Un concerto de Ortiga na Ferrería reiniciará Cabos Soltos

A iniciativa do Concello incluirá unhas xornadas técnicas nas que se reflexionará sobre o futuro do sector
O músico Manuel González, Ortiga. JANITE
photo_camera O músico Manuel González, Ortiga.

Un dos artistas galegos máis importantes da actualidade, Ortiga, será o encargado de reiniciar o proxecto Cabos Soltos do Concello de Pontevedra. "Agora mesmo é un dos nosos músicos máis relevantes, que mestura tradición e modernidade", sinalou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, responsable desta iniciativa que naceu co obxectivo de amparar dende a administración municipal a dinamización de actividades culturais en pequenos locais. Ortiga ofrecerá o seu concerto o domingo 23 de maio (13.00 horas) na Praza da Ferrería (de balde). "Será unha actuación piloto, que seguirá todas as medidas sanitarias e de seguridade porque nos xogamos moito", explicou Gulías, que ten a intención de que Cabos Soltos siga programando actividades ao longo de todo o verán "e mesmo despois, xa en temporada baixa". 

A proposta realizarase seguindo os protocolos que se aplicaron durante os concertos do verán pasado na cidade: a Ferrería estará perimetrada, instalaranse cadeiras con distancia entre elas e un equipo de seguridade vixiará que non se produzan aglomeracións. A concelleira pediu onte responsabilidade a todos os asistentes, do mesma maneira que se pediu de xeito reiterado o ano pasado á hora de asistir ás propostas desenvolvidas na programación de verán.

O concerto estará precedido por unhas xornadas técnicas nas que se reflexionará sobre o presente e o futuro do sector musical dende distintos puntos de vista. Terán lugar os días 19, 20 e 21 de maio no Pazo da Cultura. "Estas serán as primeiras accións desta nova edición de Cabos Soltos, unha proposta que puxemos en marcha en 2019 cunha dobre finalidade: visibilizar a cultura emerxente e poñer o foco nos pequenos locais que fomentan a cultura de base pontevedresa", dixo Anabel Gulías.

PLAN SUPERA21. A concelleira explicou que Cabos Soltos se recuperou vinculado ao Plan Supera21 [liña de subvencións municipais destinada a contribuír á recuperación económica tras a pandemia], "co obxecto de que sexa un balón de osíxeno para o sector cultural e tamén para o da hostelería, que enfronta agora mesmo un trance moi difícil, o da recuperación de certa normalidade".

A promotora da empresa musical Dotbeat, Patricia Hermida, foi a encargada de falar das xornadas técnicas que servirán para poñer en marcha Cabos Soltos. "O obxectivo é pór o foco nunha situación que parece normalizarse desde a crise sanitaria, a da contorna dixital, para, sendo críticos, ver cando se está a xerar oportunidades e cando supón unha perda de valor", sinalou. Entre outras cousas, os relatorios tratarán cuestións como a exposición dixital permanente dos artistas, o papel das administracións nesta crise e o futuro das salas de concertos ou dos festivais de música. As charlas contarán cun acceso limitado de 25 persoas (previa inscrición) e tamén poderán seguirse en liña.

Ferramentas dixitais, reportes económicos e dereitos de imaxe
As xornadas técnicas da semana que vén intercarlarán relatorios con obradoiros especialmente dirixidos a artistas e axentes culturais. Neles traballaranse temas relacionados coa optimización do uso de ferramentas dixitais, a monetarización da creación en plataformas dixitais e a xestión de dereitos de imaxe nos streaming. Diego Parajó (Local de Música), Miguel Martorell (Altafonte Spain) e Belén Álvarez (Gabeiras&Asociados) serán os encargados de impartir estes talleres.

Comentarios