Contadores de historias canarios, portugueses e arxentinos participarán en Sete Falares

O encontro de narración oral de Pontevedra, que se celebrará entre o 2 e o 8 de xuño, incorpora o espazo do Parador de Turismo e recupera os das Ruínas de San Domingos e do CITA  ▶ O espectáculo inaugural, a cargo de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Guti, será de pago, ao igual que o de clausura, de carácter colectivo
Quico Cadaval nun espectáculo de Sete Falares en 2023. GONZALO GARCÍA
photo_camera Quico Cadaval nun espectáculo de Sete Falares en 2023. GONZALO GARCÍA

O cobro de entrada para os espectáculos de apertura e de clausura e a incorporación do espazo do Parador de Turismo, á parte da recuperación das Ruínas de San Domingos e do CITA como escenarios, son as principais novidades do XII Encontro Internacional de Narración Oral Sete Falares, que se celebrará entre o 2 e o 8 de xuño en diferentes localizacións de Pontevedra. Os responsables do festival, Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso, de Pavís Pavós, "un luxo que temos nesta cidade", en palabras do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentaron este luns a programación da proposta, que inclúe actuacións de contadores chegados das Illas Canarias, Portugal ou Arxentina.

"Este ano chegaremos a arredor de 100 narradores nesta proposta", comentaron os responsables, que lembraron que dende que nacera en 2012 Sete Falares só se deixou de celebrar nunha ocasión (en 2020) a causa da pandemia. "Hai que lembrar que este encontro é de contadores de historias para adultos", lembrou Xacobe Rodríguez, antes de reivindicar a importancia da recollida e transmisión da tradición oral. "Porque unha sociedade que conserva as súas historias conserva a súa memoria", dixo. 

"Unha sociedade que conserva as súas historias conserva a súa memoria"

Na edición deste ano a principal novidade é que dous espectáculos serán de pago. Trátase do inaugural, Tres vellas na romería, a cargo de Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez Guti e Quico Cadaval; e do de clausura, que subirá ao escenario do Teatro Principal a seis dos contadores de Sete Falares da edición deste ano. As entradas teñen un prezo de 8 euros (con desconto para estudantes, desempregados e maiores de 65 anos) e están á venda en ataquilla.com. Os dous terán lugar no Teatro Principal.

Xacobe Rodríguez, Tareixa Alonso e Demetrio Gómez (de esquerda a dereita) na presentación da Sete Falares. GONZALO GARCÍA
Xacobe Rodríguez, Tareixa Alonso e Demetrio Gómez (de esquerda a dereita) na presentación da Sete Falares. GONZALO GARCÍA

A outra gran novidade é que o antigo convento de Santa Clara desaparece das localizacións, "por ningunha razón en particular, simplemente nos gusta variar os espazos", e incorpórase o Parador do Turismo, onde se celebrará unha sesión vermú o sábado 8 de xuño a cargo do contador arxentino afincado en Portugal Rodolfo Castro. A maiores, Sete Falares recupera dous escenarios que xa empregara en diferentes edicións: as Ruínas de San Domingos, un espazo do Museo de Pontevedra, e o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), que xestiona o Concello.

A programación mantén o seu roteiro de historias, unha proposta que convida ao público a facer un percorrido polo centro da cidade entre contos. Será na noite do 7 de xuño, onde distintos narradores se cruzarán cos participantes en diferentes espazos. Nesta proposta van saíndo catro grupos de 50 persoas do Teatro Principal en diferentes horarios (21.00, 21.20, 21.40 e 22.00 horas). A participación é gratuíta, pero hai que recoller as invitacións no propio teatro dende as 20.30 horas

Polo que se refire aos narradores da edición deste ano, ademais dos mencionados, están o canario Ernesto Abad, profesor da Universidade de La Laguna e director do Festival Internacional del Cuento de Los Silos, un dos máis destacados do seu ámbito no territorio estatal; os portugueses Vítor Fernandes e Estefánia Surreira, que xuntos conforman Dois dos Montes, de Trás-os-Montes; e os galegos Dani Blanco, Atenea García e Cris de Caldas, á parte dos anfitrións, Pavís Pavós.

A información completa sobre as localizacións e os horarios pode consultarse na páxina do festival.

Comentarios