O Consello asesor do Museo presenta a súa dimisión "inmediata e irrevogable"

Formado por sete persoas de distintos ámbitos culturais, fora nomeado en 2020 pola Deputación ▶ Entre as razóns que esgrimen, a "designación a dedo" da nova directora e a toma de decisións "de orde partidista" ► Rafa Domínguez agradécelles o traballo desenvolvido e lembra que a renovación do órgano xa estaba na súa "folla de ruta"
Primeira reunión do Consello asesor do Museo de Pontevedra en xaneiro de 2020. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Primeira reunión do Consello asesor do Museo de Pontevedra en xaneiro de 2020. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os membros do Consello asesor do Museo de Pontevedra veñen de presentar por rexistro, na Deputación Provincial, a súa dimisión "inmediata e irrevogable". A directora de Esdemga, Lola Dopico; a arqueóloga Beatriz Comendador; o crítico cultural e comisario de exposicións Ramón Rozas; a artista Menchu Lamas; o presidente do Ateneo e escritor, Xaime Toxo; a arquitecta Teresa Táboas e o director da empresa de representación e produción musical Esmerarte, Kin Martínez, eran as sete persoas que formaban parte deste organismo, xunto ao cesado director do Museo, Xosé Manuel Rey; a xefa de xestión, Sonia Mateos, que presentou a súa renuncia a semana pasada, e a presidenta da Deputación ou o deputado provincial que tiña asignadas as competencias, no caso do anterior Goberno, César Mosquera. Nas súas reunións participaba tamén o secretario provincial, Carlos Cuadrado, ao que se dirixiu o escrito de renuncia.

Entre as razóns que os integrantes do consello esgrimen para ter tomado esta decisión está "a toma de decisións de forma unilateral" sobre a dirección do Museo. "Queremos facer saber a nosa disconformidade", indican. Segundo din, entenden que o cesamento do anterior director "responde unicamente a motivacións de orde política" e eloxian o que foi o traballo de Rey como "serio, esforzado e rigoroso". Da mesma maneira, lembran que a súa designación saíu dun proceso competitivo aberto ao que se presentou un proxecto a executar a cinco anos e "non dunha designación a dedo".

Non nos parece apropiado que se nos trate como convidados de pedra e parecer cómplices desta toma de decisións

Por último critican que, dende a chegada do novo Goberno á Deputación, o pasado mes de xullo, non se lles tivese convocado en ningún momento. "Non consideramos oportuno formar parte dun órgano que non está sendo consultado, se non ao que basicamente se ten ignorado dende o cambio de goberno", din. "Non nos parece apropiado que se nos trate como convidados de pedra e parecer cómplices desta toma de decisións que son, en todo caso, de orde partidista, pero que non responden a ningún parámetro de orde técnica".

Con respecto a non seren convocados nos últimos meses, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, fora preguntado a semana pasada tras coñecerse o cesamento de Xosé Manuel Rey e respondera que no mes de decembro tocaba a renovación do órgano (que tiña asignado un período de traballo de catro anos) e que tiña previsto realizar cambios nel.

O consello fora nomeado en xaneiro de 2020 pola Deputación e pola dirección do ente buscando, segundo se dixera daquela, perfís diversos do sector cultural, alleos ao ámbito político e de ampla e contrastada traxectoria profesional. O obxectivo, manifestado tanto por Mosquera como por Rey, era "superar unha dirección de carácter excesivamente personalista" ademais de contribuír a "mellorar o funcionamento operativo, adoptando unha visión plural e compartida a través da participación cualificada de diferentes axentes sociais". Entre outras cousas, das súas reunións saíron as decisións de renovar a imaxe institucional a través dun concurso público, a denominación do Edificio Castelao e a adquisición dos orixinais do Álbum Nós

"Forma parte da nosa folla de ruta"

Coñecida a noticia da dimisión dos membros do consello, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, a través dunha nota de prensa, quixo agradecerlles o traballo desenvolvido ata o de agora, ao tempo que sinalaba que "a renovación do consello asesor forma parte da folla de ruta que temos establecida para abrir o museo á sociedade civil sen distincións ideolóxicas". 

O vicepresidente, que enmarcou estes cambios "nos trámites normais de renovación cando hai cambios políticos", recordou tamén que este Consello asesor do Museo de Pontevedra fora nomeado polo anterior goberno (PSOE-BNG) "e estaba feito a imaxe e semellanza do anterior director". Engadiu tamén que "nos últimos catro anos se tiña reunido formalmente seis veces" e que el aspiraba a incrementar a frecuencia destas xuntanzas. 

Estaba feito a imaxe e semellanza do anterior director

Domínguez comunicou que o actual Goberno (PP) traballaba na redacción dunhas bases que definisen a selección dos novos integrantes que deberán ser, en liñas xerais, "persoas expertas en diversas disciplinas relacionadas coa cultura, o patrimonio e a arte, dándoselle prioridade á inlusión de representantes da comunidade local de Pontevedra e a persoas cun compromiso destacado coa promoción e preservación do patrimonio cultural da cidade". Finalmente tamén anunciou que está previsto incluír "talentos emerxentes", procurando tamén "un equilibrio de xénero". 

Comentarios