Contos e jazz pola rúa para celebrar o Día Mundial da Narración Oral

A conmemoración da data en Pontevedra inclúe contadas en todos os hospitais da área sanitaria e un espectáculo de Celso Fernández Sanmartín no antigo convento de Santa Clara
Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Bea Campos facendo un selfie pola rúa durante os actos do Día da Narración Oral. RAFA FARIÑA
photo_camera Pavís Pavós, Polo Correo do Vento e Bea Campos facendo un selfie pola rúa durante os actos do Día da Narración Oral. RAFA FARIÑA

Contos pola rúa acompañados de jazz. Contos en todos os hospitais da área sanitaria. E contos no antigo convento de Santa Clara. Pontevedra conmemorou este luns ao grande o Día Mundial da Narración Oral cunha programación de actividades que se prolongou durante toda a xornada e que encheu de historias distintos espazos da cidade.

No caso da capital da provincia, o Concello e o festival Sete Falares son os promoven esta celebración, "que comezou nos anos 90 en Suecia e que posteriormente se estendeu por todo o mundo", lembrou durante a presentación da actividade a concelleira de Festas, Carme da Silva. "O obxectivo é reivindicar a arte da narración oral que en Galicia en xeral, e en Pontevedra en particular, conta cunha tradición moi importante". En Galicia son exactamente catro os colectivos que promoven esta conmemoración do 20 de marzo: os festivais Atlántica (interterritorial), Falando a boca chea (A Coruña), Sete Falares (Pontevedra) e a asociación Noga (Narración Oral Galega).

Celso Fernández Sanmartín durante a súa contada en Santa Clara polo Día da Narración Oral. RAFA FARIÑA
Celso Fernández Sanmartín durante a súa contada en Santa Clara polo Día da Narración Oral. RAFA FARIÑA

Pavís Pavós, que é o grupo de contacontos que está detrás de Sete Falares, foi precisamente protagonista dunha das propostas centrais da conmemoración, a que tivo lugar pola tarde entre a Praza de España e a Praza da Peregrina. Xunto a Polo Correo do Vento e Bea Campos contaron contos acompañados pola Street Band, unha agrupación de jazz.

Despois diso, no antigo convento de Santa Clara, o contador de Lalín Celso Fernández Sanmartín protagonizou un espectáculo de narración oral. 

 
O outro espazo no que onte se contaron contos foron os tres hospitais da área sanitaria. Esa proposta, dirixida tanto a público infantil como a público adulto, desenvolveuse fundamentalmente pola mañá. Bea Campos actuou no Hospital de Montecelo. Raquel Queizás, Carmen Domecq, Soledad Felloza e Quico Cadaval fixérono no Hospital Provincial. E, finalmente, Olga Abad estivo no Hospital do Salnés

O contador retirado José Campanari foi o autor do manifesto galego deste ano polo Día Mundial da Narración Oral. "Fixo unha reflexión moi linda", avanzou Tareixa Alonso, de Pavís Pavós, na presentación da festa. Nel pódese ler: "O misterio que gardan as historias segue voando polos aires".

Comentarios