. DP

O salón de plenos do Pazo Provincial acollerá este venres (19.00 horas) o concerto presentación da segunda edición de Descúbreas, programa da Deputación de Pontevedra en colaboración con Regalamúsica para promover a igualdade na industria musical. No acto, conducido pola cantante e produtora Wöyza, actuarán as cinco das mozas que participaron neste programa de orientación e asesoramento da edición anterior. Eva, Sara, Inés, Law e Xía, interpretarán as súas cancións xunto a docentes e estudantes de escolas de música da provincia. 

Tres das alumnas de escolas de música que participarán na gala son as integrantes do grupo Rebel Spirit, que se formou dentro doutro programa de asesoramento musical, neste caso do Concello de Pontevedra e dirixido a adolescentes, Xeración Sónica. Son Raisha Méndez Guerra (baixista e cantante); Soraya Adán Es-Salehy Sory (batería) e Andrea Vieira Fariña (guitarra). En canto ás docentes que actuarán son María Pérez (pianista e propietaria da Academia Compás de Vigo) e Paula Rego (profesora da Escola Bonobo de Pontevedra, amais de batería da banda Agoraphobia). Outras sete alumnas da escola Maison do Porriño ofrecerán a sorpresa final do concerto.

Entre as docentes que participarán no espectáculo está Paula Rego, profesora da Escola Bonobo de Pontevedra, amais de batería da banda Agoraphobia

"Profesoras e alumnas prepararon de forma especial para este evento as adaptacións das cancións que as mozas de Descúbreas gravaron e publicaron o ano pasado en todas as plataformas dixitais", explica a Deputación. "Este proceso formou parte do programa de mentoring que facilita a mozas músicas creadoras as ferramentas necesarias para impulsar o seu proxecto musical". Wöyza é, de feito, unha das mentoras que colaboraron o ano pasado co programa. Entre as profesionais que asesoran ás mozas este ano está a produtora musical Salomé Limón, gañadora de cinco Latin Grammy en produción musical.

Comentarios