Os contos toman o Pazo da Cultura contra a emerxencia climática: "Desplastifícate!"

A inauguración do Salón do Libro non contou coa tradicional apertura de portas para evitar aglomeracións
Espectáculo inaugural de Orbil no Salón do Libro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Espectáculo inaugural de Orbil no Salón do Libro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Co planeta presidindo o escenario e unha mensaxe clara a prol do coidado do medio ambiente inaugurábase este venres o XXII Salón do Libro, a primeira edición presencial da era covid. Os contos desembarcaban no Pazo da Cultura da man dun espectáculo inaugural, dirixido por Marcelo Dobode e presentado por Mariña Paz, no que se mencionaba a importancia da biodiversidade, o SOS dos océanos e a ameaza da contaminación. "Non máis plásticos. Desplastifícate!", cantaba a protagonista do número que encetou un programa de máis de dúas semanas de actividades.

"Este ano non podemos facer unha inauguración como as de sempre, abrindo as portas para que entrasen todos os nenos e nenas. Este salón esta pensado para gozar dunha maneira distinta, pero non ten por que ser peor", declaraba a este periódico a coordinadora do evento, Eva Mejuto.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, pedía ao público que respectase as normas de seguridade que fora preciso implementar nesta edición por mor da pandemia. Neste sentido, unha das novidades deste Salón é que sae do Pazo e busca emprazamentos no exterior para as súas actividades sempre que o tempo o permita.

No acto de presentación, houbo unha mención especial á librería Seijas, que pecha este ano as súas portas tras 40 anos de actividade. A súa libreira, Nenuca, subiu ao escenario e agradeceu o traballo do Concello no fomento da literatura infantil á vez que recordaba as primeiras edicións do Salón do Libro.

Tal e como recordou Mejuto, a cita deste ano é fundamental tamén para un tecido cultural que padeceu especialmente o parón da pandemia. "Apostamos polo sector creativo galego e por iso investimos nel", destacaba a coordinadora do encontro. Tras o espectáculo, o alcalde deu a benvida ao público expresando que "non hai virus que poida coa forza da palabra e non hai pandemia que acabe coa nosa necesidade de perdérmonos noutros mundos para atopármonos dentro deles".

Do mesmo xeito, Fernández Lores expresou a necesidade de volver ás citas culturais e recordou como a anterior edición do Salón do Libro tivo que ser suspendida presencialmente "pero logo abrimos a xanela virtual para as familias e para os profesionais da cultura que mantiveron actividades en liña, remunerando o seu traballo". Tamén aproveitou para facer bandeira da cidade de Pontevedra e o seu modelo sustentable e respectuoso co medio ambiente nunha edición na que o Salón se pon como obxectivo salvar o planeta cunha arma tan poderosa como os libros.

Javi IMPORTANTE Pazo da Cultura. Inauguracion do Salon do Libro.

Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro: "O Salón do Libro este ano é máis importante que nunca; vai ser referente a moitos niveis" 


No primeiro día dun Salón do Libro adaptado ás circunstancias, a súa coordinadora recoñece os nervios polos preparativos do evento.

Como foi organizar o Salón do Libro neste ano?

A nivel organizativo foi moi complicado por moitas circunstancias. A necesidade de garantir a seguridade dificulta moito o traballo técnico e loxístico. Pero asumímolo con ánimo porque o Salón deste ano é máis importante que nunca. É certo que organizar un evento como este, cunhas 200 actividades nun ano no que se fixo moi pouca cultura é un reto moi importante. Ademais, o que se faga aquí vai ser referente a todos os niveis porque é un dos primeiros grandes eventos que se celebran dende o comezo da pandemia. Contabamos cunha fin de semana esplendorosa de sol na Illa do Covo e na Fracha, pero teremos que adaptarnos. Ademais, sempre temos un plan B para as actividades previstas no exterior. 

Este ano é preciso reservar entradas para poder asistir aos espectáculos, como está a funcionar a reserva?

No momento no que saíron as entradas saturáronse as redes. Hai que ter en conta que estamos aplicando niveis de seguridade por enriba das restricións que hai actualmente. Se no Salón de Actos do Pazo caben 500 prazas, agora só damos 100. Estamos falando de cinco veces menos, por iso é normal que haxa xente que quede fóra. De todos os xeitos, nunca tivemos semellante avalancha de solicitudes que fixesen que as entradas se esgotasen tan rápido. Había moita expectativa e expectación por esta edición, con todas as novidades que supón, como as actividades fóra. O bo é que temos Salón ata o día 9, así que esperamos que o tempo mellore. A primavera é moi cambiante e haberá días de sol. Por outro lado, as actividades van facerse igual en interior no caso de que chova, o único que non se pode cambiar é o contacontos na Fracha. Temos tamén unha furgoneta itinerante con libros que percorrerá as parroquias, o Rodalibros, e que supón unha das principais novidades. Haberá días que pode que se teña que suspender polo mal tempo.

Fálase de que os adultos están cansos das restricións e precisan recuperar a actividade cultural e social, pero e os nenos e nenas? Precisan máis que nunca deste Salón?

Para un neno que vai a unha actividade do Salón esa é tamén a oportunidade de atoparse con amigos. É unha forma de recuperar a normalidade dende a seguridade. O Salón sempre foi un punto de encontro, desta vez buscamos que sexa unha festa dos reencontros. Temos un programa moi ambicioso. Con teatro os venres pola tarde, por exemplo, con funcións moi potentes. É unha programación moi gorentosa. Este ano pedimos que a xente veña tamén entre semana para gozar dos espazos e que non se concentre todo o mundo na fin de semana, algo que non vai pasar porque hai que reservar a entrada. Temos que cumprir moitas normas, que non nos gusta, pero o primeiro é a saúde. Por iso pedimos tamén paciencia e empatía ao público, porque a loxística é máis difícil para as que traballamos no Salón.

Comentarios