Cora Velasco, cantante e compositora

"Isto xa non é algo provisional"

Cora Sayers morreu! Viva Cora Velasco! A cantante, compositora e actriz presenta 'Sortilegios' o 1 de febreiro no Principal

Cora Velasco (Pontevedra, 1991). JAIME OLMEDO
photo_camera Cora Velasco (Pontevedra, 1991). JAIME OLMEDO

Xa non existe Cora Sayers?
Non, xa non existe. Sigo sendo a mesma, pero o apelido cambiou. E penso que para ben. Estou nun momento de punto e á parte clarísimo, de cambio de capítulo, e necesitaba desprenderme dese apelido no que xa non me recoñecía. Agora mesmo éme alleo. Era necesario deixalo atrás e presentarme como o que son: Cora Velasco e punto.

E, como Cora Velasco, o primeiro disco que lanza é Sortilegios.
É un disco que foi xestado durante o último ano, salvo un tema. Quedou un traballo curto, pero que é xusto co que quero traballar. Nin Javier nin eu pensamos que era necesario meter ningunha canción máis. Inclúe unha versión dunha canción marabillosa. E o título do traballo está sacado das historias de Harry Potter. É unha palabra fermosísima, que non se emprega moi frecuentemente.

Salvo en Hogwarts.
Salvo en Hogwarts, claro! Pero eu son unha muggle de merda (ri).

Fala de Javier, unha persoa fundamental en Sortilegios. Quen é?
Uf, unha persoa súper importante. É Javier Abreu, o produtor do álbum. Para min traballar con el era un soño e, despois de facelo, sinto que cursei un máster. O traballo non tería sentido sen el. Foi unha figura fundamental. Cambiou a miña forma de facer e de ver as cousas.

En que sentido?
Por exemplo: agora compoño dun xeito diferente. Canto dun xeito diferente. El axudoume a quitar vicios que fun adquirindo ao longo dos anos. Son cousas que realizas case por inercia ata que alguén que sabe che di que podes probar algo diferente. Grazas a el ampliei as miñas miras. As letras para min, sobre todo dende que comecei a compoñer en castelán, teñen moitísima importancia. Neste sentido, outra persoa clave foi Jorge Drexler. A experiencia de telonealo foi reveladora. Foi a primeira persoa que me dixo que lle tiña que dar valor a cada palabra. A miña idea do que é a música e do que significa para min mudou moitísimo no último ano. Abrir o concerto de Drexler, velo a el traballar, serviume para entender que, se quería adicarme á música en serio tiña que empezar a cambiar, tiña que dar un paso máis e arriscar de verdade. Foi o que fixen este ano: arriscalo todo. Isto xa non é algo provisional.

"Decateime de que se quería adicarme a isto en serio tiña que dar un paso máis e arriscar. Foi o que fixen: arriscalo todo"

É entón unha artista moi diferente á que lanzou o seu primeiro disco, I'm home (2015)?
Totalmente! Para min I'm home é un disco que queda súper lonxe. De feito, non son capaz de escoitalo. Póñome moi nerviosa. Foi un traballo que fixen naquel momento, que me servíu para aprender moito, pero co que non teño nada que ver agora. Se me dixeran que o fixo outra persoa, creríao.

Foi un paso necesario para chegar aquí, pero xa non se recoñece nel.
Exacto. Pero un paso impulsa o seguinte. Aínda que nalgún pises un cravo ou torzas un pé, é fundamental para seguir avanzando.

Mencionaba antes a versión que incluíu no disco, Arponera, de Esclarecidos. Por que a escolleu?
Quería incluír unha versión no disco dende o principio. A min, a quen máis me apetece versionar era, por suposto, a Antonio Vega, pola conexión que sinto coa súa música. Igualmente está presente no disco, porque está presente en todo o que fago. No tema La delicadeza fágolle unha especie de petición para que me guíe, a min, que teño tantas inseguridades e dúbidas. Pero no tema da versión fíxome cambiar de opinión, de novo, Javier Abreu. Propúxome non tirar ao fácil e explicoume que o interesante á hora de escoller o tema era buscar algo diferente ao que fas ti, para descubrir cousas e poder experimentar. Eu o que tiña claro era que tiña que gustarme a canción que escollera. Así que me puxen a revisar cancións na miña carpeta de Favoritos de Spotify e atopei Arponera, que me descubrira o meu mozo hai tres anos. A Javier encantoulle a idea e fixémola. Estou súper contenta de como quedou. O outro día, en Radio 3, Julio Ruiz dixo que cría que non se fixera unha versión antes dela, así que máis contenta aínda.

E encaixa moi ben no disco.
Por varios motivos. Porque ten un algo de fantástica; porque é unha canción de amor que se sae dos estándares de te quiero, te adoro, etc., e porque resulta un tanto contraditorio que interprete esa letra sobre unha arponera que vai cazar baleas por Gibraltar alguén coma min, que son vegana.

«Me encantan los gatos y la comida vegana», di na súa páxina de Facebook.
Si! Ao traballar con Javier Abreu e co seu equipo de Regalamúsica, tamén aprendín moito sobre como comunicar nas redes. Aprendín que na miña descrición tiña que contar cousas que falaran de min. Pois aí está: encántame durmir, encántanme os gatos e encántame a comida vegana. Esa son eu.

Os gatos encántanlle ata o punto de que os dous que aparecen no artwork do disco son os seus.
Son as miñas gatiñas: Amiguita e Vitrasa. Son adoptadas e quéroas moitísimo. Sempre son as primeiras en escoitar as miñas cancións. O deseño do disco estivo coordinado pola miña curmá, Noela Covelo. E realizouno Natalia Umpiérrez.

Ten moitas ganas de subir ao escenario do Teatro Principal [venres, 1 de febreiro, 21.00 horas, ataquilla.com, 10,00 euros]?
Estou morta de medo! Tiven ata pesadelos (ri). Estou moi nerviosa. Creo que nunca preparei tanto un concerto. Estarei acompañada polos meus músicos: Nico Lysergic á batería, Carlos Gil ao teclado e á guitarra e Rubén Iglesias ao baixo.

Comentarios